ANABAM PUBLICOU NOVOS NÚMEROS DE "CARRIZAL"
• Correspondentes a catro bimestres de 2024
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM) vén de publicar catro novos números (25, 26, 27 e 28) da época II, do seu boletín "Carrizal", correspondentes aos seguintes bimestres de 2024: maio/xuño, xullo/agosto, setembro/outubro, e novembro/decembro.
Mediante o "Carrizal", ANABAM difunde o heteroxéneo labor de observación, defensa, protección, estudo e divulgación do patrimonio natural, etnográfico e cultural do Baixo Miño galego-portugués.
Editado e coordinado por Agustín Ferreira Lorenzo, coa participación de Manuel Ángel Pombal Diego e Tomás García-Caballero, no consello editorial; o "Carrizal" acolle traballos de investigación en diferentes áreas de coñecemento (arqueoloxía, flora, fauna, zooloxía,...), da autoría de diferentes membros de ANABAM e mesmo artigos correspondentes aos traballos de prácticas externas de estudantes de Grao da UVigo, baixo a coordinación e dirección do seu titor Agustín Ferreira Lorenzo.
"Carrizal" tamén acolle - tanto nas súas portadas como en páxinas interiores -, unha ampla selección de fotografías que ilustran os diferentes artigos, así como moita información respecto ás actividades realizadas por membros de ANABAM e tamén, en ocasións, coa participación de persoas doutras asociacións.
Asemade, ANABAM vén realizando un labor de censo de aves acuáticas; rexistro de mamíferos mariños varados; rexistro de fauna silvestre atropelada; recollida de fauna silvestre ferida ou con problemas; saídas ao campo; campaña de protección de andoriñas; de flora ameazada; proxectos de recuperación da píllara das dunas; visitas guiadas á flora dunar, etc..
E por suposto, ANABAM ten participado, xunto con outros colectivos, en actividades de defensa do patrimonio natural e paisaxístico, así como na recuperación da etnografía marítima, en diferentes ámbitos, non soio a nivel comarcal.
Pola súa traxectoria desde súa fundación - en 1985 -, podemos afirmar que a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), é unha entidade líder no seu ámbito, e todo un referente a nivel galego e internacional. Méritos que leva acreditando ao longo de toda súa andaina e que xa teñen sido recoñecidos - mesmo a nivel institucional - en diferentes ocasións.
Desde este xornal dixital transfronteirizo suxerimos, que do mesmo xeito que anualmente vénse celebrando unha Gala do Deporte, na que se premia o labor realizado nese ámbito por adestradores, atletas, clubs, deportistas,..., tamén debería celebrarse, senón anualmente, cando menos de xeito bianual, un evento público - que mesmo pode ser na Casa dos Alonso - que recoñecese os méritos de diferentes colectivos e mesmo de particulares, que se teñan destacado ao longo dos anos, polo seu labor. E na primeira edición do devandito evento, a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), debera ser unha firme candidata a concesión dun máis que merecido recoñecemento público. Sería todo un xesto de apoio a unha entidade e todas as persoas que a integran, que tanto teñen feito pola colectividade social, de xeito altruista.
Como presidente de ANABAM e no nome desta asociación consevacionista, que este ano cumpre 40 anos de existencia, damos as máis expresivas grazas a este xornal dixital e ao seu director e fundador, Ricardo Rodríguez, polas verbas que se poden ver máis arriba. Asdo: Agustín Ferreira Lorenzo.
ResponderEliminar