A VELA QUE TEN A GAMELA GUARDESA EXPOSTA NO MUSEO DO POBO GALEGO NON É DO FEITÍO QUE LLE CORRESPONDE
A gamela guardesa que está exposta no Museo do Pobo Galego, presenta unha vela cuxo feitío non é o que lle corresponde
Foto: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
O Museo do Pobo Galego, instalado no antigo convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, ten entre os materiais que forman parte das súas exposicións permanentes, unha gamela de A Guarda. Ese feito, que sen dúbida pón en valor esta antiga embarcación, que na nosa vila atópase lamentablemente en transo de desaparición, por moitos motivos que agora non imos analizar, e que outrora foi tan característica do porto de A Guarda, e tamén de Oia, entre outros lugares das Rías Baixas e tamén das Rías Altas - ainda que con algunhas variantes na súa morfoloxía, como por exemplo á gamela coruxeira -, así como dos portos fluviais (concretamente no río Miño) e marítimos do Alto Minho portugués (Caminha, Áncora, Vila Praia de Âncora, Montedor, Viana do Castelo,...); sirve para relembrar que a gamela guardesa acostumaba levar unha vela cuxa feitura chámase "ala de pardela". Por iso, coidamos que ben merece que a vela - de carocho, barco do río Miño - que desde fai anos está na gamela exposta no Museo do Pobo Galego, e que non se corresponde coa que tradicionalmente empregaban os pescadores guardeses sexa substituída por unha vela tradicional de gamela. Con ese propósito, este cronista fixo algunhas xestións con diferentes persoas vencelladas ao mundo da cultura e da etnografía marítima de A Guarda e súa comarca. Temos constancia oral da existencia de algunhas velas de gamelas guardesas na nosa localidade, máis en todo caso, non atopamos - polo de agora - a disposición necesaria para ceder un exemplar de vela de gamela guardesa a devandita institución museística.
Ainda que non desbotamos a posibilidade de atopar unha solución a esa aspiración que temos, con estas liñas, queremos deixar constancia que sería magnífico que alguén cedese unha vela xenuina de gamela de A Guarda que reemprazase - por non ser a que corresponde - a que desde fai anos presenta a embarcación exposta no Museo do Pobo Galego.
Mariñeiros e sabios
No porto de A Guarda, os mariñeiros - verdadeiros sabios na súa profesión - adoitaban facer ás velas para ás gamelas con teas de algodón, que mercaban nalgún comercio da vila, como o de Enrique Alonso, alcumado "O Papitas". Unha vez mercado o pano, había que extendelo nun lugar chan, e proceder a cortalo. Non había plantillas para ese labor, máis a intuición e a experiencia dos pescadores que cortaban as telas, sabían como debía ser. Logo súas donas procedían a coser as teas, unindo un pano co outro, reforzando o conxunto cun cosido á maquina, en todo o seu perímetro, por ambas as dúas caras da vela.
Desde tempos moi antigos sabían canto tiña que ter na parte da verga e na parte do pau. En todo caso, a superficie vélica era duns 26-27 m2, ainda que tamén habíaas de 30 m2, segundo decraracións de Manuel Alonso Vicente (Mon), a Proxecto Socheo.
Como paso previo o proceso de encascado da vela - para que o pano e as cordas, tivesen unha maior duración no tempo - , o gameleiro, dotaba á vela de dous ou tres rizos - dependendo das medidas da vela - feitos de cordas non moi grosas, así como unha corda na relinga (onde vai o chicote da verga). Tamén se facían uns reforzos na zoa inferior que daba á cana do temón e ía dotada dunha escota - na parte de popa da gamela -, coa lonxitude necesaria - uns dous metros - para as manobras de arriado da vela e mesmo para amarrala na cana do temón, cando "cargaba" o vento. Tamén levaba un reforzo no puño e outro no penol.
Para súa suxeción á verga, a vela estaba dotada duns envergues de corda fina e branda, separados entre sí, uns 40 cms..aproximadamente.
Ao contrario que na parte do pau, no que a vela tiña un corte vertical, na parte inferior da mesma o corte era lixeiramente curvado, para que os tripulantes da gamela puideran ver desde os bancos da embarcación cara á proa.
Para o encascado das velas, os pescadores de A Guarda cocían nun pote con auga doce, anacos de cortiza seca de salgueiro. Unha vez preparada esa cocción, deixábase arrefriar e logo, coa vela extendida no chan, aplicábase o líquido resultante cunha vasoira. Unha vez feito o escascado da vela, e logo de que o pano estivese seco xa se podía comezar a usar a vela. Como queira que co paso do tempo, á brisa mariña e a choiva, a vela podía coller unha cor abrancazada, había que voltar a encascala. Unha operación semellante había que facela periódicamente cos aparellos (arrastóns, nasas, palangres, rascos, salabardos, trasmallos, volantas, xeitos, etc.).
Non queremos concluir esta crónica sen decir que a cesión da vela de gamela de A Guarda ao Museo do Pobo Galego non conlevaría perder ese ben etnográfico, toda vez que a devandita cesión, que mesmo pode ser temporal, quedaría perfectamente documentada para tranquilidade do cesionario e da súa familia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario