18 de maio de 2022

O ROSAL

O Concello abre a inscrición para o campamento de verán do Rosal  

As solicitudes poderán presentarse do 23 de maio ao 3 de xuño. O obxectivo é ofrecer actividades lúdicas e educativas a nenos e nenas ao tempo que se axuda a conciliar a vida familiar e laboral 


Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal abrirá o vindeiro luns 23 de maio o prazo de inscrición para participar no Campamento de Verán municipal, dirixido a nenos e nenas matriculados o curso 2021/2022 en 4º, 5º ou 6º de educación infantil ou en educación primaria. O obxectivo desta iniciativa é “conciliar a vida familiar e laboral a través de actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre de rapaces e rapazas tras rematar o período lectivo”, como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

 O campamento, que se desenvolverá na Escola de Marzán durante os meses de xullo e agosto, contará con 20 prazas de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e outras 10 prazas en horario de 08.00 a 15.00 horas. O prezo por persoa será de 100 ou 125 euros ao mes, dependendo do horario solicitado.

 Poderán solicitar praza aqueles nenos e nenas empadroados no Rosal ou que os seus pais, nais ou titores legais traballen ou posúan un negocio no municipio. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 3 de xuño por Sede Electrónica ou presencialmente no Rexistro municipal en horario de 09.00 a 14 horas con toda a documentación: solicitude de participación, autorización de recollida do ou da menor, cuestionario de saúde e autonomía persoal, fotocopia do DNI do pai/nai/titor/titora do ou da menor, fotocopia do libro de familia, situación laboral, vida laboral e certificado de discapacidade do ou da participante, de monoparentalidade ou de familia numerosa en caso de precisalo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario