O TRANSBORDADOR "SANTA RITA DE CÁSSIA": UNHA CAUSA CASE "PERDIDA"
A embarcación continuará inactiva, "podrecéndose" na doca de Caminha
Infogauda / A Guarda
O vindeiro día 22 de maio, segundo o santoral católico celébrase a festividade de Santa Rita, patroa, entre outras, das causas perdidas.
Causa perdida, polo menos ata o día de hoxe, é a paralización sine die, desde o pasado mes de outubro de 2021, do transbordador "Santa Rita de Cássia", situación que está perxudicando ás comunidades sociais e ao comercio, hostalería e industria do Alto Minho portugués, en xeral, e dos concellos de Caminha en A Guarda, en particular. Polo tanto, no tocante as dúas localidades fronteirizas, non hai argumentos de peso que xustifiquen celebración algunha, no que respecta a evidente merma - inadmisible nos tempos que vivimos - da cobertura nas comunicacións, por vía fluvial, entre ambas as dúas ribeiras.
Hai malestar na cidadanía, especialmente desde á chegada da "Xouba", embarcación que polas súas limitacións técnicas e de capacidade de viaxeiros, non satisfai á demanda dos potenciais usuarios dunha e doutra beira do río Miño. Por esa razón - entre outras máis, relacionadas co persoal adscrito ao servizo (agora inexistente) do transborador - os alcaldes de Caminha e de A Guarda, Miguel Alves e Antonio Lomba, respectivamente, mantiveron o pasado xoves, día 5 deste mes de maio, unha reunión con Susana Lenguas Gil, presidenta do ente público Portos de Galicia, dependente da Xunta de Galicia.
Segundo pudemos saber, os representantes municipais de A Guarda e Caminha foron informados que xa está en elaboración o estudo técnico que servirá de base á execución do proxecto de rehabilitación do porto de A Pasaxe (Camposancos), actuación cuxo orzamento pode acadar perto de 300.000 euros, ou mesmo superar esa suma, dependendo da evolución dos prezos dos materiais necesarios.
Asemade, a previsión de Portos de Galicia é que as obras no peirao de atraque da Pasaxe - como todo o mundo sabe, fora de servizo desde fai uns 8 meses -, continuará así ao longo deste ano 2022, e de acordo co procedemento administrativo habitual que regula ese tipo de actuacións, os traballos necesarios para súa rehabilitación non estarán rematados ata finais da primavera ou comezos do verán de 2023.
Ese é o preocupante panorama que a día de hoxe temos á veciñanza do Alto Minho e de A Guarda.
Como é natural, os alcaldes de Caminha e A Guarda expuxeron os perxuizos económicos de todo tipo, que á situación actual e a dun futuro non tan inmediato como todos quixeramos, conleva. Especialmente tendo en conta que no vindeiro mes de outubro deste 2022 cumplirase un ano de total inactividade do transbordador, que permanece amarrado na doca de Caminha "podrecéndose" - valla o eufemismo -, como paso previo á cada día máis factible posibilidade de rematar súa existencia nunha chatarrería ou no mellor dos casos lonxe do río Miño, dando servizo nalgún lugar remoto do planeta, onde non haxa tantos e inxustificados atrancos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario