A Deputación de Pontevedra colabora un ano máis coa Fundación Érguete cunha achega de 12.500 € para o programa de emprego inclusivo
· A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou hoxe as instalacións de Pontevedra nas que se desenvolve o curso de "Auxiliar de Almacén", enmarcado neste programa
Infogauda / Pontevedra
A deputada de Cohesión Social, Olga García, vén de visitar as instalacións do Banco de Alimentos de Pontevedra nas que se está a desenvolver o curso de "Auxiliar de Almacén", enmarcado no Programa de Emprego Inclusivo que a Fundación Érguete promove e para o que a Deputación destina este ano 12.500 €. O programa, que tamén contempla o curso de "Auxiliar de Servizos de Limpeza", está a beneficiar a 24 persoas das zonas de Marín e Nigrán.
O "Programa Emprego Inclusivo" está pensado para mellorar a empregabilidade de 24 persoas en risco ou situación de exclusión social, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, desde un enfoque de empoderamento e desenvolvemento de competencias a través de formación e accións de capacitación técnica e prácticas en empresa. A metodoloxía do programa está fundamentada no deseño de itinerarios persoais de formación e inserción, no acompañamento personalizado continuado e na intermediación con empresas e administracións para o acceso ao mercado de traballo normalizado. Amais da formación teórica-práctica, o método de aprendizaxe inclúe un enfoque integral, formación en igualdade e tamén en prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos.
No que respecta ao curso de "Auxiliar de almacén", que vén de visitar a deputada Olga García e se estenderá ata o 6 de agosto, son 12 as persoas desempregadas que están a participar na actividade de 200 horas de duración. Ao longo do curso, que desenvolve a súa parte teórica na Aula Cemit de Marín e a práctica no Banco de Alimentos de Pontevedra, as persoas participantes reciben formación para realizar operacións auxiliares de recepción, colocación, mantemento e expedición de cargas no almacén de forma integrada no equipo. Tamén aprenden a preparar pedidos de forma eficaz e eficiente, a manipular cargas con carretillas elevadoras e cuestións relacionadas coa prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos. Amais, o curso complétase con formación para a igualdade, 20 horas de busca activa de emprego e 80 horas de prácticas en empresas.
Amais deste curso, a Deputación subvenciona a acción formativa "Auxiliar de Servizos de Limpeza" tamén impulsada pola Fundación Érguete e que se estenderá ata o 31 de agosto no Centro Antena de Nigrán (formación técnica) e no Centro Juan María (práctica). Trátase doutro curso de 200 horas, dirixido a 12 persoas desempregadas que recibirán formación sobre limpeza de superficie e mobiliario, de cristais en edificios e locais, e sobre as técnicas e procedementos de limpeza con utilización de maquinaria. Ao igual que o curso de "Auxiliar de Almacén", a formación inclúe cuestións relacionadas coa igualdade e a prevención de riscos laborais, 20 horas de busca activa de emprego e 80 de prácticas en empresas.
A Fundación Érguete-Integración constituíuse na cidade de Vigo o 4 de novembro de 1999, coa finalidade de facilitar a incorporación sociolaboral de persoas en risco ou situación de exclusión social. Dende o seu comezo, Érguete vén desenvolvendo diferentes programas e actividades en base á formación integral de colectivos desfavorecidos, cuxas posibilidades de inclusión sociolaboral son máis complicadas que as doutros colectivos desempregados. A entidade desenvolve unha metodoloxía de traballo fundamentada no deseño e seguimento de itinerarios individualizados de inserción, tratando de proporcionar formación e recursos para o acceso a un posto de traballo e a súa permanencia no mesmo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario