29 de xuño de 2021

A GUARDA

O servizo do Ferry-Boat entre Caminha e A Guarda, e viceversa, reanudarase o día 9 de xullo

· Os gobernos municipais de ambas as dúas poboacións deberan aspirar á un paso permanente e traballar nesa dirección


O ferry-boat "Santa Rita de Cássia" podería reanudar en breve súas travesías entre Caminha e A Guarda

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O equipo de goberno municipal vén de facer público que "despois das conversas mantidas entre o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, o servizo do Ferry-Boat entre ámbalas dúas vilas fronteirizas podería regresar ao seu funcionamento habitual a partir do vindeiro venres día 9 de xullo".  

 Informarase previamente dos horarios de funcionamento a través da páxina web www.turismoaguarda.es

DÉCADAS DE ATRASO NAS COMUNICACIÓNS TRANSFRONTEIRIZAS

  A nova comunicada polo executivo local de A Guarda, ainda sen ser moi concreta, vén en certo modo, a despexar á incognita suscitada desde o pasado día 11 de xaneiro de 2021, data na cal foi suspendido temporalmente - agora constatamos que a temporalidade foi superior a cinco meses e medio - o servizo do ferry-boat entre Caminha e A Guarda, e viceversa.

 Con todo, referente á mobilidade entre ambas as dúas poboacións, está perfectamente claro que Caminha e A Guarda deben aspirar a máis se queren aproveitar lexítimamente as sinerxías e súas potencialidades en diferentes sectores (comercial, industrial, turístico,...).

 Desde este xornal dixital transfronteirizo consideramos que entre os representantes municipais de Caminha e de A Guarda debera haber unha axenda de traballo coordinado, para facer valer onde corresponde que estas dúas poboacións non poden estar condicionadas polas circunstancias que impediron o normal funcionamento do transbordador ao longo destes últimos cinco meses e medio. Hai que traballar co propósito de lograr un paso permanente, no lugar máis axeitado e con maior viabilidade técnica e económica posible. 

 É triste, moi triste, comprobar como en pleno século XXI estamos peor comunicados que fai un século. E para maior desgraza, comparativamente falando, na ribeira dereita do río Miño, peor que na marxe veciña, onde contan con ferrocarril e unha mellor conexión por estrada coas súas cidades e aeroportos de referencia. E nós a velas vir. 

 Isto ten que mudar e as oportunidades hai que buscalas. Non podemos continuar ollando pasivamente como pasan os días e nada facemos para cambiar á situación que todas e todos coñecemos.

COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA

O AECT RÍO MINHO APLAUDE A APOSTA DO  GOBERNO PORTUGUÉS DE DESTINAR CARTOS ESTATAIS Á FRONTEIRA E QUE ESTA SEXA O CENTRO DE ACCIÓN DOS FONDOS EUROPEOS  

· O vicedirector Uxío Benítez participou hoxe no Encontro de Cooperación Transfronteiriza celebrado en Cerveira, onde defendeu a necesidade de financiamento específico para o territorio miñoto polo perxuízo do peche da fronteira pola COVID    

· A ministra de Coesão portuguesa Ana Abrunhosa recoñece que a situación no Miño “foi dramática” durante os peches  


Foto de "familia" das autoridades participantes no Encontro de Cooperación Transfronteiriza organizado en parcería co Goberno portugués e o CCDR-N
Fotos: Rafa Estévez


Infogauda / Vila Nova de Cerveira

 O AECT Rio Minho foi anfitrión hoxe en Vila Nova de Cerveira do Encontro de Cooperación Transfronteiriza organizado en parcería co Goberno portugués e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N) para abordar os retos de futuro dos territorios transfronteirizos. O agrupamento, en boca do seu vicedirector Uxío Benítez, amosouse moi satisfeito polo resultado do encontro e, en concreto, polas declaracións da ministra de Coesão portuguesa, Ana Abrunhosa, quen se manifestou claramente a favor das teses que o AECT está a defender de maneira constante sobre a necesidade de destinar máis fondos tanto europeos como estatais ás zonas de fronteira, e sobre que os fondos europeos do POCTEP deben impactar de maneira específica nos territorios transfronteirizos en pro da súa recuperación e dinamización en lugar de deturpalos en outras zonas lonxanas á raia.    

 No encontro, no que participaron as e os responsables de Reto democráfico e Fondos Europeos do Goberno Español,  a secretaria de Función Pública e Valorização do Interior por parte lusa, ademais do presidente da Xunta e da CCDR-N, reivindicouse a singularidade do territorio miñoto fronte a outras zonas raianas do estado “por ser a máis porosa e permeable” e tamén a “máis dinámica”. 

 Logo do peche da xornada, o vicedirector do AECT Uxío Benítez valorou moi positivamente o feito de que a primeira vez que un Goberno dun Estado organiza un encontro de cooperación transfronteiriza “tivera a ben” escoller unha localidade á beira do Miño, concretamente Vila Nova de Cerveira, como lugar onde reunir a todas as entidades transfronteirizas de España e Portugal.  


A esq. da imaxe, o vicedirector do AECT Uxío Benítez na súa intervención


 O nacionalista manifestou, así mesmo, a súa satisfacción polo desenvolvemento do acto e o intercambio de experiencias. Sobre todo, valorou positivamente as declaracións da máxima responsable do goberno portugués, a ministra de Coesão Ana Abrunhosa, quen subliñou que a cooperación transfronteiriza é unha auténtica prioridade do Goberno Portugués, defendeu que debe haber máis financiamento para a fronteira incluso máis alá dos cartos europeos de cooperación transfronteiriza –tamén cartos estatais-, e reclamou que os fondos do POCTEP teñan o impacto e o centro da súa acción nos territorios reais de fronteira. “Nós celebramos esas manifestacións da ministra que veñen a dicir o que leva dicindo o AECT moito tempo”, insistiu Benítez.  


A ministra Abrunhosa nun momento da súa intervención

 A ministra Abrunhosa recoñeceu, de feito, que o peche da fronteira durante dúas ocasións na pandemia supuxo para o territorio do Miño unha “situación dramática”. Asumiu que a decisión dos gobernos centrais de Madrid e Lisboa tivo un impacto moi negativo e manifestou o seu desexo de “non volver a iso”. Pola contra, anunciou que o territorio do Miño ten o compromiso do goberno portugués de que vai ser “o beneficiario dos máis simbólicos investimentos dos últimos anos”, ao tempo que manifestou que o goberno portugués vai reforzar os proxectos do POCTEP e canalizar máis iniciativas neste territorio que no pasado.   

 Foi nese sentido que Abrunhosa amosou a súa insatisfacción co mapa POCTEP proposto pola Comisión Europea, asegurando que os proxectos deben ter o seu impacto na fronteira, algo que non acontece “e que nos incomoda” por incluír territorios non transfronteirizos: “Eses –dixo- poden ser beneficiarios doutro tipo de axudas”.  

 Na mesma liña que a ministra se manifestou o presidente do CCDR-N Antonio Cunha, quen reivindicou que o territorio galego e do Norte de Portugal debe ser “ambicioso e visionario” e procurar fontes alternativas de financiamento ademais de conseguir moitas candidaturas no próximo cadro europeo 21-27.  

 Pola súa banda, o director do AECT Rio Minho, Fernando Nogueira, manifestou a existencia de “moitas expectativas” para que o territorio do Miño poida recuperarse tras o encerramento. Subliñou a necesidade de poñer en marcha a tarxeta transfronteiriza que facilite a mobilidade da cidadanía da raia, a implementación dun ITI para desenvolver economicamente o territorio, así como a inxección de fondos de resiliencia e recuperación: “A fronteira agarda un plan real e oficial para o territorio transfronteirizo”, finalizou.  

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, centrou a súa intervención na defensa do rexionalismo europeo e no entramado complexo que debe seguir a cooperación transfronteiriza grazas aos gobernos locais, rexionais e estatais. “Temos que reivindicar esta terra –Galiza- como xerme do europeísmo. Os raianos fomos os primeiros europeos que existiron”, subliñou.  

Altos cargos estatais e rexionais 

 Entre os altos cargos que estiveron presentes no encontro de Cooperación Transfronteiriza estiveron tanto presencial como de maneira telemática o secretario de Estado de Política Territorial e Función Pública (España), Víctor Francos; o embaixador de Portugal en España, João Mira-Gomes; a  embaixadora de España en Portugal, Marta Betanzos Roig; e a secretária de Estado da Valorização do Interior (Portugal), Isabel Ferreira.  

 A parte de ‘Desafíos futuros’ foi moderada polo integrante do Grupo de Trabalho da Estratégia Comum de Desenvolvimento Transfronteiriço (ECDT) da Universidade do Porto, José Alberto Rio Fernandes. Este deu paso á conferencia sobre a ‘Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteiriço (ECDT)’, impartida polo secretario Xeral de Reto Demográfico (España), Francesc Boya Alós, ao que seguirán  o presidente do Conselho Diretivo da Agência para o Desenvolvimento e Coesão, IP (Portugal), Nuno Oliveira dos Santos e a secretaria Xeral de Fondos Europeos (España), Mercedes Caballero Fernandez, que falaron sobre ‘A importancia dos próximos programas de cooperación territorial transfronteiriza’. Tamén participaron, achegando as ‘Visións rexionais’ o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller e o vice-Presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, Beraldino Pinto.   

 Na parte de intercambio de experiencias, o vicedirector do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, expuxo o traballo realizado coa marca turística ‘Rio Minho’. Participaron tamén expoñendo o ‘Programa IACOBUS’ o responsable do AECT Galiza- Norte de Portugal, Xosé Lago; falou sobre ‘TUT - Transporte Urbano Transfronteirizo’ o integrantes da Eurocidade Chaves- Verín, Nuno Vaz; abordou o ‘Territorio Museo’, o integrante da Eurocidade do Guadiana, Luís Romão; expuxo o proxecto ‘Zasnet - Meseta Ibérica’ Hernâni Dias, do AECT Zasnet; falou sobre o ‘Cluster da Educación da Cencyl’ Cristina Oliveira, da Comunidade de Trabalho Rexión Centro de Portugal - Castela e León; abordouse o ‘Proxecto AGROPOL’ da Comunidade de Traballo da Eurorrexión Alentejo-Centro-Extremadura, a cargo de Teresa Jorge e Clara Lourenço; e finalmente falouse sobre ‘Turismo Activo e os eixos fluviais: exemplo de Douro-Duero’ con representante da AIMRD - Associação Ibérica de Municípios Ribeirinhos do Douro, Jesús Rivas Rojo. 

O ROSAL

Este verán aprender a facer piragüismo está na axenda  

· O Concello do Rosal ofrece este mes de xullo un obradoiro de 8 horas no que rapaces e rapazas maiores de 12 anos iniciaranse neste deporte 

  


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal pon en marcha este verán, un novo obradoiro ao abeiro da programación de lecer destinada á mocidade rosaleira. Nesta ocasión será un curso de 8 horas de piragüismo dirixido a rapaces e rapazas de máis de 12 anos, no que o alumnado participante aprenderá todo o necesario para poder desenvolverse con soltura empregando unha piragüa en augas tranquilas.  

 O obradoiro desenvolverase no río Tamuxe os días 19, 21, 26 e 28 de xullo en horario de 10.00 a 12.00 horas. As persoas interesadas en participar deberán facer a inscrición previa a través da páxina web do Concello. 

 O prezo do curso será de 18 euros por persoa e o prazo de inscrición remata o vindeiro 12 de xullo.  

 No caso de cubrirse o mínimo de prazas para poder desenvolver o obradoiro, dende o Concello enviarase un correo electrónico a cada participante para que proceda a facer o ingreso do prezo do curso e así garantir e formalizar a praza. 

 O obxectivo do Concello do Rosal á hora de poñer en marcha este tipo de actividades para a mocidade é ofertar unha programación de lecer atractiva e variada que anime a participar a todas as rapazas e rapaces rosaleiros.

O ROSAL

Novo empurrón á actividade deportiva no Rosal tras a reunión do Consello Municipal  

· A creación de instalacións ou a promoción de xogos tradicionais e deportes minoritarios, entre os asuntos tratados no segundo encontro deste órgano consultivo   



O Consello Municipal do Deporte celebrou o seu segundo encontro
Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa coa colaboración activa e estreita coa veciñanza para avanzar nos diferentes ámbitos municipais, tamén no deportivo. O Consello Municipal do Deporte celebrou o seu segundo encontro para seguir achegando propostas e ideas, debatendo e reflexionando sobre o devir deste ámbito no Rosal. Nesta nova reunión a creación de novas instalacións ou a promoción de xogos tradicionais e deportes minoritarios foron algúns dos eixos principais do debate. 

 Durante o encontro abordouse o tema das pistas para correr, sobre o que se propuxo a creación de circuítos permanentes con sinalización en cada punto quilométrico e preparados para todo tipo de persoas. Ademais, as e os integrantes do Consello falaron da posibilidade de deseñar carteis con itinerarios para que as persoas que visitan o Rosal coñezan o terreo e as posibilidades que ofrece e propuxeron recoller ideas sobre que facer coa recta da Cumieira, moi utilizada para adestrar series. 

 A pesar de que a situación sanitaria aínda non permite realizar todo tipo de actividades con normalidade, dentro do Consello propúxose tamén traballar en darlle pulo e promocionar os deportes minoritarios e os xogos tradicionais, así como todo tipo de deportes que hai no Baixo Miño. Para iso, os e as integrantes deste órgano consultivo consideran imprescindible contar con representantes dos barrios e facer un esforzo para que sexan actividades cunha alta afluencia de participantes.  

 Xunto ao concelleiro de Deportes e ao de Participación Veciñal, Germán Fernández Rodríguez e Ramón Fernández Leal, respectivamente, o Consello está integrado por representantes do Acanor Novás Valinox de balonmán; da U.D. Ribera de fútbol; da Sociedade Atlética do Trega; do Club Ciclista O Rosal, e dos clubs de petanca, fútbol gaélico, futgolf ou judo. Tamén conta coa participación de deportistas relacionados co décatlon ou o trial, como o olímpico David Gómez e o piloto Gabriel Marcelli, coa futbolista Sara Álvarez, o activista deportivo Ignacio Rivas, o ciclista Christian Silva, o asesor deportivo Víctor Valderradama, o ex ciclista profesional e animador deportivo Serafín Martínez ou o profesor de Educación Física xa retirado Félix Piñel. 

 O Concello do Rosal puxo en marcha os consellos municipais co obxectivo de crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.

TOMIÑO

“Violencia Zero” chega a Tomiño da man da actriz e dramaturga Esther Carrodeguas  

· Presidirán o acto, este mércores, Mª Victoria Alonso (deputada de Cultura e Igualdade); Paula Cabaleiro (directora de Cultura da Deputación) e Sandra González (alcaldesa de Tomiño). O evento poderá será retransmitido en directo 

 


Infogauda / Tomiño

 Tras máis de 100 accións artísticas por toda a provincia, un ano máis, a actuación da VI Edición do programa "Mulleres en acción: Violencia Zero" chega a Tomiño este mércores 30 de xuño, ás 12.00 horas na Praza do Seixo, a carón do Concello. O evento será retransmitido en directo

 Presidirán o acto, a deputada provincial de Cultura e Igualdade (Mª Victoria Alonso); a comisaria do Programa "Mulleres en acción Violencia cero" e directora de Cultura da Diputación de Pontevedra (Paula Cabaleiro) e a alcaldesa de Tomiño (Sandra González).  

 A acción escénica que visita Tomiño, titulada “Sinais”, estará a cargo de Esther Carrodeguas, escritora, actriz, directora e perfomer. “Unha reflexión sobre a maneira na que somos capaces de ver (ou non ver) os sinais que a vida nos ofrece para protexernos ou para lembrarnos a ferida que nos provocou. Porque os sinais non deixan de ser xamais unha maneira de comunicación”, explica a artista.  

 A situación actual supón un importante reto, xa que dificulta o contacto directo co público nas accións, pero Mulleres en acción segue apostando por un impacto emocional. “Deixamos de ter unha participación colectiva na arte mural, pero intervimos artisticamente elementos de protección como as máscaras; adaptamos os eventos aos protocolos de seguridade, e integramos a situación actual na mensaxe das obras”, comentan dende a organización.  

Esther F. Carrodeguas  

 Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. Fundou a compañía universitaria Teatro dá Falúa e dirixiu Teatro Airiños desde 2011 até 2019. En 2015 gañou o Premio Abrente para Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia coa peza Voaxa e Carmín, na que desvela a historia de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas como Marías, de Santiago de Compostela. Este feito fará que se embarque xunto a Xavier Castiñeira na plataforma profesional ButacaZero. Na actualidade compaxina a súa faceta como empresaria e creadora co seu traballo como docente e profesional para compañías externas como directora, dramaturga ou guionista de cinema. 

TOMIÑO

Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da música actual, abrirá a axenda cultural de verán en Tomiño   

· É preciso reservar praza chamando aos teléfonos do Concello ou enviando un correo electrónico ao Departamento de Cultura   



Infogauda / Tomiño

 Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega actual, traerá o vindeiro sábado 3 de xullo, as 10 cancións do seu disco “Costuras”, á Praza do Seixo, dentro do ciclo O Son da Praza. Con este concerto en directo para todos os públicos, que comezará ás 22.30 horas e será gratuíto (se ben hai que reservar lugar), abrirase a axenda cultural de verán do Concello de Tomiño.  

 A primeira cita cultural do verán chega a Tomiño da man de “Musigal 2021”, o programa da Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia.  

 Grazas á capacidade para a composición, a versatilidade e a sensibilidade á hora de interpretar, Guadi Galego (vocalista, pianista e gaiteira do grupo Berrogüeto durante unha década), publicou con Carlos Abal o seu novo disco, “Costuras”, “unha viaxe desde mundos asociados á infancia até o presente máis duro e á vez esperanzador”.  A cantante actuará acompañada polo seu grupo e tocará os teclados.  

 O resto da programación deste verán inclúe cine familiar ao aire libre e cine para persoas adultas; contacontos, teatro e concertos musicais de distintos xéneros; todos ca Praza do Seixo como escenario. Tamén celebrarase un festival familiar en Goián (con circo, xogos tradicionais, teatro e música) e numerosas actividades deportivas e de formación, das cales se irá informando puntualmente.  

 Reserva de praza para o concerto de Guadi Galego en: cultura@tomino.gal ou no teléfono 986 622 001/03.

TURISMO

O presidente da Xunta de Galicia inaugurou esta mañá, en Vigo, o albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves

· Feijóo salienta que Vigo inicia o verán co albergue que precisaba para celebrar un Ano Santo bianual que suporá un pulo para o Camiño Portugués e para a cidade  

· Subliña que este edificio de seis plantas, no que a accesibilidade está garantida, conta con capacidade para acoller ata 93 persoas

· Afirma que a partir do 1 de xullo estarán en funcionamento un total de 71 albergues da rede pública  


O presidente da Xunta de Galicia diante do Albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, inaugurado hoxe no barrio do Berbés, na cidade de Vigo

Fotos: X.G.

· Refírese ao Camiño de Santiago como un compendio de culturas e de valores, pero tamén de vontades de persoas e institucións por colaborar para facer deste Xacobeo 21-22 unha oportunidade de recuperación económica  

· Destaca que a posta en marcha deste albergue pon de manifesto a aposta do Goberno galego pola rehabilitación e polo Casco Vello de Vigo; non en van, ata o de agora, xa se recuperaron máis de 110 vivendas e 34 locais; e están en execución catro obras máis

Infogauda / Vigo

 O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Vigo inicia o verán co albergue que precisaba para celebrar un Ano Santo bianual que suporá un pulo para o Camiño Portugués e para a cidade.

 Durante o acto de inauguración do albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, Feijóo recordou que este edificio de seis plantas, no que a accesibilidade está garantida, conta con capacidade para acoller ata 93 persoas, nun espazo distribuído en 7 habitacións, ademais de dispoñer de cociña, comedor, zona de lecer e aseos.


Juan Manuel López-Chaves - a esq. da imaxe - co Alberto Núñez Feijóo e Marta Fernández-Tapias, no interior do Albergue de Peregrinos promovido pola Xunta de Galicia

 Nesta mesma liña, subliñou que ata finais de ano levaranse a cabo actuacións en 28 albergues públicos, co obxectivo de mellorar as condicións de confort dos usuarios, a accesibilidade e eficiencia enerxética nos edificios, a mellora ambiental e a conservación do patrimonio. Así, no Camiño Portugués executaranse traballos en 4 albergues: no Virxe da Peregrina de Pontevedra, no de Teo, no de Porriño e no de Valga.

 Todo iso co obxectivo de que o vindeiro 1 de xullo estean en funcionamento un total de 71 albergues da rede pública.
 Ao longo da visita, Feijóo referiuse ao Camiño de Santiago como un compendio de culturas e de valores, pero tamén de vontades de persoas e institucións por colaborar para facer deste Xacobeo 21-22 unha oportunidade de recuperación económica. Ao respecto, destacou os actos levados a cabo con distintas comunidades en Liébana e en Logroño; a recente visita a Portugal para abordar co presidente do país e co primeiro ministro a oportunidade que supón o Camiño para ambos territorios; e avanzou que o 12 de xullo reuniranse en Roncesvalles, nun acto presidido polo rei Felipe VI, todas as comunidades polas que pasa o Camiño Francés.

 Así mesmo, aproveitou o acto para agradecer á hostalería de Vigo a súa implicación, entendendo a importancia estratéxica que supón o Camiño Portugués, e a súa colaboración na sinalización da ruta. Resaltou ademais o compromiso da Xunta para ofrecer as máximas garantías para que a Comunidade sexa sinónimo de destino seguro.

 Sobre este punto salientou a seguridade nos albergues, cun sistema de reservas en liña; a posta en marcha da aplicación PassCovid e do Seguro Covid, para dar cobertura aos viaxeiros en caso de que enfermen durante a súa estancia na comunidade; e os apoios específicos para a hostalería para, por exemplo, adaptar as terrazas, os servizos de entrega a domicilio e os locais ás medidas sanitarias.

 Feijóo concluíu subliñando que a posta en marcha deste albergue pon de manifesto a aposta da Xunta pola rehabilitación e polo Casco Vello de Vigo. Non en van, ata o de agora xa se recuperaron máis de 110 vivendas e 34 locais; e están en execución catro obras para obter 14 novas vivendas e dous locais.

EMPREGO

A Xunta de Galicia financia con 1,8 millóns de euros cinco obradoiros para menores de 30 anos na área de Vigo  

· A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe que o Executivo autonómico apoirá a organización destes talleres, que beneficiarán a contratación de 80 mozos e mozas, nos concellos de Vigo, Redondela, Moaña e o Val Miñor


Infogauda / Vigo 

 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe que a Xunta investirá na área territorial de Vigo 1,8 millóns de euros para formar a 80 mozos e mozas en cinco obradoiros dos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor.  

 No conxunto de Galicia, o Goberno galego destinará este ano preto de sete millóns de euros para a posta en marcha de 19 obradoiros que beneficiarán a máis de 300 mozos e mozas de 18 anos o máis inscritas e en situación de beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. 

 Os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración. Sobre os novos talleres de formación, a representante autonómica sinalou que no correspondente á Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo os alumnos formaranse en deseño gráfico web e dinamización de proxectos (MAIV G. X. 2021); en desenvolvemento de aplicacións web e sistemas de xestión de información no caso da proposta do Concello de Vigo (Formaweb IV); e albanelería e canteira no que levará a cabo a Mancomunidade do Val Miñor (Pedras do Miñor). Xa por último, Redondela TIC II centrará a formación no deseño gráfico por unha banda, e a albalería por outra; mentres que Moaña Moza II enfocará o programa na organización e xestión de eventos e actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil.  

 Os proxectos son promovidos por concellos, mancomunidades de concellos e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades. Estes programas tamén inclúen a posibilidade de que os alumnos e alumnos, ao remate dos obradoiros, poidan optar a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante un mínimo de seis meses a xornada completa para ocupacións nas materias impartidas na fase de formación.  

 En definitiva, os obradoiros dirixidos a menores de 30 anos son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral. O obxectivo é incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas para minimizar os efectos da crise sanitaria.    

SANIDADE

CIG-Saúde da comarca de Vigo denuncia que as comidas dos pacientes do Hospital Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña chegarán da cociña do H. Lucus Augusti a partires do 19 de xullo



 A Consellería de Sanidade tivo que recorrer a un hospital público, con persoal público,  para solucionar o problema creado pola privatización dun servizo esencial. 

 A Xerencia da Área Sanitaria de Vigo continúa sen aclarar en que situación queda a garantía das persoas ingresadas nos hospitais desta área a recibir a alimentación que  precisan, adecuada ás súas necesidades e en condicións culinarias que permitan a súa  inxesta. 

 O que está a pasar coa cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro non fai mais que reforzar a nosa defensa dunha sanidade 100% pública, tanto no financiamento como na provisión, de tódolos servizos implicados na asistencia sanitaria. 

 CIG-Saúde da comarca de Vigo esixe unha investigación transparente dos controis de  calidade e seguimento da obra construída e que se depuren as responsabilidades polo  feito de que se teña que paralizar a cociña dun hospital despois de 6 anos da súa  construción. 

 CIG-Saúde tamén esixe unha 

información transparente sobre como e quen vai asumir  o sobre custe do peche da cociña e o incremento da actividade da cociña do Hospital  Lucus Augusti, que obrigará ao SERGAS a contratar máis persoal. Non podemos  consentir que se pague á empresa concesionaria pola reparación duns defectos na  construción que eran a súa responsabilidade, nin por uns servizos que non presta. 

Vigo, 29 de xuño de 2021 

CIG-Saúde da comarca de Vigo

(R.)

VIGO

O COMITÉ DE EMPRESA DE URBASER, CONCESIONARIA DO SERVIZO DE LIMPEZA DO CONCELLO DE VIGO, CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN

O mércores día 30 de xuño de 2021, ás 11:00 horas, diante da Casa do Concello de Vigo

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de Urbaser (3 representantes da CIG, 1 de  CCOO e 1 da UGT), concesionaria do servizo de limpeza das dependencias  municipais do Concello de Vigo, convoca para o mércores día 30 de xuño, ás 11:00 horas, diante da Casa do Concello de Vigo, unha concentración "para denunciar os incumprimentos do convenio colectivo por  parte da empresa, especialmente no que ten que ver co aumento da xornada  laboral, xa que se están a facer arredor de 300 horas semanais menos de  traballo do que estipula o prego de condicións".

PESCA

O xoves día 1 de xullo comeza a campaña extractiva da nécora e do lumbrigante en Galicia  

· A captura da nécora prolongarase ata o 5 de xaneiro do próximo ano mentres que a do lumbrigante estará autorizada ata o 31 de marzo de 2022

Nécora galega
Foto: X.G.

· As medidas de xestión para a explotación da nécora están recollidas no plan experimental para a súa xestión xunto ao camarón que publica hoxe o ‘Diario Oficial de Galicia’


Infogauda / Galicia

 A extracción da nécora e do lumbrigante ábrese este xoves día 1 de xullo en toda Galicia e prolongarase ata o día 5 de xaneiro de 2022 no caso da nécora e ata o 31 de marzo do próximo ano no caso do lumbrigante. Trátase dos períodos autorizados de acordo co recollido no Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023.

 En canto á nécora, as medidas de xestión para a súa explotación desenvólvense na resolución pola que se aproba o plan experimental para a xestión desta especie e do camarón coa arte de nasa nécora e camarón. A vixencia deste plan, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), abrangue desde este xoves 1 de xullo ata o 30 de xuño de 2023.

 Na resolución pola que se aproba o plan fíxanse cuestións como o número de nasas permitido segundo o tamaño da embarcación e o número de tripulantes enrolados e a bordo ou o horario de lance de nasa nécora e camarón, que será nocturno salvo algunhas excepcións nas rías de Arousa e Vigo, nas que o calamento tamén poderá ser diúrno. Estes dous horarios -nocturno e diúrno- serán excluíntes entre eles. A resolución establece tamén que as nasas para a captura de nécora e camarón deberán ser levantadas e levadas a porto diariamente unha vez cumprido o horario de traballo.

 De acordo co Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023, a veda da nécora en 2022 prolongarase entre o 6 de xaneiro e o 30 de xuño mentres que no caso do lumbrigante a prohibición da súa captura estenderase do 1 de abril ao 30 de xuño.

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra colabora un ano máis coa Fundación Érguete cunha achega de 12.500 € para o programa de emprego inclusivo 

· A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou hoxe as instalacións de Pontevedra nas que se desenvolve o curso de "Auxiliar de Almacén", enmarcado neste programa 


A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou as instalacións do Banco de Alimentos de Pontevedra 

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 A deputada de Cohesión Social, Olga García, vén de visitar as instalacións do Banco de Alimentos de Pontevedra nas que se está a desenvolver o curso de "Auxiliar de Almacén", enmarcado no Programa de Emprego Inclusivo que a Fundación Érguete promove e para o que a Deputación destina este ano 12.500 €. O programa, que tamén contempla o curso de "Auxiliar de Servizos de Limpeza", está a beneficiar a 24 persoas das zonas de Marín e Nigrán.  

 O "Programa Emprego Inclusivo" está pensado para mellorar a empregabilidade de 24 persoas en risco ou situación de exclusión social, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, desde un enfoque de empoderamento e desenvolvemento de competencias a través de formación e accións de capacitación técnica e prácticas en empresa. A metodoloxía do programa está fundamentada no deseño de itinerarios persoais de formación e inserción, no acompañamento personalizado continuado e na intermediación con empresas e administracións para o acceso ao mercado de traballo normalizado. Amais da formación teórica-práctica, o método de aprendizaxe inclúe un enfoque integral, formación en igualdade e tamén en prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos.  

 No que respecta ao curso de "Auxiliar de almacén", que vén de visitar a deputada Olga García e se estenderá ata o 6 de agosto, son 12 as persoas desempregadas que están a participar na actividade de 200 horas de duración. Ao longo do curso, que desenvolve a súa parte teórica na Aula Cemit de Marín e a práctica no Banco de Alimentos de Pontevedra, as persoas participantes reciben formación para realizar operacións auxiliares de recepción, colocación, mantemento e expedición de cargas no almacén de forma integrada no equipo. Tamén aprenden a preparar pedidos de forma eficaz e eficiente, a manipular cargas con carretillas elevadoras e cuestións relacionadas coa prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos. Amais, o curso complétase con formación para a igualdade, 20 horas de busca activa de emprego e  80 horas de prácticas en empresas.  

 Amais deste curso, a Deputación subvenciona a acción formativa "Auxiliar de Servizos de Limpeza" tamén impulsada pola Fundación Érguete e que se estenderá ata o 31 de agosto no Centro Antena de Nigrán (formación técnica) e no Centro Juan María (práctica). Trátase doutro curso de 200 horas, dirixido a 12 persoas desempregadas que recibirán formación sobre limpeza de superficie e mobiliario, de cristais en edificios e locais, e sobre as técnicas e procedementos de limpeza con utilización de maquinaria. Ao igual que o curso de "Auxiliar de Almacén", a formación inclúe cuestións relacionadas coa igualdade e a prevención de riscos laborais, 20 horas de busca activa de emprego e 80 de prácticas en empresas.  

 A Fundación Érguete-Integración constituíuse na cidade de Vigo o 4 de novembro de 1999, coa finalidade de facilitar a incorporación sociolaboral de persoas en risco ou situación de exclusión social. Dende o seu comezo, Érguete vén desenvolvendo diferentes programas e actividades en base á formación integral de colectivos desfavorecidos, cuxas posibilidades de inclusión sociolaboral son máis complicadas que as doutros colectivos desempregados. A entidade desenvolve unha metodoloxía de traballo fundamentada no deseño e seguimento de itinerarios individualizados de inserción, tratando de proporcionar formación e recursos para o acceso a un posto de traballo e a súa permanencia no mesmo. 

TURISMO

A Deputación de Pontevedra entrega aos concellos os 10 distintivos "Q de Calidade" que consolidan á Rede de Información Turística Rías Baixas como a referencia de Galicia 

Ana Laura Iglesias (deputada de Turismo): "Felicitamos aos alcaldes e alcaldesas pola súa firme aposta pola excelencia e por axudarnos a desenvolver un modelo turístico intelixente e sostible"

A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, presidiu onte o acto de entrega dos diplomas

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 Os 10 diplomas coa "Q de Calidade", que premian o traballo de información turística que se desenvolve dende as oficinas da rede provincial Rías Baixas en Cangas do Morrazo, Poio, Caldas de Reis, A Illa de Arousa, Baiona, Nigrán e A Estrada, xunto coas oficinas propias do Palacete das Mendoza (Pontevedra), aeroporto de Vigo e A Armenteira (Meis) xa están en mans dos seus titulares. A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, presidiu onte o acto de entrega nos xardíns do palacete coa asistencia da alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, e dos alcaldes de Poio, Luciano Sobral, e da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, ademais do tenente de alcalde de Caldas, Manuel González.  

 A provincia de Pontevedra consolídase así, un ano máis, como a referencia na información turística certificada polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) a través da rede da Deputación Provincial, que conta con 30 oficinas repartidas por 27 concellos. Estes 10 diplomas "Q de Calidade", que son tres máis que os do ano pasado, son os únicos que poden atoparse en Galicia. A eles hai que engadir o undécimo, pertencente á oficina de Sanxenxo, que aínda que tamén está na rede Rías Baixas, foi xestionado directamente polo Concello.  

 Ana Laura Iglesias explicou que os diplomas foron outorgados polo ICTE durante a recente feira FITUR, onde a candidatura da Deputación obtivo unha puntuación de 878 puntos sobre un máximo de 1.000, converténdose nunha das máis valoradas de España. A deputada felicitou aos concellos "pola firme aposta pola excelencia e por axudarnos a desenvolver un modelo intelixente e sostible de turismo". Con este avance no número de certificados, engadiu, dáse un novo paso a prol da profesionalización do sector e contribúese a implantar  "oficinas de turismo do século XXI, que dan resposta ás novas demandas das persoas visitantes, que tamén buscan interactuar, asesoramento personalizado e información sobre experiencias e produtos". "Oficinas" - engadiu -, accesibles e que dan respostas en tempo real e de maneira eficaz".  

 A alcaldesa de Cangas falou en representación dos concellos e afirmou que é "un gran pracer formar parte da provincia que lidera os distintivos de calidade". Victoria Portas destacou que estamos a saír dun momento moi complicado trala pandemia "e isto axuda a que sexamos máis efectivas/os e a que teñamos máis forza diante do reto deste verán". Finalmente, animou ao resto de concellos a sumarse a esta aposta pola calidade e contribuír así a espallar, aínda máis, a "Q de Calidade" na provincia líder de Galicia.  

 A rede Info Rías Baixas foi creada en 2019 como fórmula para descentralizar a información e a promoción turística por toda a provincia. Trala recente adhesión de Redondela conta con 27 concellos adheridos e o número volverá medrar nos próximos meses. No seu proceso de mellora continua, Rías Baixas está a piques de desenvolver o proxecto "Tourist Inside" para a dixitalización da rede e o reforzo da interactividade. O proxecto conta con financiamento europeo, no que supón outro recoñecemento á rede.  

 A Deputación dedica 173.739 euros este ano ao financiamento do persoal que realiza as tarefas de información dende as 30 oficinas. Ademais proporciona material de información, asesoramento continuo e ocúpase da imaxe corporativa da rede.

ECONOMÍA

O colectivo de persoas xubiladas da CIG convoca novas  protestas en defensa do sistema público de pensións

· As mobilizacións terán lugar nas sete cidades este xoves 1 de xullo 

Infogauda / Galiza

 O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG continúa coa súa intensa campaña de  mobilizacións en defensa do sistema público de pensións e convoca concentracións nas sete  cidades do país este xoves dçia 1 de xullo para reclamar que a pensión mínima sexa igual ao SMI, a  creación dun servizo público galego de atención ás persoas, o incremento dos orzamentos da  atención á dependencia e un aumento de prazas públicas en residencias e centros de día.  

LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS: 

- Pontevedra: praza da Peregrina, 11:00 horas. 

- Lugo: edificio Multiusos (Ronda da Muralla), 11:00 horas. 

- Ourense: diante do INSS, 11:30 horas. 

- Ferrol: diante do INSS, 11:00 horas. 

- Vigo: praza de Abastos do Calvario, 11:00 horas. 

- Compostela: praza do Toural, 11:00 horas. 

- A Coruña: Subdelegación do Goberno, 11:00 horas. 

 Esta xornada de protestas celebrarase cando o Goberno español, os sindicatos estatais e as  organizacións patronais veñen de pactar unha nova reforma do sistema público de pensións que  consolida as regresivas medidas aprobadas en 2011 e que non garante o reforzo do sistema  público. Até o punto de que agás a recuperación do índice de revalorización ligado ao IPC, o  resto dos recortes mantéñense e incluso se actualizan aspectos para avanzar nun novo retallo das  pensións públicas e afondar na introdución dos fondos de pensións privados. 

 Dende o colectivo de persoas pensionistas da CIG lembran ademais que os últimos datos  confirman que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado, o que sitúa a Galiza  no posto 19 das 20 comunidades, aínda que por provincias Ourense está na última posición. 

 A situación é aínda máis grave para as mulleres, cuxas pensións en 2019 foron un 35% inferiores ás dos homes. Tal é así que a media das pensións das mulleres foi de 677,73 euros mensuais,  fronte os 1042, 91 que cobraron os homes. 

 Neste senso, denuncian que nin se contemplan mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a central sindical tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do  salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1142 euros/mes e, polo tanto, equiparar as pensións máis  baixas a esa contía. 

 Xunto a isto esixen a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas  laborais que tanto o PSOE como o PP impuxeron no seu momento. Entenden que é así como se  pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións, e que só depende de que haxa  vontade política. 

Sistema de atención ás persoas 

 No relativo ao sistema de coidados e de atención ás persoas, a CIG presentou no Parlamento de  Galiza o pasado 27 de maio un total de 15.199 sinaturas para avalar a proposición non de lei de  iniciativa popular pola que se insta ao Goberno galego á creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. 

 A central sindical demanda que se incrementen os orzamentos destinados a dependencia e un  aumento das prazas públicas de centros de día e residencias, ao tempo que denuncia que miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida. 

 Lembra que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade  municipal), algo que para a central sindical é inadmisíbel nun país como Galiza, cada día máis  envellecido e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade. A isto hai que engadir  que só un 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública, e  que “sumando públicas e privadas unicamente hai tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos”

 Por iso aposta por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais  residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todos/as os  galegos/as vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles  impiden poder facelo autonomamente, máis nun país como o noso, coas pensións máis baixas do Estado.

ECONOMÍA

Segundo denuncia a CIG

Pactan unha reforma das pensións regresiva que non garante unhas pensións dignas 

· A CIG rexeita “as formas e o fondo” dun acordo que consolida os recortes aplicados en 2011 que reduciron as contías 


Infogauda / Galiza

 O Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais pactaron onte unha nova reforma das pensións que non garante unhas contías dignas e consolida os recortes aplicados en 2011 polo PSOE, CCOO e UGT e a patronal que supuxeron unha redución xeneralizada das prestacións, segundo vén de pronunciarse a CIG. Dende a central sindical nacionalista rexeitan “tanto as formas como o fondo dun acordo que non reforza o sistema público e mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo e a supresión na práctica da xubilación parcial”. 

 Na súa valoración, desde a CIG afirman: “Trátase da primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que anticipa un novo retallamento de dereitos en base ás esixencias da Unión Europea para acceder aos fondos de reconstrución Next Generation. De feito, aínda que se elimina o denominado factor de sustentabilidade, acordaron que antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo recorte nas pensións das xeracións do baby boom . 

 Dende a central sindical denuncian que a reforma acordada “é insuficiente e mesmo regresiva” porque seguirá en vigor na súa integridade a “brutal reforma” de 2011 que ten levado a unha caída importante nas contías das pensións (de arredor dun 25%), xa que supuxo unha ampliación progresiva da idade de xubilación até os 67 anos e do período de cálculo (que pasou dos 15 aos 25 anos) e suprimiu na práctica a xubilación parcial. 

 Con esta nova modificación non se garante o poder adquisitivo das prestacións, “xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional, e este debe de ser o 60% do salario medio, dacordo coa Carta Social Europea, revalorizable co IPC real”, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. 

 “Penalizar a xubilación anticipada, atrasar máis a xubilación e fomentar a vida laboral constitúe un retroceso inxustificábel e inxusto porque demora a entrada da xente nova ao mundo do traballo, dificultando atopar un emprego”. Ademais, prexudicará a moitos sectores da clase traballadora, que ficarán condenados a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico. 

 Por iso Carril considera que o chamado “diálogo social” amósase unha vez máis como unha vía contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións, ao tempo que se amosa moi crítico coas formas dun acordo que se produciu “á marxe da discusión nos ámbitos institucionais de representación onde estamos os sindicatos máis representativos, segundo os artigos 6 e 7 da Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS), que somos a CIG e máis ELA, ademais de CCOO e UGT”. 

Propostas da CIG 

 “As propostas que ten achegado a CIG para fortalecer as pensións públicas pasan por aumentar os ingresos, xa que é o principal problema que ten o sistema na actualidade. Moitas destas alternativas foron recollidas na ILP das 100 medidas para a creación de emprego en Galiza, así como nas achegas da central sindical en materia laboral e social. 

 A CIG é defensora do sistema público de reparto e reivindica todas aquelas medidas que fortalezan o seu carácter solidario e de xustiza social, rexeitando toda reforma parcial que tenda a desmantelalo ou debilitalo. Os poderes públicos, o Estado, debe garantir a estabilidade e a suficiencia económica do sistema, xa que o dereito a unha pensión digna ten que ser un dereito fundamental para toda a cidadanía, así como un elemento redistributivo e de igualdade social. 

 A creación de emprego estábel, en condicións dignas, con salarios xustos, constitúe o mecanismo prioritario para dotar de recursos suficientes o sistema de pensións, presente e futuro. Cómpre pois, políticas que dean prioridade á creación de emprego de calidade e ao aumento dos niveis salariais, ao contrario xustamente das que se fixeron nos últimos. A Xunta ten que promover un plan estratéxico de apoio aos nosos sectores produtivos, que fomente a creación de emprego na nosa terra e remate coa lacra da emigración que levamos tanto tempo padecendo. 

 As cotizacións sociais debe servir para financiar o nivel contributivo das pensións, incluíndo dentro das mesmas a pensión de orfandade e viuvez, mentres que o nivel non contributivo e asistencial debe financiarse a través do orzamentos do Estado. En calquera caso, o Estado sempre será o responsábel, vía transferencias orzamentarias, de cubrir calquera déficit que se poda producir no sistema, incluídas as pensións contributivas. 

 Para a CIG é fundamental a derrogación das contrarreformas laborais e da negociación colectiva (Lei 35/2010, RDL 20/2012, Lei 3/2012), así como a derrogación das reformas das pensións do 2011 e 2013. Neste sentido, é urxente rematar coas diferentes formas de tarifas planas e bonificacións das cotizacións á Seguridade Social. 

 A derrogación das últimas reformas fiscais, a loita contra a evasión, a fraude e os paraísos fiscais son as bases para un cambio radical das políticas fiscais, camiñando a unha verdadeira progresividade nos impostos, o que lle permitiría ao Estado ter recursos suficientes para manter o sistema público de pensións, así como os demais servizos e sistemas de protección públicos. En todo caso, compre rematar coas desgravacións fiscais para os plans de pensións privados” . 

ARCOS DE VALDEVEZ

“Reencontrar o Recontro” 

3 e 4 de julho no Paço de Giela  



María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 O Município de Arcos de Valdevez assinala a data habitual da Recriação Histórica do Recontro de Valdevez de 1141, a qual tem sempre lugar no primeiro fim-de-semana de julho, com o evento “Reencontrar o Recontro”, apesar das limitações impostas pela COVID-19. 

 Assim, nos dias 3 e 4 de julho no Paço de Giela, local habitual desta Recriação anual, será desenvolvido um programa de atividades ligado à Idade Média e ao Recontro de Valdevez, que envolvem, entre as 10h00 e as 19h00, eventos como “(R)encontrar os reis”, jogos de mesa medievais, treino de armas, oficina de fiação medieval e de escrita, recriação de episódios históricos com esgrima e rábulas, e muita música e dança. Na noite de sábado, pelas 22h00, o Paço de Giela recebe igualmente o concerto de música folk/histórica dos portugueses “Albaluna”. Todo o programa dos dois dias é de entrada gratuita. 

 Para assinalar a data, será igualmente apresentada a escultura em tamanho real do imperador Afonso VII de Leão e Castela, que se junta assim à de seu primo Afonso Henriques aí colocada no ano transato. Serão ainda apresentados dois jogos didáticos de montagem em papel sobre o Paço de Giela e sobre o nosso primeiro rei, D. Afonso Henriques, bem como uma surpresa/oferta especial para todos os visitantes. 

 Desta forma fica assinalada a data da Recriação Histórica do Recontro de Valdevez, única no seu género em Portugal, e a esperança de que já no próximo ano seja possível a sua efetiva concretização, num evento que leva ao Paço de Giela muitos milhares de visitantes e entusiastas da História e da nossa identidade.