A OBRA "ARQUITECTURA" DE PEDRO DOBAO, ATÓPASE NUN PROCESO DE CRECENTE DETERIORO
O autor dixo que se a Xunta de Galicia asume o custo, está disposto a facela de novo
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A obra escultórica titulada “Arquitectura” (1993), realizada - en aceiro corten, cunha base de granito Rosa Porriño - por encargo da Xunta de Galicia, polo artista Pedro Dobao Rodríguez (Arnado, Vilamartín (Ourense), 15 de agosto de 1945); que está situada na mellorable área de descanso de Doadores de Sangue, a carón da estrada autonómica PO-552, Vigo-Tui por Baiona, preto da casa coñecida como “chalet das Palomas”, atópase nun irreversíbel - e relativamente rápido - proceso de perda física, tal e como vimos comprobando desde fai algún tempo.
O "desgaste" físico da obra - probablemente pola influenza da brisa mariña -, comezou no lateral inferior dereito, na praca onde estaba ubicada a sinatura do artista. Posteriormente a corrosión fixo mella na prancha da base e tamén no lateral inferior esquerdo. O perigo de colapso atópase cada día máis preto.
Por esas razóns, este cronista púxose en contacto con Pedro Dobao, que ten seu taller en Camiño da Pomba, nº 31, A Garrida-Valladares (Vigo), e ao participarlle a situación na que se atopa á devandita escultura referiunos que habería que "reconstruila" ou para decilo de xeito máis recomendable, facela de novo. En todo caso, sempre e cando a Xunta de Galicia asumise o custo correspondente.
Desde este xornal dixital transfronteirizo deixamos constancia da situación, ao tempo que propoñemos que por parte do Concello de A Guarda, se se estima procedente, se lle comunique a situación ao departamento autonómico correspondente, aos efectos oportunos, procurando que A Guarda poida continuar tendo unha escultura de Pedro Dobao. Un artista vitalista, dos máis importantes que deu este país, e como guardeses non imos aceptar que esa obra da súa autoría desapareza pouco a pouco.
Noutra orde de cousas, non estaría de máis, que por parte de quen corresponda, se repuxese no seu emprazamento anterior a peza de pedra dun banco ubicado nese lugar que desde fai anos, atópase no chan.
Nota da Redacción de Infogauda:
En data 26 de xuño de 2023, comprobamos in situ que a peza de pedra dun dos bancos ubicados no lugar de referencia, xa está situado onde lle corresponde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario