18 de maio de 2022

DEPORTES

BALONMAN

Abel González dirixirá ao Atlético Guardés a próxima tempada 

· O técnico asturiano, ata o momento segundo adestrador e coordinador da base, poñerase a fronte do equipo no curso 2022/23 

· González desempeñou diversas funcións na entidade  miñota na última década e agora asume o reto de dirixir ao primeiro equipo 

· Joâo Mesquita continuará sendo un ano máis o encargado da preparación física 

· O equipo técnico e o club traballan na incorporación dun segundo adestrador, que se pechará nos próximos días 


De esq. á der.: Abel González, Jesús López e Joâo Mesquita
Foto: A. G.

Infogauda / A Guarda

 Abel González Colorado será o adestrador do  Mecalia Atlético Guardés na tempada 2022/23. O club  miñoto aposta por unha solución da casa para ocupar o posto que deixa vacante José Ignacio  Prades tras seis exitosas tempadas. O técnico asturiano, ata o momento segundo adestrador e coordinador da canteira, asume a responsabilidade e dá un paso adiante para poñerse á fronte do equipo, na que será a súa primeira experiencia como primeiro na máxima categoría.  

 Abel xa tivo a oportunidade de probar esa sensación esta mesma tempada. Foi de forma interina, mentres Prades estivo de baixa por unha intervención cirúrxica. Nese período, González dirixiu ao Atlético Guardés en dous partidos de notable dificultade e en ambos os dous logrou a vitoria. Co asturiano como técnico principal, o  Mecalia superou na Sangriña á Aula Valladolid (30-26) e ao Elxe (25-21).  Entremedias quedou sen xogarse o derbi en Porriño - disputouse o pasado 13 de abril (21-22) -  por un brote de coronavirus no persoal guardés.  

 Apostar por Abel González significa apostar por un home da casa. O adestrador, nacido na bela localidade asturiana de San Juan de La Arena en 1966, xa estaba no club antes da chegada de Prades. Formou parte do corpo técnico de Manu  Etayo e coa incorporación do técnico alacantino pasou a integrarse no seu equipo. Xuntos conquistaron o título de Liga en 2017.   

 A traxectoria do asturiano é amplísima. Durante máis unha década foi xogador de Asobal con pasos destacados por Cangas e Teucro - ademais de San Antonio de Pamplona e  Naranco de Oviedo - para finalizar a súa etapa de curto en Lalín, onde comezou a súa carreira como adestrador. De feito, ambas as traxectorias se solaparon no curso 2000/2001.   

 Abel desenvolveu case toda a súa bagaxe como técnico en Galicia, onde leva totalmente fincado desde hai décadas. Coa única excepción da tempada 2004/05, na que militou no África Ceutí, o novo adestrador do Atlético Guardés traballou en diversas funcións técnicas en Lalín, O Porriño, Chapela, Bueu e Novás. Na campaña 2012/2013 arribou na Guarda para dirixir ao equipo masculino, por aquel entón en Primeira Autonómica, ademais de vivir as súas primeiras experiencias con conxuntos femininos no Cadete e o Infantil. Tras un ano de pausa, volveu para ser o segundo de Manu Etayo e continuou con José Ignacio Prades desde o curso 2016/2017 (título de Liga), cunha paréntese de tres anos, nos que traballou en propagar o balonmán na zona da Mariña, exercendo de coordinador no Viveiro, ademais de ser seleccionador galego cadete feminino.  

 Esta mesma tempada regresou ao Atlético Guardés para asumir a coordinación da base e o desenvolvemento dun equipo masculino con notables éxitos, ademais de formar parte do grupo de traballo de José Ignacio  Prades. Agora, coa marcha do adestrador  petrerí, chégalle o momento de asumir o papel de técnico principal.   

Joâo  Mesquita, renovado 

 Xunto a Abel continuará Joâo  Mesquita. O preparador físico portugués deixou unha sensacional impresión no seu primeiro ano na Guarda. A pesar da súa mocidade -en agosto cumprirá 24 anos-, desenvolveu un fantástico traballo coas xogadoras, que mostraron un gran nivel físico, mesmo en tramos da tempada moi cargados como o do mes de novembro ou máis recentemente na Copa da Raíña. E aínda que o  Mecalia Atlético Guardés tivo moi mala sorte coas lesións, practicamente ningunha foi de índole muscular. Case todas as doenzas que supuxeron baixas obedeceron a problemas articulares. Desde o cruzado de Hanna Nunes, ao tendón de Aquiles de Carolina Silva, pasando polas lesións de xeonllo de Ángela Nieto e Lorena Pérez ou a  luxación de ombreiro de Sandra Santiago, que, ademais, produciuse coa selección portuguesa.   

 Este gran nivel do preparador do Porto foi moi apreciado na entidade, que non dubidou en ofrecerlle a renovación.  Mesquita, que ademais formou parte do persoal do equipo masculino, está encantado na Guarda e continuará no club, agora formando parte do corpo técnico de Abel González.  

 A ese equipo fáltalle unha peza, a do segundo adestrador. O Atlético Guardés e o propio Abel están a traballar niso e un bo tramo do proceso está completo. Nos próximos días esperan pechalo e anunciar o nome da persoa que acompañará ao adestrador asturiano e ao preparador físico portugués na aventura da tempada 2022/23.

OPINIÓN

Editorial

CORTES NA SUBMINISTRACIÓN DE ENERXÍA ELÉCTRICA

QUEN RESPONDE DESAS INCIDENCIAS?


Foto: Cedida

 Desde fai varias semanas véñense producindo cortes na subministración eléctrica que acontecen en diferentes momentos da xornada e mesmo en días consecutivos. Esas incidencias afectan a un número indeterminado de usuarios, tanto particulares como a establecementos comerciais e industrias.

 Os devanditos cortes prodúcense sen que existan causas aparentes que os xustifiquen, xa que téñense constatado en momentos nos que non hai ningún adverso climatolóxico. E decir, nin tronadas, nin temporais. 

 O feito de acontecer eses cortes na subministración pon negro sobre branco que o discurso dun representante da empresa FENOSA, proferido fai máis de 32 anos, no antigo restaurante Juan, de Martín (O Rosal),  nunha xornada de promoción da tarifa nocturna, afirmando que cando estivese en funcionamento a subestación de Pancenteo (O Rosal) non se produrían cortes no servizo eléctrico, xa que como a corrente eléctrica ía ir en anel, se fallaba por algún lado, de inmediato daríase servizo por outro. Xa daquela o cronista puxo en cuestión tal afirmación, e mesmo anticipoulle ao voceiro da devandita empresa que chegaría un día en que íaselles acabar o monopolio, e que os clientes poderían elexir a compañía subministradora. O portavoz de FENOSA replicounos decindo que iso non o veríamos. Pois tamén niso errou ese cabaleiro. Pasarían algúns anos e aquela afirmación que lle avanzamos fíxose realidade.

 Con todo, a cuestión que nos ocupa agora mesmo non é outra que os cortes no subministro eléctrico. E neste caso, aos afectados, clientes das empresas eléctricas, soio nos quedan dúas opcións:    

a) Presentar as correspondentes recramacións. 

b)  Continuar aturando os devanditos cortes e como moito, queixarnos a ver se alguén pon a cara por nós.

 Para as persoas que – sendo clientes de Naturgy - desexen deixar constancia das súas queixas, hai dous números de teléfono:

900 111 999

900 333 999

 Chamando a calquer deses números vánnos atender e mesmo nos indican como podemos presentar as recramacións, facilitándonos a páxina web de Unión Fenosa Distribución – www.ufd.es – e mesmo o correspondente enderezo electrónico a onde dirixir as eventuais recramacións e/ou queixas. Probablemente tamén nos dirán que os cortes son debidos a “actualizacións na rede” ou calquer outra evasiva semellante.

 En calquer caso, como os devanditos cortes afectan indiscriminadamente a moitos usuarios, coidamos que non está de mais que as persoas que o desexen, deixen constancia das súas posibles queixas. Polo demais, falalo cos veciños, amigos,…, no bar, na rúa,…, de pouco ou nada serve.

 O que sí é certo e que o prezo do servizo eléctrico está sendo oneroso para á maioría da cidadanía e para as empresas, e non vemos razón que xustifiquen os reiterados cortes na subministración.

 Asemade, non estaría de máis, que as corporacións municipais dos concellos do Baixo Miño, por ser as administracións máis próximas á cidadanía, adoitasen os correspondentes acordos para demandar un servizo electríco en condicións, acorde cos tempos que nos tocou vivir. 

 Estamos no século XXI. Xa vai sendo hora de que as empresas subministradoras cumplan coas súas obrigas.

 Infogauda

A GUARDA

Presentación do libro Unha Etapa Estelar e Conflictiva de Galiza

No Centro Cultural de A Guarda, o xoves 26 de maio, ás 20:00 h.




A. C. Xuliva / A Guarda

  O libro Unha Etapa Estelar e Conflictiva de Galiza vai ser presentado na vila de A Guarda. Será a vindeira quinta 26 de maio, ás 20h, no Centro Cultural, e contaremos coa presenza da escritora Marta Dacosta e do autor do libro, Francisco Rodríguez.  

 O libro trátase do primeiro volume dunha obra que percorre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza e a posterior crise da segunda metade do século XIV. Feito con vontade de deitar luz sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións que sobre ese período se teñen producido, o libro nace tamén da necesidade de colaborar ao coñecemento sobre a nosa historia.

A GUARDA

A Guarda acollerá o espectáculo de humor “Dúas mulleres de bandeiras+1”  

Que terá lugar na praza de Avelino Vicente, o domingo día 22 de maio,  ás 18:00h

Coa participación de Cristina Maró, Nerea Garmendia e Rafa Durán




Infogauda / A Guarda 

 A praza de Avelino Vicente,  acollerá o vindeiro domingo día 22 de maio ás 18:00 horas, o espectáculo de humor “Dúas mulleres de Bandeiras+1”. En caso de chuvia realizarase no Centro Cultural.  

 Neste espectáculo de monólogos as actrices Nerea Garmendia e Cristina Maró  falan  en clave de humor das súas calamidades e de como, grazas ao positivismo, as dificultades poden ser unha arma para enfrontarse á vida. Contarán experiencias sobre o amor, a vida e as súas enfermidades. O dúo de actrices estará acompañado polo presentador da TVG Rafa Durán, quen complementará o espectáculo coa axuda e a complicidade do público, asegurando así a diversión para tódolos presentes na tarde do domingo.   

 As dúas actrices, cunha larga traxectoria en televisión, cine e teatro padecen enfermidades como epilepsia e xordeira no caso de Nerea Garmendia, ou esclerose múltiple, no caso de Cristina Maró, e por iso queren demostrar ante o público que a pesar de que as veces non nos sorría a vida,  con sentido do humor e forza pódese saír adiante.   

Sobre as actrices e o presentador  

Nerea Garmendia

 Actriz e presentadora vasca é coñecida especialmente polas súas aparicións no programa cómico Vaya semanita, da ETB,  e na serie Los hombres de Paco (Tele 5), así como pola súa presenza en outros programas como La noche... con Fuentes y Cía (Tele 5),  90-60-90, diario secreto de una adolescente, La Reina del Sur (Antena 3 e Telemundo),  Los Quién (Antena 3), etc.  

Cristina Maró

 Actriz e presentadora galega coñecida polas súas intervencións como presentadora  nos informativos especiais da TVG, en Land Rober ou na segunda temporada de Calendario extravagante. Mais tamén tivo incursións na televisión nacional, en programas como  La hora de José Mota (TVE 1) ou La Tira (La Sexta), así como reporteira de La Sexta. Así mesmo é actriz de cine e teatro, destacando títulos como El Ladrón de Reliquias (2003, José Cora), Blockbuster (2013, Tirso Calero) ou a serie Aída (2008, Telecinco)  

Rafa Durán 

 O presentador e cómico natural de Baiona, conta xa con máis de 13 anos de experiencia en escenarios, locais, eventos, galas, televisión, etc… En televisión ten encabezado varios formatos sobre todo na canle autonómica galega, pero tamén a nivel nacional: “Comando Chef”  (TVG),  “Buenas Noches y Buena Suerte” (Antena3), “De Buena Ley” (Telecinco), “Devino” (V Televisión), “Polo Chan”  (TVG),   “Mientras duermes”  (Telecinco), “O clan dos impostores” (TVG), “Máis galego”  (TVG), “Imos de feira” (TVG), “Estache bo!” (TVG)…  

 Ténse especializado na condución e dinamización de eventos de coñecidas empresas e tamén foi imaxe de varias marcas.

A GUARDA

A comunicación por ferri entre A Guarda e Caminha permanecerá interrompida todo o ano pola avaría no embarcadoiro da Pasaxe  

Os graves problemas que ten o peirao de atraque do ferri na marxe galega fan inviables as viaxes do barco que cubre o servizo de trasporte de pasaxeiros e vehículos entre A Guarda e Caminha. 

Portos de Galicia resolveu o contrato de cesión da Estación Marítima da Pasaxe ao concello da Guarda cando estaba a punto de producirse a adxudicación da explotación do inmoble como cafetería-restaurante a unha empresa local


De esq. á der.: Antonio Lomba. alcalde de A Guarda; Susana Lenguas, presidenta de Portos de Galicia; e Miguel Alves, presidenta da Câmara Municipal de Caminha

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 Ainda que ao respecto, xa informáramos oportunamente neste xornal dixital transfronteirizo, a continuación imos reproducir literalmente, a nota de prensa que no día de hoxe, mércores 18 de maio de 2022, o Concello de A Guarda fixo pública, e que dí o seguinte:

 "Na reunión mantida á petición do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, coa presidenta de portos de Galicia, Susana Lenguas, á que tamén acudiu o presidente da cámara de Caminha, Miguel Alves, a responsable das instalacións de atraque do ferri trasladou aos mandatarios municipais a grave situación actual do embarcadoiro e a complexidade da reparación que hai que acometer. 

 A preocupación dos responsables dos concellos da Guarda e de Caminha pola comunicación entre as dúas vilas e a ausencia de noticias fiables en relación a reparación da avaría no peirao, foron o motivo de concertar unha xuntanza entre os alcaldes e Portos de Galicia. 

 As inquedanzas dos alcaldes foron compartidas pola presidenta de Portos de Galicia que confirmou que, despois da valoración do estado actual do peirao, estase a elaborar un estudo técnico que servirá de base para a redacción do proxecto de rehabilitación. Susana Lenguas foi cautelosa en canto a contía e prazos para executar a reparación. En calquera caso avanzou que a obra podería rondar os 300.000 € e en canto a execución habería que pensar en 2023. 

 Hai que ter en conta que esta situación de falta de comunicación entre as dúas vilas do esteiro do miño xa non é de agora. Primeiro foi o peche de fronteiras con motivo da pandemia do COVID-19 e dende o verán de 2021 ven motivada pola avaría do peirao. A falta comunicación entre A Guarda e Camiña resulta moi prexudicial para o mantemento das relacións sociais e económicas entre as dúas vilas raianas: para a veciñanza das dúas localidades, para o transito de turistas e visitantes e para o paso dos peregrinos que seguen o camiño portugués da Costa. Por este motivo, Antonio Lomba, co apoio dos alcaldes e alcaldesas do Camiño Portugués da Costa e o sector privado vinculado á ruta xacobea, viña demandando da Xunta de Galicia un transporte alternativo ao ferri mentres este non funcionaba. Un transporte alternativo, centrado principalmente en resolver os problemas dos peregrinos, empezou a funcionar a pasada Semana Santa e está permitindo que se recupere a continuidade do camiño a Santiago. 

 “A demanda da veciñanza e a que se produce en tempada alta polos turistas e visitantes non pode ser cuberta polas embarcacións habilitadas na actualidade debido ao súa reducida capacidade e a imposibilidade de transportar vehículos”. Declaraba Antonio Lomba. Asi mesmo dicía “é necesario recuperar o peirao do ferri, ben sexa para este barco ou para outro que poida necesitalo a curto prazo”. 

 Outro tema que Antonio Lomba abordou na reunión con Portos de Galicia foi a resolución do contrato de cesión da Estación Marítima da Pasaxe ao concello da Guarda. O contrato entre Portos e o concello da Guarda tiña vixencia ata o ano 2029 pero a entidade dependente da Xunta de Galicia, alegando cambios normativos, notificou ao concello a extinción do mesmo. 

 As consecuencias inmediatas da resolución do contrato son a anulación do procedemento de licitación que se estaba a producir para a explotación da cafetería da Estación Marítima e por outra banda que Portos se volve a facer cargo do inmoble. Neste sentido o alcalde trasladoulle a Susana Lenguas a petición de que puxeran en marcha algunha actividade no edificio como o concello tiña previsto facelo a través da licitación. “Sería unha pena agora que estaba a punto de adxudicarse a unha empresa local para que empezara a explotala, que Portos decidira quedarse de novo coa Estación para non facer nada nela.” declaraba o alcalde. 

 Dende o concello da Guarda confían en que o próximo verán, tendo en conta que estamos en ano xacobeo e que se espera unha grande afluencia de peregrinos e visitantes, Portos de Galicia poña en funcionamento as instalacións da Estación Marítima da Pasaxe". 

CAMINHA

Apoio da Câmara Municipal de Caminha permitiu ao Sporting Clube Caminhense reforçar frota de competição 

Com três embarcações topo de gama


Cerimónia de bênção das novas embarcações pelo padre Rui Rodrigues
Fotos: C.M.C.



Infogauda / Caminha

 O Sporting Clube Caminhense reforçou a sua frota de competição com três embarcações topo de gama, da marca “Empacher”. O investimento global foi da ordem dos 95 mil euros, tendo o Município concedido um apoio de 60 mil euros.

 Com estas aquisições, à frota do Clube de Remo, fundado em 1926, somam-se agora um Barco 2x/- com respetivos remos, para atletas entre os 65kg e os 80kg; um Barco 4x/- com os respetivos remos, para atletas entre os 65kg e os 85kg, e um Barco Shell 8+ com os respetivos remos, para atletas entre os 80kg e os 90kg.

 Conforme refere o Clube, na continuidade de restruturação e atualização de material desportivo e depois de uma grande aposta no material de formação, “desta vez conseguimos finalmente investir numa frota de competição topo de gama, da marca Empacher”.

 De acordo ainda com o Sporting Clube Caminhense, “a aquisição destas três embarcações, 2x/-, 4x/- e 8+, e respetivos remos de última geração, só foi possível devido ao apoio do Município, à venda de algumas embarcações que já não eram tão competitivas e à oportunidade de negociação de stock of com o fabricante”.

 A cerimónia de bênção das novas embarcações pelo padre Rui Rodrigues, decorreu sábado.

O ROSAL

O Concello abre a inscrición para o campamento de verán do Rosal  

As solicitudes poderán presentarse do 23 de maio ao 3 de xuño. O obxectivo é ofrecer actividades lúdicas e educativas a nenos e nenas ao tempo que se axuda a conciliar a vida familiar e laboral 


Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal abrirá o vindeiro luns 23 de maio o prazo de inscrición para participar no Campamento de Verán municipal, dirixido a nenos e nenas matriculados o curso 2021/2022 en 4º, 5º ou 6º de educación infantil ou en educación primaria. O obxectivo desta iniciativa é “conciliar a vida familiar e laboral a través de actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre de rapaces e rapazas tras rematar o período lectivo”, como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

 O campamento, que se desenvolverá na Escola de Marzán durante os meses de xullo e agosto, contará con 20 prazas de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e outras 10 prazas en horario de 08.00 a 15.00 horas. O prezo por persoa será de 100 ou 125 euros ao mes, dependendo do horario solicitado.

 Poderán solicitar praza aqueles nenos e nenas empadroados no Rosal ou que os seus pais, nais ou titores legais traballen ou posúan un negocio no municipio. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 3 de xuño por Sede Electrónica ou presencialmente no Rexistro municipal en horario de 09.00 a 14 horas con toda a documentación: solicitude de participación, autorización de recollida do ou da menor, cuestionario de saúde e autonomía persoal, fotocopia do DNI do pai/nai/titor/titora do ou da menor, fotocopia do libro de familia, situación laboral, vida laboral e certificado de discapacidade do ou da participante, de monoparentalidade ou de familia numerosa en caso de precisalo.

O ROSAL

Apicultura Niño do Corvo busca terreos forestais no Baixo Miño 

Para implantar  apiarios


Marcos Rodríguez Portela - a der. da imaxe - informando do proceso apícola a un grupo de escolares
Fotos: A.N. do C.



Infogauda / O Rosal

 Apicultura Niño do Corvo é unha empresa de recente creación radicada no municipio do Rosal que ten entre os seus obxectivos a implantación de  apiarios en zonas boscosas da comarca do Baixo Miño para a explotación dos mesmos e a obtención de mel e outros derivados desta actividade.  

 Marcos Rodríguez Portela é o impulsor desta iniciativa empresarial, este emprendedor rexenta desde hai algúns meses a empresa Apicultura Niño do Corvo, ubicada na rúa Ramón Franco, nº 21 no Rosal – Pontevedra, unha empresa dedicada á venda de material, formación e asesoramento para apicultores e para  persoas que lles guste e quéiranse iniciar no mundo da apicultura.  

 A actividade produtiva dos apiarios pódese desenvolver en conxunto con outras actividades de silvicultura, pastoreo e sucedáneos de actividade agrícola, forestal e  agropecuaria, sen que esta interfira no desenvolvemento das mesmas.  

 É por iso que Apicultura Niño do Corvo mantén unha estreita colaboración e contacto coas diferentes comunidades de montes e propietarios deste tipo de terreos na comarca do Baixo Miño e Val Miñor, onde realiza a súa actividade principal.  

 Ademais dos apiarios, Apicultura Niño do Corvo realiza ao longo do ano  diferentes accións formativas e asesoramento, accións das que tamén se poden  beneficiar os comuneiros e propietarios de terreos.  

 Nestes momentos Apicultura Niño do Corvo atópase nunha etapa de expansión, para a que necesita espazo e terreos en zonas boscosas para a súa produción de mel a través de  apiarios. Estas abellarizas pódense emprazar en espazos desde 100 m2 e non é necesario que desde as comunidades de montes prepárese previamente os terreos xa que a empresa encargaríase de acoutar a devandita zona e preparala para emprazar nela as  colmeas.  

 A nivel ambiental, a localización de apiarios nestes terreos favorece o curso natural das especies arbóreas da súa  contorna, pois as abellas axudan á  polinización e realizan un bo labor para o mantemento dun ecosistema natural e sen impacto paisaxístico algún, con elementos desmontables que non deixan pegada sobre o terreo.  

 Na actualidade Apicultura Niño do Corvo elabora o mel “Neno  do Corvo”, proveniente do máis de dous centenares de colmeas que posúe a empresa en zonas boscosas da comarca do Baixo Miño, o xardín do sur da provincia de Pontevedra. 

 Apicultura Niño do Corvo realiza aos longo do ano visitas para escolares e experiencias  apícolas nas súas colmenares, unha idea que xurdiu da necesidade de dar a coñecer este gran mundo das abellas, moitas veces descoñecido e que causa gran expectación. 

 Ata o momento máis dun centenar de escolares realizaron xa visitas as alvarizas de Apicultura  Niño do Corvo,  actividades que continuarán durante este ano e donde atenden ás explicacións de Marcos Rodríguez Portela, responsable da  empresa e encargado de introducir aos pequenos e pequenas neste apaixonante mundo da apicultura. 

 Apicultura Niño do Corvo preparou durante os últimos anos novas experiencias  apícolas que, do mesmo xeito que en Semana Santa, supuxeron un importante atractivo para todas aquelas persoas que visitaron a comarca do Baixo Miño e O Rosal, onde gozar dunha actividade diferente, en contacto coa natureza con grupos reducidos e con protocolo covid-19 para a seguridade de todos os participantes. 

 Ademais os participantes participaron nunha degustación de meles, podendo saborear algunhas dos meles existentes como o mel de eucalipto,  mielato de carballo, mel de bosque ou o mel de flores. 

 As persoas que teñan un terreo forestal privado ou forman parte dunha comunidade de montes no Baixo Miño susceptible de utilizar para esta actividade, poden contactar con Apicultura Niño do Corvo en melninodocorvo@gmail.com ou no teléfono 671 644 541. 

TOMIÑO

Pinchos de autor para gozar dunha nova sesión dos ‘Sábados con sabor’  

Xa están á venda os tíckets para participar na nova xornada de degustación deste 21 de maio, celebrada ao abeiro da campaña ‘Vive!’




Infogauda / Tomiño

 Nova sesión de pinchos de autor no mercado de Tomiño. O Concello organiza este 21 de maio unha nova xornada dos ‘Sábados con sabor’, unha actividade ao abeiro da programación da campaña Vive!, porta en marcha co obxectivo de fomentar a dinamización do comercio local e darlle pulo á reactivación económica do municipio.

 Os ‘Sábados con sabor’, que están a ter unha grande acollida por parte do público, chega esta fin de semana ao Mercado cunha xornada na que o público poderá gozar de 13.00 a 15.00 horas de dúas bebidas e de dous pinchos de autor ideados e creados para cada sesión de forma exclusiva polos praceiros e praceiras con produtos locais. Esta semana o menú estará composto por follado recheo de champiñóns e queixo con ourego e lagostino kataifi con maionesa ao curri.  

 As persoas interesadas en pasar un rato de lecer e desfrutar das degustacións este sábado xa poden mercar os seus tíckets en calquera dos postos do Mercado Municipal de Tomiño. O prezo de cada entrada será de seis euros e inclúe dúas bebidas e dous pinchos de autor. O aforo estará reducido a 60 persoas.

O PORRIÑO

A Xunta de Galicia promove os recursos naturais e a lingua no II concurso de curtas senda litoral de Galicia  

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na entrega de premios que tivo lugar no marco do Festival de Cans


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na entrega dos premios do certame promovido pola Xunta para impulsar o coñecemento da Senda Litoral de Galicia

Foto: X.G.

Infogauda / Cans (O Porriño)

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na entrega dos premios do certame promovido pola Xunta para impulsar o coñecemento da Senda Litoral de Galicia, favorecendo o uso do galego e o coñecemento dos recursos naturais e patrimoniais dos territorios polos que transcorre este itinerario de interese paisaxístico.

 Organizado pola Fundación Galicia Sustentable en colaboración con Turismo de Galicia e promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaria Xeral de Educación e Formación Profesional, en colaboración con Enerxías de Portugal Renovables e o Festival de Cans, a entrega dos premios tivo lugar no marco da celebración do festival audiovisual que estes días acolle Cans.

 Nesta segunda edición do concurso, no que participaron 14 centros educativos galegos de ESO, Bacharelato, Formación Profesional básica e ciclos formativos de grado medio, resultaron gañadores os centros de Tomiño, Cedeira e Vigo que, ademais de recibir o trofeo e a certificación de Premio de Innovación Educativa, puideron ver as curtas gañadoras no marco do festival.

 Os vídeos, que debían ter unha duración inferior a cinco minutos, debían enxalzar as múltiples facetas do territorio litoral de Galicia, dende a gastronomía ou a natureza ata a cultura e a lingua.

 Mediante a posta en marcha deste concurso, preténdese incentivar o uso da lingua entre os máis xoves así como poñer en valor, promover e fomentar o coñecemento do patrimonio, da paisaxe e da natureza, as lendas, a gastronomía ou calquera outro activo do territorio polo que atravesa a Senda.

A Senda

 A Senda Litoral de Galicia é un itinerario de interese paisaxístico incluído nos instrumentos de ordenación do territorio de Galicia para fomentar o descubrimento de todo o litoral e pór en valor os recursos territoriais e as paisaxes que vai percorrendo.

 Consta de 53 etapas que van desde Tapia de Casariego (Asturias) ata Vila Nova de Cerveira (Portugal) e dálle continuidade no tramo galego á Senda Europea E9.

VIGO

O persoal de Vitrasa convoca unha manifestación para esixir solucións ás problemáticas laborais que padecen 

A marcha terá lugar este xoves 19 de maio,  ás 19:00 horas, dende o cruce dos Choróns  


Mobilización do persoal de Vitrasa
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, percorrerá as rúas da cidade en manifestación este xoves 19 de maio para reclamar unha solución ás diferentes problemáticas laborais que vén padecendo dende hai anos.  

 Segundo explican dende a representación sindical, un destes problemas ten que ver coa inaplicación do convenio que a empresa pretende impoñer para reducir os salarios e os dereitos laborais, de xeito que os soldos reduciranse un 14% no que queda de ano en un 30% en 2023. 

 Con esta mobilización tamén queren denunciar o recorte de servizos que a empresa está a levar a cabo dende hai meses, “o que provoca que o que debera ser un servizo público de calidade sexa nestes momentos totalmente deficiente”.  

 Neste senso, critican que Vitrasa pense unicamente na obtención de beneficios á hora de xestionar o transporte urbano, “o que incide directamente no mal servizo que se está ofrecendo”. Con todo, a dirección estalle a reclamar ao Concello “cantidades desorbitadas por un servizo insuficiente”. 

 Por todo isto, dende o comité de empresa animan o conxunto do cadro de persoal a participar na manifestación que arrincará do cruzamento dos Choróns ás 19:00 horas.

VIGO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA TRASLADA A SÚA “PROFUNDA DOR” E CONDOLENCIA POLO FALECEMENTO DE DOMINGO VILLAR 

Carmela Silva expresa a súa consternación pola perda do escritor vigués nun día “tan triste para a cultura” e invita a gozar do seu legado: “fíxonos enormemente felices coa súa obra”


Domingo Villar

Foto: Estevoaei

Infogauda / Vigo

 A Deputación de Pontevedra lamentou hoxe “con profundo pesar” o falecemento do escritor Domingo Villar e trasladou á familia do creador vigués e ás súas amizades a condolencia pola súa perda. A presidenta provincial, Carmela Silva, afirmou que vaise “un autor extraordinario, alguén do que todas e todos sentímonos orgullosas/os e que fíxonos enormemente felices coa súa obra. Hoxe sentimos unha profunda dor, pero déixanos tanto!”. “Hoxe - engadiu a presidenta - o inspector Leo Caldas, un personaxe incrible, chora con todas/os nós”.

 A presidenta provincial lembrou que a obra de Villar, traducida a moitos idiomas e tamén levada á  gran pantalla, glosa a ría de Vigo “que tanto amou Domingo, e as ondas do mar de Vigo, das que falou Martín Códax, seguirán mecendo o seu recordo”. Para Carmela Silva, que agradeceu tamén a colaboración de Villar coa Deputación sempre que tivo ocasión para elo, a súa figura é inesquecible tamén pola faceta humana: “recordo que cando o nomearon Vigués distinguido foise pronto porque quedara no Elixio (a mítica taberna viguesa, eterno escenario das súas novelas) para celebralo”.

 Domingo Villar, como autor de obras da relevancia de Ollos de Auga, A praia dos afogados ou O Último Barco, forma xa parte dun selecto elenco de imaxinadores/as de novela negra imprescindibles en toda biblioteca. O seu célebre inspector Caldas ocupa tamén un lugar propio ao lado doutros/as detectives da literatura universal. A Deputación súmase ao pesar xeral polo pasamento dun escritor que nunca perdeu o contacto coa terra e impregnado do sentimento da paisaxe de Galicia. Villar, que finou xusto despois do Día das Letras Galegas, foi tamén un creador fundamental para entendelo auxe da literatura galega contemporánea.

 A Deputación valora o seu respecto absoluto polos lectores e lectoras, a defensa da lingua e a proxección de Vigo, da provincia e de Galicia que emana de toda a súa obra. Ao mesmo tempo recoñece o seu traballo creativo a conciencia, inconformista ata a obsesión para que cada libro estivese á altura dende a primeira á última páxina. Nun panorama editorial con tendencia ao libro mellor vendido, o creador do inspector Leo Caldas encaixaba máis nun mundo propio e íntimo, no que literatura brota aos poucos, como saíndo da man experta dun artesán da escrita namorado de Vigo, da súa ría e da súa xente.

CULTURA

A Xunta de Galicia abre o prazo para que as familias soliciten axudas para libros e material escolar e acceso ao fondo solidario de manuais  

O Goberno galego destina un total de 25,6M€ a este programa, cun incremento do 47% do orzamento con respecto a este curso que, case na súa totalidade, vai destinado a financiar a renovación dos manuais do Fondo de libros obrigada pola entrada en vigor da nova Lei educativa


Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2022/23. 

 O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o próximo día 22 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.Cómpre subliñar que a Consellería de Educación asegura a dotación de balde de libros e material para o 100% das familias que cumpran cos requisitos establecidos. 

 O sistema solidario habilitado polo Goberno galego que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos: o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.

 Para atender estas tres liñas no próximo curso, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten habilitado unha cuantía de 25,6M€, o que supón un incremento do 47% con respecto aos 17,4M€ do presente curso, a meirande parte do cal vai destinado a afrontar a reposición de manuais do Fondo Solidario de Libros que vén obrigado pola entrada en vigor, en setembro, da nova lei educativa, LOMLOE, para os cursos impares.

Axudas á compra

 As axudas da Xunta para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

 Así, no caso do alumnado dos dous primeiros cursos de Primaria recibirán 210 euros no caso de renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros; e de 140 euros para as rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.

 No caso do alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros, con independencia da renda per cápita familiar.
 

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Fondo solidario

 No Fondo Solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

 Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro manuais.

 Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao Fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores. 

Axudas para material escolar

 O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda é de 50 euros/alumno. 

 O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda. 

Trámites por vía telemática

 As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galiciaou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.


Balance do presente curso 2021-22

 A Consellería de Cultura, Educación e Universidade repartiu de forma gratuíta no presente curso escolar un total de 464.598 libros de texto do Fondo solidario, o que alcanza a un total de 80.359 alumnos de 3º a 6º curso de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO. Outros 26.846 alumnos beneficiaronse das axudas da Xunta para a adquisición de libros de texto; mentres que un total de 93.260 alumnos recibiron vales para a adquisición de material escolar.


 A asignación de manuais dispoñibles no Fondo Solidario faise por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar e, de ser necesario, o centro adquire os libros complementarios que sexan precisos para garantir unha cobertura similar á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas (seis ou catro libros por alumno/a segundo o caso).

 Deste xeito, e atendendo aos criterios de renda, case sete de cada dez alumnos de Primaria e de Secundaria beneficiarios do Fondo recibiron seis ou máis libros de balde; é dicir, que tendo en conta que a media de manuais nos centros é de seis por curso, nestes casos quedou cuberta a práctica totalidade das súas necesidades.

 O Fondo Solidario está deseñado para garantir que as familias con rendas máis baixas sexan as primeiras destinatarias do programa de forma que poidan ser beneficiarias do maior número de libros dispoñibles.

 Doutra banda cómpre destacar que para o próximo ano académico, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade volve a manter a flexibilización das esixencias de renda e o aumento xeneralizado das contías das axudas que aplicou nos curso 2020/21 e 2021/22 co obxectivo de reforzar o apoio ás familias ante o contexto de pandemia. Cómpre subliñar que, un ano máis, todas as familias que cumpran cos requisitos teñen cuberto de balde, case na súa totalidade, os libros e o material escolar que precisan para os seus fillos.

MOBILIDADE

A REDE ÁGORA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REPARTIRÁ OUTROS 1.960.000 EUROS ENTRE OS CONCELLOS PARA QUE REDACTEN PROXECTOS DE RECUPERACIÓN DE ESPAZOS PÚBLICOS E CREACIÓN DE SENDAS PEONÍS   

O deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, anuncia un suplemento do crédito no caso de que os fondos non alcancen para todos os proxectos presentados que cumpran os requisitos    

As bases desta segunda convocatoria das subvencións publicaranse este venres no BOPPO      


Mobilidade inclusiva
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra   

 A Deputación de Pontevedra, a través da área de Mobilidade e Espazo Público, quere seguir a impulsar a recuperación do espazo público para as persoas gañándollo aos coches. Con ese obxectivo acábanse de aprobar as ‘Subvencións para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís nos concellos da Rede Ágora’, que nesta 2ª edición ascenden a 1.960.000 euros.  

 Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a finalidade da convocatoria é impulsar a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos no ámbito municipal para devolvérllelos ás persoas, así como a creación de sendas peonís para permitir a implantación de formas de desprazamento máis sostibles -a pé, en bicicleta...-. Os destinatarios serán os 54 concellos adheridos á rede Ágora de menos de 50.000 habitantes, que verán subvencionado o 90% do custe de redacción dos proxectos, ata un máximo de 50.000 € por concello, por un montante total de 1,96 millóns de euros.   

 O responsable da área de Mobilidade e Espazo Público sinala que no caso de que o crédito disposto non alcance para subvencionar tódolos proxectos presentados que cumpran os requisitos, a Deputación resérvase o dereito de incrementar a dotación orzamentaria. Pola contra, en caso de que non se consuma a totalidade do crédito, poderá abrirse un novo prazo de solicitudes ao que se poderán presentar tanto concellos que non o fixeran na primeira convocatoria como os que xa o fixeran, poñéndose a disposición de cada un deles de novo outros 50.000 € como máximo.  

 As subvencións desta segunda convocatoria contemplan dúas casuísticas, sempre subvencionando a elaboración de proxectos e non de obras. A primeira é a redacción de proxectos de recuperación de espazos que actualmente están ocupados por tráfico a motor para devolvérllelos ás persoas. A segunda supón unha novidade: proxectos para a creación ou mellora de espazos segregados para a circulación peonil e ciclista, é dicir, para sendas peonís ou ciclistas anexas a vías existentes que non contan na actualidade con espazos adecuados para este tipo de desprazamentos.  

 No caso de recuperación de espazos, o proxecto debe supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e os espazos gañados para as e os peóns deberán ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista onde non existía un espazo adecuado para este tipo de mobilidades o itinerario peonil deberá ter unha superficie mínima de 100 metros e un largo mínimo de 2,5 metros. Finalmente, o proxecto pode combinar as dúas casuísticas seguindo os criterios establecidos nas bases.   

 O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados dende o día seguinte a publicación no BOPPO (previsiblemente este venres), tendo que presentar unha estimación do gasto de redacción do proxecto e unha memoria explicativa que inclúa o título do proxecto, resumo, obxecto e ámbito de actuación, e un plano ou bosquexo explicativo das liñas xerais das actuacións que se pretenden proxectar.  

Subvencións 2021 

 As Subvencións Ágora de 2022 veñen completar as axudas do pasado exercicio, que chegaron a 39 concellos da provincia. Segundo explicou o deputado Benítez, repartíronse 2,2 millóns de euros, 1.550.000 euros entre 31 concellos que solicitaron subvencións no Eixo 1 -para redactar proxectos-, recibindo cada un 50.000 euros; e 666.682,9 euros no Eixo 2 -de execución de obras-, con montantes de ata 100.000 euros.   

 Benítez lembrou que a Deputación creou Ágora, unha rede de acción institucional cos concellos da provincia, para valorizar o espazo público como un dereito fundamental das persoas e co obxectivo de poñer en marcha políticas de recuperación do espazo público e de obter resultados cuantitativos de cara a 2023. Para iso, explicou, puxéronse en marcha diversas iniciativas como a Facultade Ágora de formación técnica, o asesoramento aos concellos, e tamén as subvencións,  para incentivar a redacción de proxectos seguindo as filosofías de poñer ás “persoas primeiro”.

TURISMO

Arcos de Valdevez em destaque 

No Guia Boa Cama Boa Mesa do Expresso  

Alojamentos Luna Arcos Hotel, Retiro do Lago, Ribeira Collection Hotel e restaurantes Costa do Vez, Saber ao Borralho e Taberna da Benda entre “Os melhores Restaurantes e Alojamentos de Portugal 2022”  




María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 Foi com agrado que verificamos que o alojamento e a restauração arcuense estão considerados como boas opções de escolha no Guia Boa Cama e Boa Mesa 2022 que é publicado pelo Jornal Expresso. 

 Ao nível do alojamento surgem referenciados o Luna Arcos Hotel, o Retiro do Lago e o Ribeira Collection Hotel, já ao nível da restauração surgem referenciados o Costa do Vez, o Saber ao Borralho e a Taberna da Benda. 

 Desde a última edição, em Junho de 2021, os especialistas do Boa Cama Boa Mesa percorreram o país para avaliar restaurantes e alojamentos. 

 Na vertente Boa Mesa, a seleção dos melhores foi orientada por critérios de avaliação a partir de cinco grandes áreas: local, serviço, garrafeira e relação preço/qualidade. 

 Na Vertente Boa Cama existem fatores de avaliação claros, como o projeto turístico, o edifício e a sua arquitetura, a decoração, os serviços disponibilizados, o atendimento e, obviamente, a relação preço/qualidade.  

 O Guia Boa Cama Boa Mesa segue o propósito de apresentar aos seus leitores a seleção dos melhores restaurantes e alojamentos de Portugal, por isso, é motivo de orgulho vermos Arcos de Valdevez representado neste guia.

ARCOS DE VALDEVEZ

Decorre a bom ritmo a Requalificação do Bloco de aulas 4 na EB 2,3/S 

Empreitada de mais de 580 mil euros 


O Presidente da Câmara Municipal, João Esteves, e a Vereadora da Educação, Emília Cerdeira visitaram as obras de reabilitação no interior do Bloco 4, da Escola EB 2,3/S

Foto: C.M. A. de V.

María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 O Presidente da Câmara Municipal, João Esteves, e a Vereadora da Educação, Emília Cerdeira, acompanhados dos serviços municipais e da direção do Agrupamento de Escolas de Valdevez, visitaram as obras de reabilitação no interior do Bloco 4, da Escola EB 2,3/S, as quais englobam também intervenções no campo desportivo, no valor global de 581 558,37 euros.  

 A empreitada encontra-se a decorrer a bom ritmo e surgiu na sequência das reabilitações efetuadas nos outros edifícios desta escola.  Esta reabilitação incide sobre a melhoria do comportamento energético, potenciando a eficiência energética do sistema de aquecimento e melhoria dos níveis e conforto interior do bloco de aulas.  

 Proceder-se-á a uma pintura integral do seu interior, tetos e paredes. Está a ser feita a reabilitação parcial dos equipamentos da cozinha/cantina e, complementarmente, realizar-se-á a reabilitação do campo desportivo.  

 Com estas benfeitorias, ficam concluídas intervenções de fundo neste recinto escolar, no valor global de 5 Milhões de euros, e a Câmara Municipal consegue alcançar o objetivo de melhorar a qualidade do ensino e o bem-estar dos alunos.