CINCO DÍAS DE TRABALLO INTENSO PERMITIRON SACAR Á LUZ DÚAS VÍTIMAS DA REPRESIÓN DO 36
• A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, propúxolle ao Concello de Salceda que solicitase unha subvención á Federación Española de Municipios e Provincias, para poder comezar neste ano a exhumación na fosa de Soutelo
Despois de moito tempo en busca de datos sobre as sete persoas soterradas no adro da igrexa de San Vicente de Soutelo, en Salceda de Caselas, e a procura dunha axuda económica para poder comezar a exhumación, tras unha semana de intensos traballos de desterre logramos localizar a bastante profundidade dúas das sete vítimas que están soterradas no lateral esquerdo da igrexa, un lateral do adro que antigamente non era moi utilizado como camposanto. Alí, preto dunha oliveira, unicamente enterraban a xente pobre e a fetos malparidos.
De momento non temos nin idea de quen poden ser os dous cadáveres que apareceron debaixo doutros enterramentos posteriores. Temos que agardar a que o antropólogo forense, Fernando Serrulla, poida indicarnos máis ou menos a altura e idade destes dous individuos para comezar a investigar cal deles podería ser e buscar a súa familia para poder facer probas xenéticas.
Un dos sete asasinados en setembro de 1936 é Leoncio Muíños Rey. Sabemos que naceu en Tui, mais tamén viviu na Guarda. Quedou coxo por causa dun accidente de mozo, e acabou traballando no Porriño como vendedor de xornais. A súa irmá, Adela Muíños, seguiu a vivir na Guarda, mais descoñecemos se tiña máis irmáns. Ningún dos que apareceron presenta signos de coxeira coma este home.
Moitas persoas se achegaron ao lugar ben pola curiosidade, ben para conseguir recuperar os restos dun familiar que quedara soterrado debaixo das lousas con que cubriron o chan de terra nos anos 80.
Coas fotografías de Santiago Baz e Tere Pérez pódense dar idea do enorme traballo feito en tan pouco tempo por Eduardo Breogán e Alfonso, dous arqueólogos contratados polo concello de Salceda de Caselas para a realización das catas no lugar indicado por Miguel González González, segundo lle indicara seu pai, que os vira enterrar no 36.
O resultado foi positivo, pero incompleto dado que buscabamos a moitos máis. Hoxe venres puidemos comprobar que as nosas investigacións non foron en balde, e que estamos ante un caso diferente ao doutros lugares porque os paseados foron enterrados dignamente en caixóns. Segundo comentaba hoxe pola mañá Fernando Serrulla os cadáveres mostraban signos de violencia no cráneo e nos brazos, co que xa se pode abrir unha investigación a través da fiscalía para poder determinar por medio dunha análise xenética quen son, se coñecemos algún dos seus familiares.
De momento unicamente temos recollidas as mostras de ADN dun sobriño neto de Severo Boente, Cándido Boente. Grazas el e á súa irmá Carme, que queren recuperar os restos do seu parente, puidemos pedir os permisos necesarios para a realización desta nova exhumación. Non damos por finalizada a busca dos outros. Agora xa temos unha idea máis clara de que igual os puideron enterrar en dous lugares diferentes dado que houbo dúas sacas diferentes, unha o 1 de setembro (4 homes veciños do Porriño e 1 de Mos) e outra o 17 de setembro (2 homes de Tui).
Parece que encontramos os da segunda saca, mais non o podemos asegurar porque vai depender das conclusións ás que chegue o antropólogo forense despois do estudo no laboratorio en Verín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario