PIUEIRO
Caderno da tripulación
De Manuel Álvarez e Marta Dacosta
Presentación: xoves, 12 de decembro de 2024, ás 19:00 horas, na Casa dos Alonso
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Da man do fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez e da escritora, xornalista e poeta, Marta Dacosta Alonso, a vila de A Guarda marca un destacado e novo fito bibliográfico: a publicación de PIUEIRO. Caderno de tripulación.
A presentación dese libro será o xoves, 12 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa dos Alonso.
Contarase coas intervencións de Roberto José Álvarez Carrero, alcalde do Concello de A Guarda; Xaquín Cadilla Castro (Baloeiro fillo), mariñeiro, patrón de pesca, armador e poeta; Marta Dacosta, escritora, xornalista e poeta; Joaquín Miguel Villa Álvarez, historiador; Henrique Alvarellos, editor, escritor, xornalista e xestor cultural; e Manuel Álvarez, fotógrafo.
Unha obra moi singular
Piueiro. Caderno da Tripulación (Alvarellos Editora) é unha obra moi singular, un proxecto nacido do maxín do fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez (A Guarda, 1954) e que conta cos inspirados e rotundos versos da poeta Marta Dacosta (Vigo, 1966).
Trátase dun libro gráfico, en edición moi coidada, que reúne os rostros de 20 coñecidas persoas mariñeiras da Guarda. Como unha loita contra a desmemoria e contra todo o patrimonio perdido, o fotógrafo Manuel Álvarez rescata estes rostros como un exercicio de resistencia. Son vinte imaxes que retratan a coñecidos e actuais mariñeiros da Guarda. A carón delas, os poemas de Marta Dacosta. E, ademais, Piueiro conta coa colaboración do historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez e dun dos retratados, o patrón de pesca Xaquín Cadilla.
Sobre os protagonistas fotografados di o historiador Villa Álvarez: «Calquera deles puidera ser José Cadilla Bochechudo, Bartolomé Pacheco Pedepunta ou José da Lomba Reichiquito, mariñeiros guardeses do ano 1753 (...). Todos sentiron e senten rabia ante a dureza do seu traballo, as inclemencias do tempo ou a inseguridade que provoca a pesca como forma de vida. Unha rabia moitas veces contida no interior forxando un carácter duro, seco, parco en palabras».
O fotógrafo e artífice da obra, Manuel Álvarez, imaxínaa como un Caderno da Tripulación, unhas notas que se salvaron dun afundimento: «Deste naufraxio imaxinario sobreviven en certa medida algúns compoñentes reencarnados no caderno da tripulación. Nesta ficción do caderno de bitácora, con anotacións á marxe, van soletreados os nomes dos que, como Jonás, permaneceron dentro do ventre da balea».
Para a poeta Marta Dacosta «crear textos poéticos para as imaxes de Manuel Álvarez foi un desafío que como un exercicio de resistencia que aínda me produce vertixe. Mais o diálogo constante que mantivemos axudou a que a palabra pousase neste exercicio de contención, sonoridade, xogo e tamén deseño do espazo ocupado polo verso. Debo agradecerlle a confianza que me demostrou e que, coa súa proposta, me levase a pensar e pescudar até dar forma a este mallante».
HOMENAXE PÓSTUMA A MINXOS
O volume rende homenaxe póstuma a Domingo Carrero Álvarez, Minxos, mestre carpinteiro de ribeira do Baixo Miño, grazas a quen foi posible construír en 2019 o volanteiro Piueiro. Con máis de 92 anos, foi memoria viva, herdada do pai e avó, para recuperar un barco emblemático deste municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario