29 de xuño de 2021

PESCA

O xoves día 1 de xullo comeza a campaña extractiva da nécora e do lumbrigante en Galicia  

· A captura da nécora prolongarase ata o 5 de xaneiro do próximo ano mentres que a do lumbrigante estará autorizada ata o 31 de marzo de 2022

Nécora galega
Foto: X.G.

· As medidas de xestión para a explotación da nécora están recollidas no plan experimental para a súa xestión xunto ao camarón que publica hoxe o ‘Diario Oficial de Galicia’


Infogauda / Galicia

 A extracción da nécora e do lumbrigante ábrese este xoves día 1 de xullo en toda Galicia e prolongarase ata o día 5 de xaneiro de 2022 no caso da nécora e ata o 31 de marzo do próximo ano no caso do lumbrigante. Trátase dos períodos autorizados de acordo co recollido no Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023.

 En canto á nécora, as medidas de xestión para a súa explotación desenvólvense na resolución pola que se aproba o plan experimental para a xestión desta especie e do camarón coa arte de nasa nécora e camarón. A vixencia deste plan, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), abrangue desde este xoves 1 de xullo ata o 30 de xuño de 2023.

 Na resolución pola que se aproba o plan fíxanse cuestións como o número de nasas permitido segundo o tamaño da embarcación e o número de tripulantes enrolados e a bordo ou o horario de lance de nasa nécora e camarón, que será nocturno salvo algunhas excepcións nas rías de Arousa e Vigo, nas que o calamento tamén poderá ser diúrno. Estes dous horarios -nocturno e diúrno- serán excluíntes entre eles. A resolución establece tamén que as nasas para a captura de nécora e camarón deberán ser levantadas e levadas a porto diariamente unha vez cumprido o horario de traballo.

 De acordo co Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023, a veda da nécora en 2022 prolongarase entre o 6 de xaneiro e o 30 de xuño mentres que no caso do lumbrigante a prohibición da súa captura estenderase do 1 de abril ao 30 de xuño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario