18 de maio de 2022

O PORRIÑO

A Xunta de Galicia promove os recursos naturais e a lingua no II concurso de curtas senda litoral de Galicia  

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na entrega de premios que tivo lugar no marco do Festival de Cans


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na entrega dos premios do certame promovido pola Xunta para impulsar o coñecemento da Senda Litoral de Galicia

Foto: X.G.

Infogauda / Cans (O Porriño)

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na entrega dos premios do certame promovido pola Xunta para impulsar o coñecemento da Senda Litoral de Galicia, favorecendo o uso do galego e o coñecemento dos recursos naturais e patrimoniais dos territorios polos que transcorre este itinerario de interese paisaxístico.

 Organizado pola Fundación Galicia Sustentable en colaboración con Turismo de Galicia e promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaria Xeral de Educación e Formación Profesional, en colaboración con Enerxías de Portugal Renovables e o Festival de Cans, a entrega dos premios tivo lugar no marco da celebración do festival audiovisual que estes días acolle Cans.

 Nesta segunda edición do concurso, no que participaron 14 centros educativos galegos de ESO, Bacharelato, Formación Profesional básica e ciclos formativos de grado medio, resultaron gañadores os centros de Tomiño, Cedeira e Vigo que, ademais de recibir o trofeo e a certificación de Premio de Innovación Educativa, puideron ver as curtas gañadoras no marco do festival.

 Os vídeos, que debían ter unha duración inferior a cinco minutos, debían enxalzar as múltiples facetas do territorio litoral de Galicia, dende a gastronomía ou a natureza ata a cultura e a lingua.

 Mediante a posta en marcha deste concurso, preténdese incentivar o uso da lingua entre os máis xoves así como poñer en valor, promover e fomentar o coñecemento do patrimonio, da paisaxe e da natureza, as lendas, a gastronomía ou calquera outro activo do territorio polo que atravesa a Senda.

A Senda

 A Senda Litoral de Galicia é un itinerario de interese paisaxístico incluído nos instrumentos de ordenación do territorio de Galicia para fomentar o descubrimento de todo o litoral e pór en valor os recursos territoriais e as paisaxes que vai percorrendo.

 Consta de 53 etapas que van desde Tapia de Casariego (Asturias) ata Vila Nova de Cerveira (Portugal) e dálle continuidade no tramo galego á Senda Europea E9.

Ningún comentario:

Publicar un comentario