29 de xuño de 2021

TOMIÑO

Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da música actual, abrirá a axenda cultural de verán en Tomiño   

· É preciso reservar praza chamando aos teléfonos do Concello ou enviando un correo electrónico ao Departamento de Cultura   



Infogauda / Tomiño

 Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega actual, traerá o vindeiro sábado 3 de xullo, as 10 cancións do seu disco “Costuras”, á Praza do Seixo, dentro do ciclo O Son da Praza. Con este concerto en directo para todos os públicos, que comezará ás 22.30 horas e será gratuíto (se ben hai que reservar lugar), abrirase a axenda cultural de verán do Concello de Tomiño.  

 A primeira cita cultural do verán chega a Tomiño da man de “Musigal 2021”, o programa da Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia.  

 Grazas á capacidade para a composición, a versatilidade e a sensibilidade á hora de interpretar, Guadi Galego (vocalista, pianista e gaiteira do grupo Berrogüeto durante unha década), publicou con Carlos Abal o seu novo disco, “Costuras”, “unha viaxe desde mundos asociados á infancia até o presente máis duro e á vez esperanzador”.  A cantante actuará acompañada polo seu grupo e tocará os teclados.  

 O resto da programación deste verán inclúe cine familiar ao aire libre e cine para persoas adultas; contacontos, teatro e concertos musicais de distintos xéneros; todos ca Praza do Seixo como escenario. Tamén celebrarase un festival familiar en Goián (con circo, xogos tradicionais, teatro e música) e numerosas actividades deportivas e de formación, das cales se irá informando puntualmente.  

 Reserva de praza para o concerto de Guadi Galego en: cultura@tomino.gal ou no teléfono 986 622 001/03.

Ningún comentario:

Publicar un comentario