4 de xul. de 2025

OIA

O PSOE de Oia acusa ao Concello de bloquear o acceso legal á auga mentres lanza acusacións sen probas 




PSOE de Oia

 Ante as acusacións públicas do Concello sobre presuntos enganches ilegais á rede municipal de auga os Socialistas de Oia alertan da dobre moral da Alcaldesa Cristina Correa. 

 Ante a gravidade das acusacións realizadas polo Concello de Oia na súa nota de prensa do pasado 28 de xuño, e que poñen de manifesto de forma preocupante a escaseza de auga no noso municipio, o PSOE de Oia vese na obriga de emitir este comunicado. 

 En primeiro lugar, queremos denunciar o enfoque comunicativo empregado pola actual administración, que acusa publicamente veciños e veciñas de realizar 'enganches ilegais' cando, dende hai máis de seis meses, o propio Concello ten bloqueado o proceso de aceptación de solicitudes de conexión á traída municipal, impedindo así o acceso legal a un recurso esencial como é a auga. 

 Cómpre lembrar que a rede de abastecemento só dá servizo a edificios públicos municipais, deixando fóra á maioría da veciñanza e xerando desigualdades inaceptables. 

 O suceso denunciado -a perda de aproximadamente a metade da auga almacenada nun depósito municipal durante unha noite- non pode atribuírse sen probas a conexións ilegais, cando existen outras posibilidades técnicas igualmente plausibles, como unha fuga, unha rotura, un error humano,  ou incluso un acto de vandalismo. 

 Se o Concello dispón de probas concretas que demostren un uso fraudulento da rede, esiximos que actúe de forma inmediata aplicando a ordenanza vixente, publicada o 9 de outubro de 2024, e que publique a ordenanza en la paxina Web do concello, en lugar no canto de emitir notas de prensa vagas e alarmistas que xeran sospeitas e crispación entre a poboación. 

 Esta forma de actuar só xera máis dúbidas:  

• Coñece o Concello aos presuntos infractores?  

• Está a empregar a nota de prensa como aviso no canto de aplicar a lei?  

• Por que se advirte sobre a escaseza de auga cando non se permite o acceso ao sistema ao resto da veciñanza?  

 A primeira vaga de calor do verán puxo ao descuberto, unha vez máis, a nefasta xestión dos recursos hídricos que vimos arrastrando desde hai décadas, tanto por parte do Concello como de Augas de Galicia. Esta falta de previsión impide que Oia se desenvolva con normalidade, limita o dereito á auga dos nosos veciños e frea proxectos de vida e emprendemento. 

 Non se trata dunha situación nova. O 14 de outubro de 2002, un prestixioso xornal  publicaba que o Goberno local de Oia investiría case 5 millóns de euros para traer auga do río Miño a Oia, unha obra que nunca se executou e da que nunca se deu conta. Hoxe, en 2025, seguimos cos mesmos problemas estruturais e cunha administración incapaz de ofrecer solucións reais. 

 Por todo isto, desde o PSOE de Oia: 

Rexeitamos frontalmente a criminalización da veciñanza por parte do Concello encabezado por Cristina Correa. 

Denunciamos a falta de transparencia na xestión da auga municipal. 

Reclamamos a inmediata apertura dun procedemento público e xusto para que calquera veciño ou veciña poida solicitar o acceso á rede municipal de forma legal, sen dilacións administrativas. 

Esiximos un plan urxente para garantir o abastecemento con equidade, sostibilidade e transparencia. 

 O desenvolvemento de Oia non pode seguir sendo vítima da inacción política e da falta de vontade para resolver un problema histórico que condiciona o presente e o futuro do municipio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario