29 de xuño de 2021

O ROSAL

Novo empurrón á actividade deportiva no Rosal tras a reunión do Consello Municipal  

· A creación de instalacións ou a promoción de xogos tradicionais e deportes minoritarios, entre os asuntos tratados no segundo encontro deste órgano consultivo   



O Consello Municipal do Deporte celebrou o seu segundo encontro
Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa coa colaboración activa e estreita coa veciñanza para avanzar nos diferentes ámbitos municipais, tamén no deportivo. O Consello Municipal do Deporte celebrou o seu segundo encontro para seguir achegando propostas e ideas, debatendo e reflexionando sobre o devir deste ámbito no Rosal. Nesta nova reunión a creación de novas instalacións ou a promoción de xogos tradicionais e deportes minoritarios foron algúns dos eixos principais do debate. 

 Durante o encontro abordouse o tema das pistas para correr, sobre o que se propuxo a creación de circuítos permanentes con sinalización en cada punto quilométrico e preparados para todo tipo de persoas. Ademais, as e os integrantes do Consello falaron da posibilidade de deseñar carteis con itinerarios para que as persoas que visitan o Rosal coñezan o terreo e as posibilidades que ofrece e propuxeron recoller ideas sobre que facer coa recta da Cumieira, moi utilizada para adestrar series. 

 A pesar de que a situación sanitaria aínda non permite realizar todo tipo de actividades con normalidade, dentro do Consello propúxose tamén traballar en darlle pulo e promocionar os deportes minoritarios e os xogos tradicionais, así como todo tipo de deportes que hai no Baixo Miño. Para iso, os e as integrantes deste órgano consultivo consideran imprescindible contar con representantes dos barrios e facer un esforzo para que sexan actividades cunha alta afluencia de participantes.  

 Xunto ao concelleiro de Deportes e ao de Participación Veciñal, Germán Fernández Rodríguez e Ramón Fernández Leal, respectivamente, o Consello está integrado por representantes do Acanor Novás Valinox de balonmán; da U.D. Ribera de fútbol; da Sociedade Atlética do Trega; do Club Ciclista O Rosal, e dos clubs de petanca, fútbol gaélico, futgolf ou judo. Tamén conta coa participación de deportistas relacionados co décatlon ou o trial, como o olímpico David Gómez e o piloto Gabriel Marcelli, coa futbolista Sara Álvarez, o activista deportivo Ignacio Rivas, o ciclista Christian Silva, o asesor deportivo Víctor Valderradama, o ex ciclista profesional e animador deportivo Serafín Martínez ou o profesor de Educación Física xa retirado Félix Piñel. 

 O Concello do Rosal puxo en marcha os consellos municipais co obxectivo de crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario