12 de set. de 2025

OPINIÓN

CINCO MANCOMUNIDADES DE MONTES DE PONTEVEDRA RESPONDEN AO PRESIDENTE DA XUNTA SOBRE OS INCENDIOS 


Vista desde O Cortelliño
Foto: Infogauda

 As Mancomunidades de Montes de Baixo Miño, Morrazo, Pontevedra, Val Miñor e Vigo, en representación de máis de 70 comunidades de montes veciñais, consensúan unha postura común tras a intervención do Presidente da Xunta no Parlamento o 9 de setembro de 2025. 

Catro décadas de compromiso co territorio 

 As comunidades de montes asociadas na provincia de Pontevedra levamos máis de 40 anos traballando na ordenación e recuperación do monte, logo da súa devolución ás parroquias tras décadas de abandono. Xestionamos arredor do 25% da superficie dos concellos nos que estamos presentes con Plans de Ordenación Forestal a longo prazo fiscalizados pola Administración. 

 O noso traballo vai moito máis alá da produción madeireira: 

• Recuperación de frondosas autóctonas, fragas e mananciais. 

• Pastoreo, apicultura e aproveitamento sostible de castañas e cogomelos. 

• Creación de parques forestais, sendeiros e infraestruturas verdes. 

• Dinamización cultural, deportiva e educativa.

 Servizos ecosistémicos para toda a sociedade: traídas de auga, absorción de CO₂, biodiversidade, ocio e saúde. 

 Todo isto grazas ao esforzo desinteresado de milleiros de comuneiras e comuneiros, que reinvestimos de media máis do 75% dos ingresos no propio monte, moi por riba do esixido legalmente. 

 O territorio é un valor que debemos coidar e proxectar cara ao futuro. Para iso, a estratexia das comunidades de montes baséase en tres piares: 

1. Defensa estratéxica dos montes, como patrimonio, económico, social, natural e cultural. 

2. Participación activa das comunidades de montes, como motor de desenvolvemento sostible. 

3. Mellora continua na xestión, adaptándonos aos retos sociais, ambientais e económicos. 

 A implicación veciñal non só asegura a conservación destes espazos naturais, senón que tamén fortalece a identidade comunitaria, un monte multifuncional contribúe ao desenvolvemento socioeconómico do medio rural, xerando oportunidades vencelladas ao turismo sostible, á produción forestal responsable e á valorización do patrimonio natural, etc. 

Os Grandes Incendios Forestais: un risco para o territorio 

 Este verán, a vixilancia e as brigadas organizadas desde as comunidades de montes permitiron frear decenas de focos, colaborando ademáis cás brigadas antiincendios en labores de extinción. Pero a ameaza dos Grandes Incendios Forestais (GIF), agravados polo cambio climático, a fragmentación e abandono dos montes privados e a falla de planificación integral, afecta xa a máis de 725.000 persoas entre Pontevedra e Baixo Miño. 

 Non falamos só de incendios forestais: son incendios do territorio, que poñen en risco vidas, propiedades e o futuro socioeconómico do rural facendo necesaria a coordinación de todos os niveis administrativos e todos os axentes implicados, onde as comunidades de montes teñen un papel fundamental. 

Do debate á acción 

 Recoñecemos a importancia de que o Presidente da Xunta nomease expresamente ás comunidades de montes como actores necesarios. Por iso, nun momento clave para o futuro do noso territorio, reafirmamos o noso compromiso cun debate sosegado, construtivo e respectuoso. 

 Mais o problema non se resolve con titulares nin con novas leis, senón executando os compromisos xa aprobados e dotando de medios ás comunidades. Propoñemos: 

1. Revisión orzamentaria: investimentos plurianuais e fórmulas administrativas áxiles que aseguren unha ordenación do territorio resiliente ao lume. 

2. Reformulación dos Plans de Ordenación Forestal: integrando a xestión mancomunada do territorio e o uso multifuncional do monte. 

3. Capacitación actualizada dos recursos humanos implicados. 

4. Sensibilización social sobre a importancia da prevención e corresponsabilidade cidadá. 

 5. Execución inmediata de Plans de Prevención e Defensa contra o lume dos Distritos Forestais, con participación da Xunta, Deputación, Concellos e Comunidades de Montes. 

Un chamamento ao diálogo 

 As comunidades de montes estivemos e seguimos estando dispostas a colaborar, e facémolo cada día. Reiteramos a nosa disposición inmediata a abordar conxuntamente a ordenación do territorio, en cooperación coas administracións e coa sociedade civil. 

 O noso obxectivo é común e inequívoco: previr os incendios e construír montes vivos, capaces de protexerse e de protexernos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario