5 de xul. de 2025

A GUARDA

A XXXIII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira continúa con moito éxito

• O evento gastronómico rematará este domingo á noite

 

Rafa Durán interactuando co público no pregón da Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira
Fotos: Antón Ferreira

Infogauda / A Guarda 

 A carpa destinada á Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, situada no Portiño Novo, de A Guarda, abríu onte venres, 4 de xullo, ás 12:00h, e poucos minutos fixeron falta xa para ver aos primeiros comensais degustar os produtos.  

 O Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas rematou o seu pasacalles na carpa, onde xa probaban lagostas e outros pratos que se ofertan, como berberechos, camaróns, percebes, navallas, nécoras, croquetas de marisco, calamares guisados, arroz de marisco,...   

 A inauguración da festa comezou pouco despois das 20:30h, de onte, coa intervención de Manuel Santos González, que logo dunha amena introducción, deu paso á intervención do alcalde Roberto José Álvarez Carrero, quen evocou ás orixes de A Guarda, enxalzando os moitos atractivos que posúe esta localidade do suroeste de Galicia, e afirmou: “A Guarda é mar”.

 Na súa intervención, o alcalde saudou as diferentes representacións das asociacións e colectivos da localidade, así como autoridades convidadas, veciños e visitantes.

 Unha nova intervención de Manuel Santos, daría paso a Rafa Durán. O humorista e presentador, natural de Baiona, logrou - dende o minuto 1 - conectar co respectable público, e facendo que todas as persoas asistentes ceibasen todo aquilo que lles poidese xerar inquedanza, e participasen coreando os retrousos indicados previamente polo humorista, movendo as extremidades superiores segundo o acordado, e mesmo erguéndose das cadeiras. Foi unha experiencia colectiva moi grata e saudable, que enfiaría con varios momentos de humor e ocorrencias - babaiadas, segundo Rafa Durán - e culminaría coa lectura dun pregón  ben  construído, poñendo finalmente o ramo, con bromas respecto aos teléfonos do alcalde e dun concelleiro, que pediulles prestados, e a gravación dun vídeo coa interacción e participación dos asistentes, que acolleron a Rafa Durán, como "fillo adoptivo de A Guarda", segundo súas propias verbas. En todo caso, Rafa Durán  é un artista a ter en moi en conta. Que o saiban Pablo Motos e Jorge Salvador. Entre outros. A actuación de Rafa Durán foi moi aplaudida en diferentes momentos, e de xeito moi especial no tramo final, xa que o respectable público premiouno con merecidos aplausos. Coidamos que súa nai e seu pai - que estaban presentes entre o público -, terán moitos motivos por haberen logrado un ser tan especial.

 O acto continuaría coa intervención do concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, que fixo un resumo dos comezos da Agrupación Musical de A Guarda, impulsada por nais e pais de futuros compoñentes, así como por el mesmo como concelleiro; para facer posible que A Guarda contase andado o tempo, cunha banda de música, sen a cal, moitas actividades culturais, festivas e tradionais, non terían a mesma brillantez. 


O concelleiro de Cultura e Deportes nun momento da súa disertación

 Rodríguez Fariñas non esqueceu os comezos da banda de música, que non foron doados, nin tampouco, a persoas como Basilio Moreira Carrero, que apoiou á Agrupación Musical de A Guarda, así como tamén a Asociación de Comerciantes e Industriais de A Guarda (ACIGU), pola súa colaboración.

 Logo das lembranzas do concelleiro de Cultura e Deportes, chegou o momento da intervención de David Álvarez, presidente da asociación Agrupación Musical de A Guarda, cuxa banda de música vén de cumplir - o pasado 25 de xuño de 2025 - seu XX aniversario, ainda que a asociación en sí mesma, conta xa cun cuarto de século de traxectoria.

 A instancia do actual presidente, David Álvarez, subiron ao escenario, Víctor Luis Alonso Treinta e José Antonio Soutelo Muñoz, dúas persoas comprometidas, vencelladas á dirección e formación musical dos compoñentes da banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, desde os seus comezos. 

 Tamén subiron ao escenario membros da xunta directiva e unha representación dos músicos.

 Na súa intervención, David Álvarez, fixo un repaso da andaina da Agrupación Musical de A Guarda e tivo unha lembranza para todas ás persoas de xuntas directivas precedentes e para ás familias dos músicos e colaboradores que apoian á banda.


O alcalde de A Guarda facéndolle entrega da Lagosta de Honra ao presidente da Agrupación Musical de A Guarda

 A continuación, o alcalde de A Guarda, fixo entrega da Lagosta de Honra - realizada pola artista Cuqui Piñeiro -  á Agrupación Musical da Guarda, recoñecéndolle todos estes anos de traballo e esforzo.   

 Tras o acto, os presentes dirixíronse á carpa para poder cear os mellores produtos do mar. 

 E arredor das 22:30h, deu comezo no exterior da carpa do porto a actuación de Meighalho, banda do batería guardés José García López "Stewart" cunha proposta de tradición galega con elementos da música jazz e rock.   

O programa continúa este sábado e domingo  

 Durante o sábado e domingo haberá saídas de navegación co volanteiro Piueiro tanto pola mañá (11:00 e 12:00h) como pola tarde (17:00 e 18:00h). A información e as reservas estarán dispoñibles no punto de información do interior da carpa.   

 O sábado comezou co pasacalles, pola mañá, do Trebón dos Xidos. Xa pola tarde haberá unha actuación moi diferente e dirixida ao público familiar. Trátase do espectáculo “Volando vengo!” de Kanbahiota, catro trapecistas que mesturan humor e acrobacias. Todas ás persoas que o desexen, poderán desfrutar deste espectáculo no auditorio de san Bieito, este sábado ás 20:00h. 

 Pola noite, ás 23:00h a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda ofrecerá un concerto moi especial de bandas sonoras de filmes.  

 E o domingo, pola mañá, o Grupo de Gaitas A Boalleira percorrerá as rúas da Guarda. E pola tarde, ás 20:00h, o grupo O Sonoro Maxín porá ritmo de cumbia galega para bailar no exterior da carpa, poñendo broche de ouro a  XXXIII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, que está tendo un destacado éxito de afluencia de público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario