29 de xuño de 2021

TURISMO

O presidente da Xunta de Galicia inaugurou esta mañá, en Vigo, o albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves

· Feijóo salienta que Vigo inicia o verán co albergue que precisaba para celebrar un Ano Santo bianual que suporá un pulo para o Camiño Portugués e para a cidade  

· Subliña que este edificio de seis plantas, no que a accesibilidade está garantida, conta con capacidade para acoller ata 93 persoas

· Afirma que a partir do 1 de xullo estarán en funcionamento un total de 71 albergues da rede pública  


O presidente da Xunta de Galicia diante do Albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, inaugurado hoxe no barrio do Berbés, na cidade de Vigo

Fotos: X.G.

· Refírese ao Camiño de Santiago como un compendio de culturas e de valores, pero tamén de vontades de persoas e institucións por colaborar para facer deste Xacobeo 21-22 unha oportunidade de recuperación económica  

· Destaca que a posta en marcha deste albergue pon de manifesto a aposta do Goberno galego pola rehabilitación e polo Casco Vello de Vigo; non en van, ata o de agora, xa se recuperaron máis de 110 vivendas e 34 locais; e están en execución catro obras máis

Infogauda / Vigo

 O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Vigo inicia o verán co albergue que precisaba para celebrar un Ano Santo bianual que suporá un pulo para o Camiño Portugués e para a cidade.

 Durante o acto de inauguración do albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, Feijóo recordou que este edificio de seis plantas, no que a accesibilidade está garantida, conta con capacidade para acoller ata 93 persoas, nun espazo distribuído en 7 habitacións, ademais de dispoñer de cociña, comedor, zona de lecer e aseos.


Juan Manuel López-Chaves - a esq. da imaxe - co Alberto Núñez Feijóo e Marta Fernández-Tapias, no interior do Albergue de Peregrinos promovido pola Xunta de Galicia

 Nesta mesma liña, subliñou que ata finais de ano levaranse a cabo actuacións en 28 albergues públicos, co obxectivo de mellorar as condicións de confort dos usuarios, a accesibilidade e eficiencia enerxética nos edificios, a mellora ambiental e a conservación do patrimonio. Así, no Camiño Portugués executaranse traballos en 4 albergues: no Virxe da Peregrina de Pontevedra, no de Teo, no de Porriño e no de Valga.

 Todo iso co obxectivo de que o vindeiro 1 de xullo estean en funcionamento un total de 71 albergues da rede pública.
 Ao longo da visita, Feijóo referiuse ao Camiño de Santiago como un compendio de culturas e de valores, pero tamén de vontades de persoas e institucións por colaborar para facer deste Xacobeo 21-22 unha oportunidade de recuperación económica. Ao respecto, destacou os actos levados a cabo con distintas comunidades en Liébana e en Logroño; a recente visita a Portugal para abordar co presidente do país e co primeiro ministro a oportunidade que supón o Camiño para ambos territorios; e avanzou que o 12 de xullo reuniranse en Roncesvalles, nun acto presidido polo rei Felipe VI, todas as comunidades polas que pasa o Camiño Francés.

 Así mesmo, aproveitou o acto para agradecer á hostalería de Vigo a súa implicación, entendendo a importancia estratéxica que supón o Camiño Portugués, e a súa colaboración na sinalización da ruta. Resaltou ademais o compromiso da Xunta para ofrecer as máximas garantías para que a Comunidade sexa sinónimo de destino seguro.

 Sobre este punto salientou a seguridade nos albergues, cun sistema de reservas en liña; a posta en marcha da aplicación PassCovid e do Seguro Covid, para dar cobertura aos viaxeiros en caso de que enfermen durante a súa estancia na comunidade; e os apoios específicos para a hostalería para, por exemplo, adaptar as terrazas, os servizos de entrega a domicilio e os locais ás medidas sanitarias.

 Feijóo concluíu subliñando que a posta en marcha deste albergue pon de manifesto a aposta da Xunta pola rehabilitación e polo Casco Vello de Vigo. Non en van, ata o de agora xa se recuperaron máis de 110 vivendas e 34 locais; e están en execución catro obras para obter 14 novas vivendas e dous locais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario