BALONMAN
Abel González dirixirá ao Atlético Guardés a próxima tempada
· O técnico asturiano, ata o momento segundo adestrador e coordinador da base, poñerase a fronte do equipo no curso 2022/23
· González desempeñou diversas funcións na entidade miñota na última década e agora asume o reto de dirixir ao primeiro equipo
· Joâo Mesquita continuará sendo un ano máis o encargado da preparación física
· O equipo técnico e o club traballan na incorporación dun segundo adestrador, que se pechará nos próximos días
Infogauda / A Guarda
Abel González Colorado será o adestrador do Mecalia Atlético Guardés na tempada 2022/23. O club miñoto aposta por unha solución da casa para ocupar o posto que deixa vacante José Ignacio Prades tras seis exitosas tempadas. O técnico asturiano, ata o momento segundo adestrador e coordinador da canteira, asume a responsabilidade e dá un paso adiante para poñerse á fronte do equipo, na que será a súa primeira experiencia como primeiro na máxima categoría.
Abel xa tivo a oportunidade de probar esa sensación esta mesma tempada. Foi de forma interina, mentres Prades estivo de baixa por unha intervención cirúrxica. Nese período, González dirixiu ao Atlético Guardés en dous partidos de notable dificultade e en ambos os dous logrou a vitoria. Co asturiano como técnico principal, o Mecalia superou na Sangriña á Aula Valladolid (30-26) e ao Elxe (25-21). Entremedias quedou sen xogarse o derbi en Porriño - disputouse o pasado 13 de abril (21-22) - por un brote de coronavirus no persoal guardés.
Apostar por Abel González significa apostar por un home da casa. O adestrador, nacido na bela localidade asturiana de San Juan de La Arena en 1966, xa estaba no club antes da chegada de Prades. Formou parte do corpo técnico de Manu Etayo e coa incorporación do técnico alacantino pasou a integrarse no seu equipo. Xuntos conquistaron o título de Liga en 2017.
A traxectoria do asturiano é amplísima. Durante máis unha década foi xogador de Asobal con pasos destacados por Cangas e Teucro - ademais de San Antonio de Pamplona e Naranco de Oviedo - para finalizar a súa etapa de curto en Lalín, onde comezou a súa carreira como adestrador. De feito, ambas as traxectorias se solaparon no curso 2000/2001.
Abel desenvolveu case toda a súa bagaxe como técnico en Galicia, onde leva totalmente fincado desde hai décadas. Coa única excepción da tempada 2004/05, na que militou no África Ceutí, o novo adestrador do Atlético Guardés traballou en diversas funcións técnicas en Lalín, O Porriño, Chapela, Bueu e Novás. Na campaña 2012/2013 arribou na Guarda para dirixir ao equipo masculino, por aquel entón en Primeira Autonómica, ademais de vivir as súas primeiras experiencias con conxuntos femininos no Cadete e o Infantil. Tras un ano de pausa, volveu para ser o segundo de Manu Etayo e continuou con José Ignacio Prades desde o curso 2016/2017 (título de Liga), cunha paréntese de tres anos, nos que traballou en propagar o balonmán na zona da Mariña, exercendo de coordinador no Viveiro, ademais de ser seleccionador galego cadete feminino.
Esta mesma tempada regresou ao Atlético Guardés para asumir a coordinación da base e o desenvolvemento dun equipo masculino con notables éxitos, ademais de formar parte do grupo de traballo de José Ignacio Prades. Agora, coa marcha do adestrador petrerí, chégalle o momento de asumir o papel de técnico principal.
Joâo Mesquita, renovado
Xunto a Abel continuará Joâo Mesquita. O preparador físico portugués deixou unha sensacional impresión no seu primeiro ano na Guarda. A pesar da súa mocidade -en agosto cumprirá 24 anos-, desenvolveu un fantástico traballo coas xogadoras, que mostraron un gran nivel físico, mesmo en tramos da tempada moi cargados como o do mes de novembro ou máis recentemente na Copa da Raíña. E aínda que o Mecalia Atlético Guardés tivo moi mala sorte coas lesións, practicamente ningunha foi de índole muscular. Case todas as doenzas que supuxeron baixas obedeceron a problemas articulares. Desde o cruzado de Hanna Nunes, ao tendón de Aquiles de Carolina Silva, pasando polas lesións de xeonllo de Ángela Nieto e Lorena Pérez ou a luxación de ombreiro de Sandra Santiago, que, ademais, produciuse coa selección portuguesa.
Este gran nivel do preparador do Porto foi moi apreciado na entidade, que non dubidou en ofrecerlle a renovación. Mesquita, que ademais formou parte do persoal do equipo masculino, está encantado na Guarda e continuará no club, agora formando parte do corpo técnico de Abel González.
A ese equipo fáltalle unha peza, a do segundo adestrador. O Atlético Guardés e o propio Abel están a traballar niso e un bo tramo do proceso está completo. Nos próximos días esperan pechalo e anunciar o nome da persoa que acompañará ao adestrador asturiano e ao preparador físico portugués na aventura da tempada 2022/23.
Ningún comentario:
Publicar un comentario