O coro Kaleetan Kantuz, de Éibar, ofreceu seus cantos na vila de A Guarda
• En éuscaro, castelán, galego e portugués
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Na tardiña de onte, venres 27 de xuño, os compoñentes do coro mixto Kaleetan Kantuz, de Éibar (Gipuzcoa), visitaron á vila de A Guarda, onde ofreceron seus cantos e súa simpatía.
A delegación eibarresa, comezou súa actuación na praza do Reló, onde baixo a dirección de Iria Muñoz de Santiago, interpretaron unha boa mostra de cancións en diferentes idiomas: éuscaro, castelán, galego e portugués.
Ademais, tamén se animaron a bailar o coñecido como "Bi zazpi jauzi dantzatu" ou "Baile dos sete saltos" e despois continuaron polas rúas da vila guardesa coa compañía dunha gaita e tamboril, a cargo de dúas compoñentes da Asociación O Fuscalho.
O concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, obsequiou ao coro Kaleetan Kantuz. cun pequeno agasallo como agradecemento da súa actuación.
Ao remate da actuación na praza do Reló, as persoas que integran o coro Kaleetan Kantuz, acompañantes e veciñas de A Guarda, trasladáronse camiñando polas rúas Cervantes, Joaquin Alonso, Vicente Sobrino, e cóengo Juan Domínguez Fontela, chegando a praza Avelino Vicente González, onde o coro eibarrés ofreceu unha nova actuación que, como á precedente, foi moi ben acollida polo respectable público.
Ademais de interpretar temas tradicionais, tanto en éuscaro como noutras línguas ibéricas, tamén houbo uns momentos para a poesía, poñendo de relevo o valor da liberdade e da amizade entre os pobos.
Momentos despois da actuación na praza de Avelino Vicente - onde, entre outras pezas interpretaron "Eibar tiene su entrada" (tema que describe á cidade eibarresa), así como Grândola, Vila Morena, de Zeca Afonso- os compoñentes do coro Kaleetan Kantuz, acompañantes e persoas de A Guarda, baixaron ata a rúa do Porto, onde cunha nova actuación, remataría a visita das persoas chegadas desde Éibar, que durante súa estadía na nosa vila ofreceron ao respectable público o agasallo das súas voces e o seu esprito vitalista.
Kaleetan Kantuz
Kaleetan Kantuz - que en galego significa Cantando nas rúas -, forma parte da IKASTEN -Debabarrenako Esperientzia Eskola Ikasleen Elkartea, que en galego vén sendo Asociación Alumnado Escola da Experiencia Debabarrena -unha entidade - xurdida o 15 de novembro de 2005 - "que desexa agrupar aos homes e mulleres maiores de 55 anos, de Debabarrena, con certas inquietudes culturais e sociais, con ganas de aprender e desenvolver aquelas actividades que na súa etapa laboral non puideron facelo, ou que agora ao dispoñer de máis tempo queren profundar".
Entre os obxectivos e servizos, co coro Kaleetan Kantuz hai que salientar que xurdiu como resultado do proxecto social da terceira promoción da Escola Esperientzia e integrouse en Ikasten Elkartea. O obxectivo do grupo é recuperar a tradición de cantar en bares e rúas de Éibar. A súa primeira saída tivo lugar en decembro de 2007, cun repertorio de panxoliñas. Actualmente, o grupo está formado por 50 mulleres e 16 homes, a maioría xubilados. A actividade é aberta e gratuíta. A metade do repertorio cántase en eúscaro e a outra metade en castelán. Durante os dous últimos anos, tamén interpretaron danzas vascas.
A principal tarefa da directora é animar aos membros do grupo e divertirse; é unha terapia para eles. Ademais, participan en numerosos eventos en Éibar e no estranxeiro. Colaboran co Concello e as residencias de anciáns. Teñen unha saída programada unha vez ao mes e empezan en diferentes barrios. Tamén actúan con coros doutros pobos (Aretxabaleta, Otxandio, Elgeta, Zeanuri...). Van a Mondragón a ver ópera e cada ano organizan unha viaxe ao estranxeiro. Cada un paga estas viaxes do seu propio peto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario