O servizo do Ferry-Boat entre Caminha e A Guarda, e viceversa, reanudarase o día 9 de xullo
· Os gobernos municipais de ambas as dúas poboacións deberan aspirar á un paso permanente e traballar nesa dirección
Infogauda / A Guarda
O equipo de goberno municipal vén de facer público que "despois das conversas mantidas entre o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, o servizo do Ferry-Boat entre ámbalas dúas vilas fronteirizas podería regresar ao seu funcionamento habitual a partir do vindeiro venres día 9 de xullo".
Informarase previamente dos horarios de funcionamento a través da páxina web www.turismoaguarda.es
DÉCADAS DE ATRASO NAS COMUNICACIÓNS TRANSFRONTEIRIZAS
A nova comunicada polo executivo local de A Guarda, ainda sen ser moi concreta, vén en certo modo, a despexar á incognita suscitada desde o pasado día 11 de xaneiro de 2021, data na cal foi suspendido temporalmente - agora constatamos que a temporalidade foi superior a cinco meses e medio - o servizo do ferry-boat entre Caminha e A Guarda, e viceversa.
Con todo, referente á mobilidade entre ambas as dúas poboacións, está perfectamente claro que Caminha e A Guarda deben aspirar a máis se queren aproveitar lexítimamente as sinerxías e súas potencialidades en diferentes sectores (comercial, industrial, turístico,...).
Desde este xornal dixital transfronteirizo consideramos que entre os representantes municipais de Caminha e de A Guarda debera haber unha axenda de traballo coordinado, para facer valer onde corresponde que estas dúas poboacións non poden estar condicionadas polas circunstancias que impediron o normal funcionamento do transbordador ao longo destes últimos cinco meses e medio. Hai que traballar co propósito de lograr un paso permanente, no lugar máis axeitado e con maior viabilidade técnica e económica posible.
É triste, moi triste, comprobar como en pleno século XXI estamos peor comunicados que fai un século. E para maior desgraza, comparativamente falando, na ribeira dereita do río Miño, peor que na marxe veciña, onde contan con ferrocarril e unha mellor conexión por estrada coas súas cidades e aeroportos de referencia. E nós a velas vir.
Isto ten que mudar e as oportunidades hai que buscalas. Non podemos continuar ollando pasivamente como pasan os días e nada facemos para cambiar á situación que todas e todos coñecemos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario