5 de abr. de 2021

O CASTRO (SALCIDOS)

O CASTRO DO PICO DA BANDEIRA, SINALIZADO E POSTO EN VALOR

· A actuación foi promovida pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Salcidos 

· E desenvolvida por persoal de Árbore Arqueoloxía e Restauración S. Coop. Galega


                                              Panel informativo e acceso ao Castro do Pico da Bandeira 

                                        Fotos e gráficos: Árbore Arqueoloxía e Restauración Soc. Coop. Galega

Ricardo Rodríguez Vicente / O Castro (Salcidos) 

 Un dos lugares máis fermosos de Salcidos, parroquia pertencente administrativamente falando, ao concello de A Guarda, é o Monte Torroso. E dentro dese enclave natural de aproveitamento forestal e indiscutible valor medioambiental e patrimonial, compre salientar o Castro do Pico da Bandeira. 

 Desde o Castro do Pico da Bandeira podemos divisar unha paisaxe magnífica na cal sobresai o esteiro do río Miño, o casarío de Salcidos, o Océano Atlántico, o monte Santa Trega, a vila de A Guarda,... O espectáculo é grandioso. 

 Con todo, probablemente moitas persoas ainda non desfrutaron dese lugar onde ademáis dos devanditos atractivos, compre salientar que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos promoveu unha actuación para á limpeza, sinalización e posta en valor do Castro do Pico da Bandeira. 

 Os traballos foron dirixidos por Benito Vilas Estévez, presidente de Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega, e realizados por persoal desa empresa. Básicamente consistiron en labores de desbroce e retirada de árbores, piñeiros, maioritariamente. E a continuación viu á sinalización e a conseguinte posta en valor do castro. 


A preguntas deste cronista un membro de Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega referiunos que "non se escavou nin nada de momento. Ainda que se prevé no futuro cun pouco sorte poder escavar unha casiña que apareceu durante as tarefas".




 Para orientar aos visitantes, de xeito que súa estadía sexa o máis proveitosa, cultural e patrimonialmente, foi instalado un panel no que figura a seguinte información:

 "O castro do Pico da Bandeira é un castro de grandes dimensións con enormes murallas, fosos e parapetos, de aproximadamente 6 hectáreas e que controla o val de Salcidos e o esteiro do río Miño dende o Norte, sendo visible ó Sur o famoso Castro de Santa Trega. O castro, ten forma de “globo” e presenta distintas terrazas, situándose na parte superior do mesmo (ó Noroeste) a principal que sería a croa. O Castro atópase maioritariamente no territorio da Parroquia de Salcidos do Concello da Guarda, en terreos da Comunidade de Montes de Salcidos. Unha pequena parte do mesmo sitúase no Concello do Rosal, en terreos da Comunidade de Montes do Rosal. 

 Realizáronse no pasado Intervencións arqueolóxicas por parte da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” durante a década dos anos 20 do século XX, pero a falta de estudos científicos sobre os seus achados e a falta de escavacións máis recentes non permiten fixar unha cronoloxía para o mesmo. Sen embargo, teñen aparecido restos de tégula e algúns outros materiais de época romana, que apuntan a que puido estar  habitado, cando menos, no cambio de era. 

 A Comunidade de Montes de Salcidos foi a promotora dos recentes traballos de adecuación de gran parte do castro (preto de 3,5 hectáreas), que consistiron na roza e corta de árbores do seu interior coa fin de comezar as labores de posta e valor. 

 Durante estes traballos foi localizado un pequeno muro curvo, que pertencería ós restos dunha vivenda, nun dos lugares nos que probablemente actuou a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”. No interior do castro, consérvanse restos dun petróglifo caracterizado por diversas liñas e que posúe o que parecen ser os restos de, cando menos, tres chanzos que puideron ser usados polos habitantes do castro para subir ou baixar por esta pedra. 

 Recentemente, nas súas inmediacións foi localizado o Petróglifo dos Campos, consistente en diferentes motivos circulares e un reticulado". 


 

 Con actuacións como á promovida pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, queda claro non soio o labor de coidado e limpeza do monte comunal, senón a utilidade socio cultural destas entidades sen ánemo de lucro que traballan todo o ano para manter ese patrimonio natural nas mellores condicións, e dese xeito, cumplir co establecido na lexislación vixente.

 E pensar que nos anos 80 do pasado século algunhas persoas - vencelladas a etapa que precedeu a Democracia no noso país -, opúñanse a que os montes foron devoltos aos veciños!

 Aí está, en troques, unha proba máis, da visión de futuro e na confianza que algúns tiñamos desde un primeiro intre, en que os montes veciñais en man común ían sen unha fermosa tarefa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario