12 de set. de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A BANDA DE MÚSICA DA AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA OFRECERÁ UN NOVO CONCERTO

 Este sábado, 13 de setembro, ás 18:30 horas, na praza de san Amaro. En caso de chuvia, será na Sociedade Os Amigos (Casino de Camposancos)




Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Organizado pola Agrupación Musical de A Guarda, coa colaboración do Concello de A Guarda, este sábado, 13 de setembro, ás 18:30 horas, na praza de san Amaro, a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, ofrecerá un concerto.

 En caso de chuvia o concerto será na Sociedade Os Amigos (Casino de Camposancos).

 Dese xeito, tras as actuacións precedentes, nas prazas de Salcidos e de Buxán, respectivamente; culminarase o ciclo Concertos nas parroquias 2025 coa banda de música da Agrupación Musical de A Guarda. Unha iniciativa que contou coa afluencia de persoas deses barrios e tamén doutros lugares da localidade, que gozaron co programa ofrecido pola referida banda de música.

OPINIÓN

CINCO MANCOMUNIDADES DE MONTES DE PONTEVEDRA RESPONDEN AO PRESIDENTE DA XUNTA SOBRE OS INCENDIOS 


Vista desde O Cortelliño
Foto: Infogauda

 As Mancomunidades de Montes de Baixo Miño, Morrazo, Pontevedra, Val Miñor e Vigo, en representación de máis de 70 comunidades de montes veciñais, consensúan unha postura común tras a intervención do Presidente da Xunta no Parlamento o 9 de setembro de 2025. 

Catro décadas de compromiso co territorio 

 As comunidades de montes asociadas na provincia de Pontevedra levamos máis de 40 anos traballando na ordenación e recuperación do monte, logo da súa devolución ás parroquias tras décadas de abandono. Xestionamos arredor do 25% da superficie dos concellos nos que estamos presentes con Plans de Ordenación Forestal a longo prazo fiscalizados pola Administración. 

 O noso traballo vai moito máis alá da produción madeireira: 

• Recuperación de frondosas autóctonas, fragas e mananciais. 

• Pastoreo, apicultura e aproveitamento sostible de castañas e cogomelos. 

• Creación de parques forestais, sendeiros e infraestruturas verdes. 

• Dinamización cultural, deportiva e educativa.

 Servizos ecosistémicos para toda a sociedade: traídas de auga, absorción de CO₂, biodiversidade, ocio e saúde. 

 Todo isto grazas ao esforzo desinteresado de milleiros de comuneiras e comuneiros, que reinvestimos de media máis do 75% dos ingresos no propio monte, moi por riba do esixido legalmente. 

 O territorio é un valor que debemos coidar e proxectar cara ao futuro. Para iso, a estratexia das comunidades de montes baséase en tres piares: 

1. Defensa estratéxica dos montes, como patrimonio, económico, social, natural e cultural. 

2. Participación activa das comunidades de montes, como motor de desenvolvemento sostible. 

3. Mellora continua na xestión, adaptándonos aos retos sociais, ambientais e económicos. 

 A implicación veciñal non só asegura a conservación destes espazos naturais, senón que tamén fortalece a identidade comunitaria, un monte multifuncional contribúe ao desenvolvemento socioeconómico do medio rural, xerando oportunidades vencelladas ao turismo sostible, á produción forestal responsable e á valorización do patrimonio natural, etc. 

Os Grandes Incendios Forestais: un risco para o territorio 

 Este verán, a vixilancia e as brigadas organizadas desde as comunidades de montes permitiron frear decenas de focos, colaborando ademáis cás brigadas antiincendios en labores de extinción. Pero a ameaza dos Grandes Incendios Forestais (GIF), agravados polo cambio climático, a fragmentación e abandono dos montes privados e a falla de planificación integral, afecta xa a máis de 725.000 persoas entre Pontevedra e Baixo Miño. 

 Non falamos só de incendios forestais: son incendios do territorio, que poñen en risco vidas, propiedades e o futuro socioeconómico do rural facendo necesaria a coordinación de todos os niveis administrativos e todos os axentes implicados, onde as comunidades de montes teñen un papel fundamental. 

Do debate á acción 

 Recoñecemos a importancia de que o Presidente da Xunta nomease expresamente ás comunidades de montes como actores necesarios. Por iso, nun momento clave para o futuro do noso territorio, reafirmamos o noso compromiso cun debate sosegado, construtivo e respectuoso. 

 Mais o problema non se resolve con titulares nin con novas leis, senón executando os compromisos xa aprobados e dotando de medios ás comunidades. Propoñemos: 

1. Revisión orzamentaria: investimentos plurianuais e fórmulas administrativas áxiles que aseguren unha ordenación do territorio resiliente ao lume. 

2. Reformulación dos Plans de Ordenación Forestal: integrando a xestión mancomunada do territorio e o uso multifuncional do monte. 

3. Capacitación actualizada dos recursos humanos implicados. 

4. Sensibilización social sobre a importancia da prevención e corresponsabilidade cidadá. 

 5. Execución inmediata de Plans de Prevención e Defensa contra o lume dos Distritos Forestais, con participación da Xunta, Deputación, Concellos e Comunidades de Montes. 

Un chamamento ao diálogo 

 As comunidades de montes estivemos e seguimos estando dispostas a colaborar, e facémolo cada día. Reiteramos a nosa disposición inmediata a abordar conxuntamente a ordenación do territorio, en cooperación coas administracións e coa sociedade civil. 

 O noso obxectivo é común e inequívoco: previr os incendios e construír montes vivos, capaces de protexerse e de protexernos. 

A GUARDA

Xesús Alonso Montero pronunciará unha  conferencia titulada "Páxinas literarias dos presos republicanos en San Simón"  

O próximo mércores, 17 de setembro, ás 19:00h no Salón de Plenos da Casa dos Alonso

 


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 Como continuación da xornada de homenaxe aos republicanos asasinados polos sublevados contra o lexítimo goberno da II República, que terá lugar o mércores, 17 de setembro, ás 17:30 horas, no cemiterio de Sestás, cunha ofrenda floral, acto organizado pola Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Vigo, e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás; ese mesmo día, ás 19:00h no Salón de Plenos da Casa dos Alonso, en colaboración co Concello de A Guarda e a Deputación de Pontevedra, o catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, e membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura de Galicia, Xesús Alonso Montero, pronunciará unha conferencia titulada "Páxinas literarias dos presos republicanos en San Simón".

 Na súa intervención Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), un dos ensaístas máis importantes de Galicia, falará da illa de San Simón, na Ría de Vigo, que de ser un espazo de amor (s.XIII) pasaría á ser ílla da morte (1936-1940).

 O acto rematará coa actuación do coro “Cantos de Liberdade”.

A GUARDA

Unha gastroneta ofrecerá degustacións de balde de peixe espada, marraxo e quella

Trátase dunha campaña de Interfish, á que pertence a organización guardesa ORPAGU  




 Infogauda / A Guarda

 A campaña das “Rutas dos Peixes Protectores” de Interfish chega á Guarda. Trátase dunha gastroneta que dá a coñecer estes peixes con degustacións de receitas de quella, marraxo e peixe espada.  

 Toda aquela persoa que queira probalo poderá facelo na praza de Avelino Vicente de 19 a 22h, tanto este venres 12, como mañá, sábado 13.  

 Tras comezar o 25 de xullo o seu percorrido por diferentes puntos da costa galega, este venres e sábado a gastroneta estará na Guarda para poder degustar estes produtos de xeito gratuíto. 

Interfish  

 Trátase dunha asociación constituída co obxectivo de representar a toda a cadea de valor do produto pesqueiro (sector extractivo, transformador e comercializador), que nace en 2019. Está formada por Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-07), Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (OPROMAR), Organización da Palangreiros Guardeses (ORPAGU) e Conxemar.   

O ROSAL

O Rosal brilla coas luces do cine na estrea da curtametraxe ‘O Muíño’  

 Veciñanza, elenco e equipo de dirección encheron o auditorio municipal nun evento cargado de emoción e éxito  

 

O auditorio municipal vibrou na estrea de ‘O Muíño’
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 O Rosal converteuse nun escenario de cine vivo. O auditorio municipal vibrou na estrea de ‘O Muíño’, unha curtametraxe de 28 minutos rodada no municipio, que mergullou ao público no rural galego dos anos 70 e contou coa participación activa de máis de setenta veciños e veciñas. Unha estrea cargada de emoción, orgullo e participación, xa que contou coa presenza do director, de parte do elenco e de gran parte dos 70 veciños e veciñas que se converteron en extras por un día para a rodaxe do filme.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “a estrea de ‘O Muíño’ foi moito máis que a proxección dun filme, foi celebrar a nosa cultura, a implicación da veciñanza e a capacidade do Rosal de acoller proxectos que poñen en valor a nosa historia e identidade”. Engadiu que “a participación activa das persoas do municipio converteu a curtametraxe nun proxecto colectivo que une xeracións e deixa unha pegada na memoria de todos”. 

 A historia, dirixida por Alejandro Pacheco e escrita por Luis Domínguez e Juan Cacharrón, xira arredor de María (Arantxa Costas), unha muller que loita por defender as terras herdadas da súa familia fronte á presión dun terratenente. O muíño converteuse nun símbolo de resistencia e de legado xeracional, e o propio municipio transformouse nun personaxe máis da película grazas á autenticidade dos espazos e á implicación da veciñanza. 

 A rodaxe, realizada durante o mes de abril, transformou rúas, prazas e mesmo a igrexa de Santa Mariña nun auténtico plató cinematográfico, coa participación da veciñanza e mesmo a cesión de espazos privados para facer realidade a historia. O resultado foi un filme intimista que abordou temas universais como a memoria, a dignidade, a transmisión do legado e a forza das mulleres que sosteñen o rural. 

 A estrea, acompañada de aplausos, emoción e recoñecemento da veciñanza, consolidou o proxecto como un referente local de cine comunitario, demostrando que O Rosal non só pode acoller historias, senón que tamén as protagoniza. 

OIA

O Real Mosteiro de Oia rende homenaxe ao escritor e investigador Xoán Martínez Tamuxe 

 Familiares, autoridades e amigos recoñecen a traxectoria de máis de medio século dedicada á historia, á arqueoloxía e á defensa do patrimonio cultural do Baixo Miño


De esquerda a dereita: Policarpo Vilar, concelleiro de Cultura e Accesibilidade do Concello de Baiona; Xoán Martínez, director do Real Mosteiro de Oia; Cristina Correa, alcaldesa do Concello de Oia; e Celso Juan Rodríguez, concelleiro de Cultura e Deportes do Concello da Guarda

Fotos: Cedidas


Infogauda / Oia

  O Mosteiro de Oia acolleu este venres, 12 de setembro, un emotivo acto privado de recoñecemento a Xoán Martínez Tamuxe, investigador incansable e referencia obrigada para o estudo da historia, a arqueoloxía e o patrimonio do Baixo Miño. 

 Durante o evento, celebrado na Praza de Armas do Mosteiro, familiares, representantes institucionais e amigos do homenaxeado destacaron a súa traxectoria vital e intelectual. Tamuxe, de 94 anos, leva máis de medio século dedicado á investigación histórica e á divulgación cultural, con achegas fundamentais á posta en valor do patrimonio galego. 

 O acto comezou ás 12:00 h coa acollida dos convidados e unha interpretación musical a cargo da cantautora Su Garrido Pombo. Seguiu unha intervención de benvida de Sarah Barbará, coordinadora do proxecto de recuperación do Real Mosteiro de Oia, quen deu paso á alcaldesa de Oia, Cristina Correa. Pola súa banda, o director do Real Mosteiro de Oia, Xoán Martínez, subliñou o papel de Tamuxe como “voz viva da memoria do Baixo Miño”, antes de entregar o agasallo conmemorativo ao homenaxeado. Tamuxe, recibiu longos aplausos como mostra de gratitude e afecto. 


Un momento do concerto ofrecido por Su Garrido Pombo no Real Mosteiro de Oia

Unha vida adicada á investigación e á cultura 

 Nado no Rosal en 1930, Tamuxe desenvolveu un intenso labor como escritor, investigador e divulgador cultural. Cofundador do Instituto de Estudios Tudenses, foi tamén conservador do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega e colaborador habitual de múltiples xornais e publicacións científicas. Autor de máis de trinta libros e centos de artigos, Tamuxe contribuíu á documentación e protección do patrimonio histórico, arqueolóxico e etnográfico da comarca.

 Con esta homenaxe, o Mosteiro de Oia recoñece publicamente a súa traxectoria e a súa achega decisiva ao coñecemento da historia e da identidade cultural do sur de Galicia. 

Sobre o ciclo de recoñecementos do Mosteiro de Oia 

 Cada ano, o Real Mosteiro de Oia organiza un acto para homenaxear a persoas que, a través do seu labor, contribuíron a preservar ou difundir a súa historia. Nesta séptima edición, a figura de Xoán Martínez Tamuxe únese á lista de nomes ilustres vinculados ao patrimonio e á memoria colectiva da comarca.  


De esquerda a dereita: Maxín Picallo, IV recoñecemento; Xoán Martínez Tamuxe, actual galardoado; e Javier Goberna, II recoñecemento

 Algúns dos recoñecidos en anos anteriores tamén estiveron a acompañar a Tamuxe no día de hoxe. 

OIA

Música de corais en Mougás, co tradicional Concerto de Verán  

 Este sábado, 13 de setembro, ás 19.00 horas, na Casa Cultural de Mougás




Infogauda / Oia

 A Casa Cultural de Mougás acollerá este sábado, 13 de setembro, ás 19.00 horas, o Concerto de Verán, tradicional cita coa música de corais. O evento contará coa participación dun total de tres formacións, sendo a anfitrioa a Coral Polifónica Vagalume de Oia.   

 A tradicional cita musical do estío oiense ofrecerá este ano un vibrante concerto a cargo de tres formacións corais da provincia de Pontevedra. Serán a Coral Polifónica da Cañiza, a Masa Coral do S.C.R de Beade e a Coral Polifónica Vagalume de Oia.   

 O Concerto de Verán está organizado pola Coral Vagalume de Oia e conta coa colaboración do Concello de Oia e da Deputación de Pontevedra (Culturea).      

TOMIÑO

Tomiño moderniza a iluminación da praza do Seixo apostando pola eficiencia enerxética  

  O Concello renovou o alumeado público cun investimento de 49.000€ que permitirá un aforro de enerxía e das redución de emisións dun 75% 

 

Lois Vázquez Calvo, concelleiro do Ciclo da Auga e Eficiencia Enerxética, dando unhas indicacións aos operarios que están efectuando os traballos  de substitución das antigas luminarias por lámpadas LED de alta eficiencia
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 A praza do Seixo ilumínase cunha nova intensidade. O Concello de Tomiño vén de completar o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado público deste espazo, substituíndo as antigas luminarias por lámpadas LED de alta eficiencia, capaces de ofrecer un nivel lumínico óptimo e un aforro enerxético de até o 75%. 

 Unha transformación significativa no espazo urbano coa que o Goberno municipal continúa apostando pola sostibilidade e a eficiencia enerxética, ao tempo que mellora a iluminación e a seguridade da zona. O Concello investiu preto de 49.000 euros nestas melloras, financiadas ao 100% grazas á captación de fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “con este proxecto avanzamos nunha Tomiño máis sostible e moderno. Non só melloramos a eficiencia enerxética e reducimos a contaminación lumínica e as emisións de CO₂, senón que tamén dotamos á praza do Seixo dunha iluminación versátil durante todo o ano”. 

 Entre os beneficios da intervención destacan a redución do consumo enerxético, a diminución de custos de mantemento grazas á maior vida útil das luminarias, e a mellora dos parámetros luminotécnicos, como o nivel medio de luminancia e a uniformidade da luz. Ademais, a nova iluminación permitirá resaltar a fachada do Concello, reforzando o atractivo visual e o carácter simbólico deste espazo público. 

 Con esta actuación, o Goberno municipal continúa a súa folla de ruta cara a un Tomiño máis eficiente, seguro e atractivo, facendo do alumeado público unha ferramenta de sostenibilidade e dinamización urbana.

TUI

A Aula Cemit de Tui acollerá un dos seminarios do Día de Scratch 

 Celebrarase o sábado 20 de setembro, ás 9.30 h, e está dirixido nenos e nenas de 7 a 15 anos e as súas familias 


A Aula CEMIT de Tui acollerá un dos seminarios do Día de Scratch
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A Aula CEMIT de Tui acollerá un dos seminarios do Día de Scratch,  organizados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG. Esta iniciativa busca achegar á rapazada ao mundo da programación dun xeito lúdico e práctico.  

 O obradoiro celebrarase o sábado, 20 de setembro, de 9.30 a 14.00 h e está dirixido a mozos e mozas de 7 a 15 anos, que deberán participar acompañados dunha persoa adulta. O obxectivo é que as persoas asistentes poidan aprender a crear videoxogos coa ferramenta Scratch, ao tempo que se introducen en conceptos básicos de programación, electrónica e intelixencia artificial.  

 O seminario comezará cunha introdución aos videoxogos con Scratch: movemento de obxectos, clonaxe, interacción, variables e creación dun videoxogo básico. Os mozos e mozas participantes, xunto cos seus familiares, aprender o uso de MicroBit con Scratch, para pasar logo á parte máis práctica coa montaxe dun semáforo, alumeado automatizado e ao uso da IA con Scratch.  

 A participación é gratuíta e as persoas interesadas deben inscribirse a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centros/tui 

 As prazas son limitadas.   

 Cos seminarios do Día de Scratch, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o CPETIG pretenden fomentar o interese polas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) entre a mocidade galega, ofrecéndolles unha primeira experiencia de creación tecnolóxica que combina aprendizaxe, creatividade e diversión.  

 O Concello de Tui súmase a esta iniciativa a través da Aula CEMIT, continuando así outras actividades desenvolvidas este verán para a infancia e a mocidade coma o Campamento Dixital con Kid Code, o obradoiro Girl Steam ofertando tamén a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o CPETIG, os dous campamentos dixitais que se celebraron nas últimas semanas coa Fundación Cibervoluntarios.  

Inscrición Seminario Día de Scratch  

VIGO

A Xunta de Galicia conclúe os traballos de investigación nas Mámoas das Xunqueiras, en Vigo 

  Os traballos realízanse ao abeiro dun convenio entre a Xunta e a Universidade de Vigo por valor de 30.000€

  O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude comprobou o estado deste conxunto megalítico na última xornada de escavacións


Este conxunto, localizado no Campus das Lagoas-Marcosende, nunca antes fora obxecto dunha intervención arqueolóxica
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 A Xunta de Galicia conclúe hoxe os traballos de investigación que impulsa, en colaboración coa Universidade de Vigo, nas Mámoas das Xunqueiras. Así o explicou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita na que destacou “a importancia de seguir investigando e descubrindo o noso patrimonio más senlleiro para poñelo en valor e saber máis sobre a nosa cultura”. 

 Así, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola vicerreitora de Extensión Universitaria da institución académica viguesa, Susana Reboreda, lembrou que a intervención nesta necrópole megalítica conta cunha achega de 30.000€ e encádrase no Plan de actuacións arqueolóxicas que cada ano pon en marcha a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “para a conservación, mantemento, estudo e difusión dos xacementos estendidos por toda a Comunidade, e que cada vez abrangue máis enclaves históricos”, apuntou.  

 Neste senso, tal e como explicou o conselleiro, este conxunto, localizado no Campus das Lagoas-Marcosende, nunca antes fora obxecto dunha intervención arqueolóxica, se ben sobre dúas das catro mámoas que o conforman a Universidade de Vigo realizou no ano 2011 unha prospección con xeorradar, que permite analizar o subsolo sen realizar remocións de terras. Así, desta vez, as escavacións centráronse na mámoa 2, cun proxecto que inclúe o estudo dos materiais arqueolóxicos e o seu tratamento, a identificación de rochas e da arte megalítica, e a diagnose de conservación e dos procesos de alteración das estruturas exhumadas. As tarefas completaranse coa elaboración dunha memoria e un rexistro fotográfico, para posteriormente volver cubrir o espazo para a súa protección. 

 Todo isto, puntualizou López Campos, “co obxectivo de afondar no coñecemento deste conxunto e caracterizalo de cara a súa futura posta en valor, máis cando se atopa precisamente nunha contorna vencellada ao saber e á aprendizaxe”, en referencia á pertenza dos terreos ao campus universitario. É por iso que un dos propósitos tamén reside en contribuír a integrar o espazo nesta área estudantil para o seu aproveitamento social e cultural. 

 Nesta liña, aproveitou a visita para gabar o “importante labor que se leva a cabo desde as universidades para este tipo de accións”, en referencia aos equipos vencellados ás institucións académicas que, como é este caso, son os encargados de desenvolver as tarefas en varios xacementos e cos que “o Goberno galego, como non podía ser doutra forma, mantén unha estreita colaboración”. 

 Cómpre lembrar que este proxecto que agora remata, tras as escavacións iniciadas o 25 de agosto, forma parte da vintena de actuacións que se desenvolven na planificación da Xunta deste ano para actuar en xacementos da provincia de Pontevedra, cun investimento total de preto de 500.000€.

REDONDELA

Ana Ortiz destaca a formación de 20 desempregados a través do obradoiro dual ‘Polo mar de Redondela’ que tamén permitiu recuperar o histórico bote ‘Manuel’

 A delegada territorial da Xunta clausurou a última edición do curso financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 423.119 euros


A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este venres o obradoiro dual Polo mar de Redondela
Foto: X.G.

Infogauda / Redondela

 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este venres o obradoiro dual Polo mar de Redondela que formou durante o último ano a 20 persoas desempregadas e que tamén permitiu recuperar o histórico bote Manuel cunha achega de 423.119 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.  

 A representante autonómica, que estivo acompañada pola alcaldesa, Digna Rivas, participou na entrega dos diplomas que acreditan aos participantes no obradoiro. Durante os últimos nove meses, o alumnado levou a cabo por unha banda a formación en materia de xardinería, forestal e agricultura ecolóxica a través de actuacións na contorna dos xacementos arqueolóxicos Monte Penide e na Área Recreativa, no Camiño de Santiago en Coto do Gran-Saxamonde e no río Pexegueiro. Tamén traballaron no axardinamento do parque Skate Chapela, no cultivo e mantemento no viveiro e na horta ecolóxica da Finca Pousadouro e nos xardíns Leira da xunqueira, Xeneral Rubín, as rotondas de Rande e Cedeira e os xardíns Regojo.  

 Por outra banda, recibiron formación innovadora na de carpintería de ribeira, mediante os traballos a realizar na posta en valor do emblemático bote Manuel, embarcación que responde á tipoloxía máis estendida na enseada de San Simón e que data de finais dos anos 30 do século pasado. Igualmente, levaron a cabo a instalación da porta corrediza do Centro Cultural Saxamonde e colocaron as portas da Torre Pousadouro, a tarima da aula polivalente do Multiusos de Chapela e as contraventás da Casa dos Mestres.

PONTEVEDRA

O BNG insta á Deputación a retomar o Plan de Parques Forestais provincial como medida de prevención ante os lumes 

   Mosquera lamentou a mala xestión da Xunta e ofreceu un “gran pacto” para tomar medidas a longo prazo ante “o principal problema ambiental da Galiza”  


César Mosquera - 3º pola esq., na bancada superior- , voceiro do grupo provincial do BNG, ofreceu ao PP un gran pacto polos lumes para tomar medidas preventivas que fagan que estes non sexan tan virulentos e incontrolables
Foto: Rafa Estévez


Infogauda / Pontevedra

 O BNG instou hoxe á Deputación de Pontevedra a retomar o Plan de Parques Forestais provincial impulsado polo anterior goberno como medida de prevención ante os lumes. O voceiro César Mosquera lembrou que se trataba dunha medida para promover a redacción de proxectos e realizar actuacións de mellora e recuperación nos montes da provincia potenciando os seus valores paisaxísticos, ambientais, culturais e patrimoniais, así como a súa multifuncionalidade. 

 Mosquera subliñou que “hai que arranxar moitos problemas ecolóxicos”, pero insistiu en que o desleixo do monte é “o principal problema ambiental de Galicia”. Lamentou que o goberno provincial estea a repartir actualmente subvencións para moitas iniciativas en moitos ámbitos, mais pola contra, eliminou a liña de axudas para parques. “Aquí mesmo na Deputación fíxose un traballo nese sentido e dábase financiamento, pero desapareceu e foi desafortunado”, subliñou.  

 O nacionalista realizou estas declaracións reprobando a actuación da Xunta de Galicia ante os lumes deste verán. Destacou que a situación “estoupou” este ano pero podía ter sido noutro momento, xa que a xestión do goberno galego foi inexistente en canto á planificación durante os últimos 16 anos. “A responsabilidade política está en que non fixeron nada de planificación nin de execución desa planificación en 16 anos”, dixo Mosquera, destacando que polas características do territorio e a vexetación do monte galego é necesaria unha política estable “e non só lembrar a Santa Bárbara cando trona”.  

 Neste sentido, o voceiro do Bloque ofreceu ao PP un gran pacto polos lumes para tomar medidas preventivas que fagan que estes non sexan tan virulentos e incontrolables. Subliñou que hai persoal moi formado para traballar e facerse cargo de afrontar a solución tendo en conta a ciencia, o coñecemento, a innovación e os medios.  

 Dende o punto de vista político, Mosquera afeou que o PP criticase en 2006 a Suárez Canal pola súa xestión da vaga de lumes cando levaba apenas 14 meses no cargo de conselleiro. Subliñou que agora, tras 16 tantos anos do PP no executivo “poden pedírselles máis responsabilidades a vostedes, que teñen unha traxectoria detrás”. O nacionalista destacou que “con falsificar datos de hectáreas queimadas pouco ou nada imos avanzar”.

A CORUÑA

A CIG mobilízase en Abanca contra a represión sindical e pola readmisión de dúas delegadas despedidas 

  Unha das traballadoras forma parte do comité do banco na provincia de Pontevedra e a outra compañeira é do comité de Nueva Pescanova O Porriño 


A CIG mobilizouse este venres diante da oficina principal de Abanca na Coruña en rexeitamento á represión sindical e para reclamar a readmisión de dúas delegadas despedidas
Foto: CIG

Infogauda / A Coruña 

 A CIG mobilizouse este venres diante da oficina principal de Abanca na Coruña en rexeitamento á represión sindical e para reclamar a readmisión de dúas delegadas despedidas: unha delas membro do comité de Abanca en Pontevedra e outra membro do comité de Nueva Pescanova O Porriño (empresa da que a entidade financeira é a principal accionista).  

 Na concentración denunciouse que estes despedimentos forman parte da política de persecución e represión que Abanca esta a exercer contra a representación da CIG, tanto entre o seu persoal directo como naquelas empresas das que é accionista, “nun intento de acalar e amedrentar a nosa acción sindical”. 

Un despedimento en Abanca sen motivos concretos 

 O secretario da sección sindical en Abanca, Clodomiro Montero, explicou que no último ano a CIG convocou unha folga nesta entidade para exixir melloras salariais, presentou catro conflitos colectivos na Audiencia Nacional (un deles de tutela por vulneración da liberdade de sindical) e  non asinou acordos en materia de xornada que empeoran as condicións laborais.  

 “A resposta de Abanca por defender os dereitos dos traballadores e das traballadoras é despedir a compañeira Montse despois dun proceso totalmente inquisitorio e rocambolesco, no que a acusan de facer acoso laboral a unha persoa que está nun posto superior, xustamente durante o período de preparación da folga”, apuntou.  

 Critica que a empresa vulnerou o dereito á defensa desta compañeira “que a día de hoxe aínda non sabe cales son os feitos concretos que motivaron o seu despedimento. Para nós é evidente que estamos ante un caso de represión sindical”, valorou 

 Para Montero con esta decisión o que intenta Abanca “é calarnos, amedrentarnos e ademais desprestixiarnos, pero non o van conseguir. Ímonos mobilizar para reclamar a readmisión da compañeira e demostrarlle a Abanca que non cesamos na loitan polos dereitos das traballadoras e traballadores”.  

 O representante da CIG engadiu que o despedimento xa está recorrido en vía xudicial, logo de rematar sen avinza o acto de conciliación no SMAC da pasada semana. De xeito paralelo á demanda xudicial -na que se pide a nulidade-, a central continuará coas mobilizacións e xa está convocada unha nova protesta para o 23 de setembro diante da oficina de Salvaterra de Miño, onde traballa a delegada despedida.  

Despedida tras 37 anos en Pescanova 

 No caso do centro industrial de Nueva Pescanova no Porriño, á delegada da CIG foille comunicado o despedimento o pasado 6 de agosto -tras 37 anos traballando na empresa-, logo dun proceso de baixa médica e en base a un certificado do servizo de prevención que a declara non apta como consecuencia dunhas limitacións que até o de agora non lle impedían desenvolver o seu labor. 

 Este informe foi elaborado pola mutua de Pescanova despois de emitir unha valoración previa a mediados de xullo na que a consideraba apta con limitacións, como viña acontecendo dende hai sete anos. Para a CIG esta segundo informe resulta “totalmente fraudulento”. 

 “Esta actuación non é casual”, destacou Anxo Iglesias, da FGAMT-CIG de Vigo, senón que responde a unha situación de represión sindical enmarcada no proceso de negociación do convenio colectivo do Grupo Pescanova (de ámbito estatal) en detrimento dos convenios de centro de traballo. “Entre o primeiro e o segundo informe pasou que a CIG non asinou ese preacordo acadado cos sindicatos estatais, xa que supón unha perda de dereitos para as traballadoras e traballadores. Por iso entendemos que o despedimento de Merchi está vinculado á nosa posición sindical en defensa das condicións laborais e salariais”, valorou.  

 Iglesias cualificou o despedimento como “totalmente inxustificábel”, avanzando que xa se presentou demanda para pedir a nulidade e que tamén se convocarán novas mobilizacións nas próximas semanas. “Comezamos hoxe aquí diante de Abanca porque é a accionista principal de Pescanova e queremos sinalar a súa responsabilidade e reclamarlle que se implique”, concluíu.

ARCOS DE VALDEVEZ

Matilde Ribeiro conquista o título “Simpatia” na eleição da Embaixadora dos Territórios Vinhateiros de Portugal  


Matilde Ribeiro, representante da União de Freguesias de S. Paio e Giela, conquistou o título "Simpatia" na eleição da Embaixadora dos Territórios Vinhateiros de Portugal

Foto: C.M. A. de V.

María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 A rainha das Vindimas de Arcos de Valdevez, Matilde Ribeiro, representante da União de Freguesias de S. Paio e Giela, conquistou o título "Simpatia" na eleição da Embaixadora dos Territórios Vinhateiros de Portugal, em Vila Viçosa, promovida pela Associação de Municípios Portugueses do Vinho (AMPV). 

 A acompanhar a nossa candidata estiveram elementos da Câmara Municipal de Arcos de Valdevez, da União de Freguesias de S. Paio e Giela, da Associação de Vinhos de Arcos de Valdevez, amigos e familiares. 

 Ao título concorreram 14 jovens em representação dos municípios associados da Associação de Municípios Portugueses do Vinho (AMPV): Alenquer, Arcos de Valdevez, Arruda dos Vinhos, Azambuja, Borba, Cadaval, Cartaxo, Lagoa, Palmela, Ponte da Barca, Rio Maior, Tábua, Torres Vedras e Vila Viçosa. 

 Esta eleição tem como objetivo preservar tradições e valorizar a cultura rural portuguesa, promovendo-a junto das novas gerações.