A REDE ÁGORA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REPARTIRÁ OUTROS 1.960.000 EUROS ENTRE OS CONCELLOS PARA QUE REDACTEN PROXECTOS DE RECUPERACIÓN DE ESPAZOS PÚBLICOS E CREACIÓN DE SENDAS PEONÍS
O deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, anuncia un suplemento do crédito no caso de que os fondos non alcancen para todos os proxectos presentados que cumpran os requisitos
As bases desta segunda convocatoria das subvencións publicaranse este venres no BOPPO
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, a través da área de Mobilidade e Espazo Público, quere seguir a impulsar a recuperación do espazo público para as persoas gañándollo aos coches. Con ese obxectivo acábanse de aprobar as ‘Subvencións para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís nos concellos da Rede Ágora’, que nesta 2ª edición ascenden a 1.960.000 euros.
Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a finalidade da convocatoria é impulsar a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos no ámbito municipal para devolvérllelos ás persoas, así como a creación de sendas peonís para permitir a implantación de formas de desprazamento máis sostibles -a pé, en bicicleta...-. Os destinatarios serán os 54 concellos adheridos á rede Ágora de menos de 50.000 habitantes, que verán subvencionado o 90% do custe de redacción dos proxectos, ata un máximo de 50.000 € por concello, por un montante total de 1,96 millóns de euros.
O responsable da área de Mobilidade e Espazo Público sinala que no caso de que o crédito disposto non alcance para subvencionar tódolos proxectos presentados que cumpran os requisitos, a Deputación resérvase o dereito de incrementar a dotación orzamentaria. Pola contra, en caso de que non se consuma a totalidade do crédito, poderá abrirse un novo prazo de solicitudes ao que se poderán presentar tanto concellos que non o fixeran na primeira convocatoria como os que xa o fixeran, poñéndose a disposición de cada un deles de novo outros 50.000 € como máximo.
As subvencións desta segunda convocatoria contemplan dúas casuísticas, sempre subvencionando a elaboración de proxectos e non de obras. A primeira é a redacción de proxectos de recuperación de espazos que actualmente están ocupados por tráfico a motor para devolvérllelos ás persoas. A segunda supón unha novidade: proxectos para a creación ou mellora de espazos segregados para a circulación peonil e ciclista, é dicir, para sendas peonís ou ciclistas anexas a vías existentes que non contan na actualidade con espazos adecuados para este tipo de desprazamentos.
No caso de recuperación de espazos, o proxecto debe supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e os espazos gañados para as e os peóns deberán ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista onde non existía un espazo adecuado para este tipo de mobilidades o itinerario peonil deberá ter unha superficie mínima de 100 metros e un largo mínimo de 2,5 metros. Finalmente, o proxecto pode combinar as dúas casuísticas seguindo os criterios establecidos nas bases.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados dende o día seguinte a publicación no BOPPO (previsiblemente este venres), tendo que presentar unha estimación do gasto de redacción do proxecto e unha memoria explicativa que inclúa o título do proxecto, resumo, obxecto e ámbito de actuación, e un plano ou bosquexo explicativo das liñas xerais das actuacións que se pretenden proxectar.
Subvencións 2021
As Subvencións Ágora de 2022 veñen completar as axudas do pasado exercicio, que chegaron a 39 concellos da provincia. Segundo explicou o deputado Benítez, repartíronse 2,2 millóns de euros, 1.550.000 euros entre 31 concellos que solicitaron subvencións no Eixo 1 -para redactar proxectos-, recibindo cada un 50.000 euros; e 666.682,9 euros no Eixo 2 -de execución de obras-, con montantes de ata 100.000 euros.
Benítez lembrou que a Deputación creou Ágora, unha rede de acción institucional cos concellos da provincia, para valorizar o espazo público como un dereito fundamental das persoas e co obxectivo de poñer en marcha políticas de recuperación do espazo público e de obter resultados cuantitativos de cara a 2023. Para iso, explicou, puxéronse en marcha diversas iniciativas como a Facultade Ágora de formación técnica, o asesoramento aos concellos, e tamén as subvencións, para incentivar a redacción de proxectos seguindo as filosofías de poñer ás “persoas primeiro”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario