A Guarda acollerá o espectáculo de humor “Dúas mulleres de bandeiras+1”
• Que terá lugar na praza de Avelino Vicente, o domingo día 22 de maio, ás 18:00h
• Coa participación de Cristina Maró, Nerea Garmendia e Rafa Durán
Infogauda / A Guarda
A praza de Avelino Vicente, acollerá o vindeiro domingo día 22 de maio ás 18:00 horas, o espectáculo de humor “Dúas mulleres de Bandeiras+1”. En caso de chuvia realizarase no Centro Cultural.
Neste espectáculo de monólogos as actrices Nerea Garmendia e Cristina Maró falan en clave de humor das súas calamidades e de como, grazas ao positivismo, as dificultades poden ser unha arma para enfrontarse á vida. Contarán experiencias sobre o amor, a vida e as súas enfermidades. O dúo de actrices estará acompañado polo presentador da TVG Rafa Durán, quen complementará o espectáculo coa axuda e a complicidade do público, asegurando así a diversión para tódolos presentes na tarde do domingo.
As dúas actrices, cunha larga traxectoria en televisión, cine e teatro padecen enfermidades como epilepsia e xordeira no caso de Nerea Garmendia, ou esclerose múltiple, no caso de Cristina Maró, e por iso queren demostrar ante o público que a pesar de que as veces non nos sorría a vida, con sentido do humor e forza pódese saír adiante.
Sobre as actrices e o presentador
Nerea Garmendia
Actriz e presentadora vasca é coñecida especialmente polas súas aparicións no programa cómico Vaya semanita, da ETB, e na serie Los hombres de Paco (Tele 5), así como pola súa presenza en outros programas como La noche... con Fuentes y Cía (Tele 5), 90-60-90, diario secreto de una adolescente, La Reina del Sur (Antena 3 e Telemundo), Los Quién (Antena 3), etc.
Cristina Maró
Actriz e presentadora galega coñecida polas súas intervencións como presentadora nos informativos especiais da TVG, en Land Rober ou na segunda temporada de Calendario extravagante. Mais tamén tivo incursións na televisión nacional, en programas como La hora de José Mota (TVE 1) ou La Tira (La Sexta), así como reporteira de La Sexta. Así mesmo é actriz de cine e teatro, destacando títulos como El Ladrón de Reliquias (2003, José Cora), Blockbuster (2013, Tirso Calero) ou a serie Aída (2008, Telecinco)
Rafa Durán
O presentador e cómico natural de Baiona, conta xa con máis de 13 anos de experiencia en escenarios, locais, eventos, galas, televisión, etc… En televisión ten encabezado varios formatos sobre todo na canle autonómica galega, pero tamén a nivel nacional: “Comando Chef” (TVG), “Buenas Noches y Buena Suerte” (Antena3), “De Buena Ley” (Telecinco), “Devino” (V Televisión), “Polo Chan” (TVG), “Mientras duermes” (Telecinco), “O clan dos impostores” (TVG), “Máis galego” (TVG), “Imos de feira” (TVG), “Estache bo!” (TVG)…
Ténse especializado na condución e dinamización de eventos de coñecidas empresas e tamén foi imaxe de varias marcas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario