29 de xuño de 2021

ECONOMÍA

O colectivo de persoas xubiladas da CIG convoca novas  protestas en defensa do sistema público de pensións

· As mobilizacións terán lugar nas sete cidades este xoves 1 de xullo 

Infogauda / Galiza

 O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG continúa coa súa intensa campaña de  mobilizacións en defensa do sistema público de pensións e convoca concentracións nas sete  cidades do país este xoves dçia 1 de xullo para reclamar que a pensión mínima sexa igual ao SMI, a  creación dun servizo público galego de atención ás persoas, o incremento dos orzamentos da  atención á dependencia e un aumento de prazas públicas en residencias e centros de día.  

LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS: 

- Pontevedra: praza da Peregrina, 11:00 horas. 

- Lugo: edificio Multiusos (Ronda da Muralla), 11:00 horas. 

- Ourense: diante do INSS, 11:30 horas. 

- Ferrol: diante do INSS, 11:00 horas. 

- Vigo: praza de Abastos do Calvario, 11:00 horas. 

- Compostela: praza do Toural, 11:00 horas. 

- A Coruña: Subdelegación do Goberno, 11:00 horas. 

 Esta xornada de protestas celebrarase cando o Goberno español, os sindicatos estatais e as  organizacións patronais veñen de pactar unha nova reforma do sistema público de pensións que  consolida as regresivas medidas aprobadas en 2011 e que non garante o reforzo do sistema  público. Até o punto de que agás a recuperación do índice de revalorización ligado ao IPC, o  resto dos recortes mantéñense e incluso se actualizan aspectos para avanzar nun novo retallo das  pensións públicas e afondar na introdución dos fondos de pensións privados. 

 Dende o colectivo de persoas pensionistas da CIG lembran ademais que os últimos datos  confirman que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado, o que sitúa a Galiza  no posto 19 das 20 comunidades, aínda que por provincias Ourense está na última posición. 

 A situación é aínda máis grave para as mulleres, cuxas pensións en 2019 foron un 35% inferiores ás dos homes. Tal é así que a media das pensións das mulleres foi de 677,73 euros mensuais,  fronte os 1042, 91 que cobraron os homes. 

 Neste senso, denuncian que nin se contemplan mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a central sindical tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do  salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1142 euros/mes e, polo tanto, equiparar as pensións máis  baixas a esa contía. 

 Xunto a isto esixen a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas  laborais que tanto o PSOE como o PP impuxeron no seu momento. Entenden que é así como se  pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións, e que só depende de que haxa  vontade política. 

Sistema de atención ás persoas 

 No relativo ao sistema de coidados e de atención ás persoas, a CIG presentou no Parlamento de  Galiza o pasado 27 de maio un total de 15.199 sinaturas para avalar a proposición non de lei de  iniciativa popular pola que se insta ao Goberno galego á creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. 

 A central sindical demanda que se incrementen os orzamentos destinados a dependencia e un  aumento das prazas públicas de centros de día e residencias, ao tempo que denuncia que miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida. 

 Lembra que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade  municipal), algo que para a central sindical é inadmisíbel nun país como Galiza, cada día máis  envellecido e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade. A isto hai que engadir  que só un 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública, e  que “sumando públicas e privadas unicamente hai tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos”

 Por iso aposta por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais  residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todos/as os  galegos/as vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles  impiden poder facelo autonomamente, máis nun país como o noso, coas pensións máis baixas do Estado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario