A Xunta de Galicia abre o prazo para que as familias soliciten axudas para libros e material escolar e acceso ao fondo solidario de manuais
O Goberno galego destina un total de 25,6M€ a este programa, cun incremento do 47% do orzamento con respecto a este curso que, case na súa totalidade, vai destinado a financiar a renovación dos manuais do Fondo de libros obrigada pola entrada en vigor da nova Lei educativa
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2022/23.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o próximo día 22 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.Cómpre subliñar que a Consellería de Educación asegura a dotación de balde de libros e material para o 100% das familias que cumpran cos requisitos establecidos.
O sistema solidario habilitado polo Goberno galego que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos: o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.
Axudas á compra
As axudas da Xunta para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.
Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.
No Fondo Solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.
Axudas para material escolar
O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda é de 50 euros/alumno.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.
Trámites por vía telemática
As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade repartiu de forma gratuíta no presente curso escolar un total de 464.598 libros de texto do Fondo solidario, o que alcanza a un total de 80.359 alumnos de 3º a 6º curso de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO. Outros 26.846 alumnos beneficiaronse das axudas da Xunta para a adquisición de libros de texto; mentres que un total de 93.260 alumnos recibiron vales para a adquisición de material escolar.
A asignación de manuais dispoñibles no Fondo Solidario faise por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar e, de ser necesario, o centro adquire os libros complementarios que sexan precisos para garantir unha cobertura similar á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas (seis ou catro libros por alumno/a segundo o caso).
Doutra banda cómpre destacar que para o próximo ano académico, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade volve a manter a flexibilización das esixencias de renda e o aumento xeneralizado das contías das axudas que aplicou nos curso 2020/21 e 2021/22 co obxectivo de reforzar o apoio ás familias ante o contexto de pandemia. Cómpre subliñar que, un ano máis, todas as familias que cumpran cos requisitos teñen cuberto de balde, case na súa totalidade, os libros e o material escolar que precisan para os seus fillos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario