CIG-Saúde da comarca de Vigo denuncia que as comidas dos pacientes do Hospital Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña chegarán da cociña do H. Lucus Augusti a partires do 19 de xullo
A Consellería de Sanidade tivo que recorrer a un hospital público, con persoal público, para solucionar o problema creado pola privatización dun servizo esencial.
A Xerencia da Área Sanitaria de Vigo continúa sen aclarar en que situación queda a garantía das persoas ingresadas nos hospitais desta área a recibir a alimentación que precisan, adecuada ás súas necesidades e en condicións culinarias que permitan a súa inxesta.
O que está a pasar coa cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro non fai mais que reforzar a nosa defensa dunha sanidade 100% pública, tanto no financiamento como na provisión, de tódolos servizos implicados na asistencia sanitaria.
CIG-Saúde da comarca de Vigo esixe unha investigación transparente dos controis de calidade e seguimento da obra construída e que se depuren as responsabilidades polo feito de que se teña que paralizar a cociña dun hospital despois de 6 anos da súa construción.
CIG-Saúde tamén esixe unha
información transparente sobre como e quen vai asumir o sobre custe do peche da cociña e o incremento da actividade da cociña do Hospital Lucus Augusti, que obrigará ao SERGAS a contratar máis persoal. Non podemos consentir que se pague á empresa concesionaria pola reparación duns defectos na construción que eran a súa responsabilidade, nin por uns servizos que non presta.
Vigo, 29 de xuño de 2021
CIG-Saúde da comarca de Vigo
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario