26 de set. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés loita e arrebata un punto ao Bera Bera, que segue líder (25-25) 

O Mecalia sumou o seu primeiro empate da tempada este venres na Sangriña, tras pelexar con todo o que tiña ante un Bera Bera ao que puido dominar durante a primeira parte  

Tras o descanso, o encontro desenvolveuse con igualdade máxima e distancias mínimas, e aínda que o Guardés tivo a oportunidade de gañar en varios momentos, destacou por unha forte defensa e un ataque moi ben coordinado 

Lorena Téllez, con cinco acertos, e Cecilia Cacheda, con catro, lideraron o xogo ofensivo con precisión. Tamén a achega de Elena Martínez, con tres de tres goles de penalti, foi fundamental para o empate 


María Palomo nunha acción do encontro deste venres no pavillón A Sangriña
Fotos: M.A.G.
Seareiros da Pena O Inferno coas xogadoras do Mecalia Atlético Guardés celebrando a consecución dun valioso punto 

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés empata, pero sabe a vitoria. As de Ana Seabra conseguiron arrebatar este venres un único punto ao Bera Bera na visita deste á Sangriña, un encontro de altos voltos e de nivel igualadísimo entre ambos os equipos. As locais dominaron a primeira parte con relativa facilidade, ata que as vascas puideron recuperarse pouco antes do descanso e levar o encontro ao empate. A segunda metade desenvolveuse con igualdade absoluta, co Guardés indo en certo xeito a remolque pero mantendo o tipo. Unha gran xestión ofensiva dos minutos finais permitiu que o partido se decidise nas táboas, da man dunha Lorena Téllez e unha Ceci Cacheda que lideraron a banda guardesa durante os 60 minutos. Tamén foi vital Elena Martínez, cun 100% desde a liña de sete metros. 

 O Guardés foi o encargado de inaugurar o marcador, cun canonazo da man de Lorena Téllez pouco despois do primeiro minuto tras o inicio. As locais víanse concentradas, cunha forte defensa que xa obrigara a forzar o lanzamento ao Bera Bera nas primeiras xogadas, e que provocou algunha que outra perda de balón das vascas. Rosane Serrano, como vén sendo habitual, anotou desde a liña de penalti entón o segundo gol anfitrión, deixando o luminoso no 2-0 ao termo do primeiro parcial de 5 minutos. 

 O visitante respondeu pouco despois desde o mesmo lugar da man de Elke Karsten, que aproveitaba a oportunidade de 7 metros xerada por unha acción defensiva que tamén resultou na exclusión de María Palomo. Pero chegou entón Lorena Téllez como un furacán para coroar un xogo de ataque elaborado en dúas ocasións e deixar claro que o Guardés non cedería a vitoria sen pelexar duro. Aínda que o equipo donostiarra comezaba a reaccionar, xa existía unha renda que sentaba as bases para boas sensacións no conxunto de Ana Seabra (5-2, min. 10). 

 As vascas ofrecían unha defensa máis atenta, que xa comezaba a poñer en apretos a un Mecalia que o daba todo ata en formación de ataque 7-6. Con todo, tras unha breve seca de goles, a vantaxe local non decaía. Só empezou a reducirse cun acerto da exguardesa Elena Amores, que encaixou a vaselina na portería de Sabina Mínguez ao bordo do ecuador desta primeira parte (6-4, min. 15). 

 A barreira donostiarra era agora a que obrigaba a apurar pases arriscados á liña de batalla do Guardés. Debía controlar o anfitrión ese tipo de erros, pois aínda que o Bera Bera non despregaba un ritmo moi ameazante, si que é coñecido pola súa capacidade para remontar aos poucos e dar a volta ao partido. Pareceu facelo en distintas ocasións, especialmente cando unha María Palomo desmarcada ata a área rival non puido recibir o balón nun pase in extremis da súa propia portería. Pero a meta miñota non fallou nos compases seguintes, cando máis necesaria era: dúas paradas cruciais de Mínguez e dous canóns de Ceci Cacheda primeiro e María Sancha despois preservaron a traballada distancia (11-8, min. 24).  

 As de Seabra tiñan agora a misión de coroar esta primeira parte con solvencia para chegar ao final do encontro con seguridade. A adestradora pensou exactamente iso mesmo cando, a falta de catro minutos para o asubío do medio tempo, chamou ao tempo morto para planificar os seguintes movementos das súas. Pero non resultou, pois as vascas xa iniciaran a misión recuperación, e pronto apareceron tanto Lyndie Tchaptchet como Ester Ogonovszky para levar o encontro ao empate no último segundo (12-12, min. 30).  

 O último parcial de 1-4 fora como unha xerra de auga xeada para un Guardés que se mostrou moi solvente durante a maioría do partido ata entón. Á volta do descanso, con todo, tería a oportunidade de volver crecer e recuperar o camiño iniciado. A pesar de que o Bera Bera saíu á pista como unha apisoadora, o Mecalia resistía e facía o propio para impedir que se afastasen de maneira moi perigosa. Mesmo apareceu de novo Cacheda para coroar a resposta e facer liderar ás súas de novo (16-15, min. 36).  

 Pero pronto contestou o rival, revelando o igualado do encontro neste momento. Un parcial 3-3 era reflexo do choque entre dous defensas moi reforzadas e dous ataques feros e parellos. Xusto cando as de Imanol Arias volveron poñerse por diante, o corpo técnico guardés pediu parar o crono unha vez máis (16-17, min. 39). 

 Así se desenvolvía a segunda parte do choque, con ambos os equipos crecendo aos poucos para recuperarse de distancias mínimas no marcador. A igualdade era absoluta, con ambos os cadros apertando ao máximo para aproveitar calquera cesión. A exclusión de Lorena Téllez ameazaba con ser o punto de inflexión que daría ás ás visitantes, beneficiadas ademais por decisións arbitrais moi protestadas pola bancada de O Inferno, como un sete metros transformado por Elba Álvarez. Pero non aproveitaron tanto a superioridade como quererían as vascas, pois Ania Ramos equilibrou as cousas desde o extremo e o faro de Elena Martínez acompañouna para devolver o partido ao territorio do empate (19-19, min. 46).  

 A tensión podía cortarse no aire da Sangriña, pois todo apuntaba a que o encontro podería decidirse en segundos e ao bordo do cronómetro. O Guardés ía agora máis ben a remolque, pero aguantando o tipo: lograra bloquear a crecida das donostiarras, que non conseguían desde facía un tempo superar a barreira da distancia mínima. Imanol Arias solicitou parar o contador para poñer a punto ás súas, ás que restaban menos de dez minutos para seguir tratando de levar os dous puntos da Guarda (21-21, min. 51). 

 O pavillón preparábase para un final de infarto. As de Seabra conseguían limitar danos e manter o encontro empatado, ata que a defensa vasca provocou a exclusión de Elke Karsten e un penalti que Elena Martínez conseguiu encaixar baixo os paus de Lucía Prades. O Guardés tiña a oportunidade de sentenciar o partido, pero non o permitiron varios fallos no lanzamento a porta que deron ocasión para que o Bera Bera recuperásese. Minutos despois, a acción repetiuse e a lateral valenciana volveu acertar, sumándose un importantísimo 3/3 desde a liña de sete metros que deixaba o encontro aberto de novo (24-23, min. 57).  

 Aínda quedaba tempo para sufrir un pouco máis. Elke Karsten enganou polos pelos a Amandine Balzinc e recuperaba as táboas, e Laura Hernández facía o propio desde o extremo un par de xogadas despois, deixando ao Guardés menos dun minuto para lograr rascar polo menos un punto (24-25, min. 59). A técnica do equipo miñoto non quería deixar nada ao azar e, por última vez, solicitou parar o tempo para planificar cada acción. Esta vez, o seu plan deu resultado: as súas coordináronse nun ataque perfecto, coroado por unha asistencia de Téllez a un impresionante gol da escurridiza Cacheda, sen dúbida dúas das destacadas do partido. Aínda que o Bera Bera tivo a oportunidade de desfacer a igualdade, mesmo cunha falta fóra de tempo, non caeu esa breva e O Inferno puido celebrar un importantísimo punto que, aínda que deixaba ás donostiarras aínda como líderes, supoñía un golpe de confianza brutal para as súas, ademais dunha maneira de seguir crecendo que sería vital nunha ajustadísima Liga.  

Mecalia Atlético Guardés (12+13): Sabina Mínguez (p.), Blazka Hauptman, Ania Ramos (3), María Palomo (1), Lorena Téllez (5), Cristina Cifuentes (2), Jazmín Mendoza [sete inicial], Cecilia Cacheda (4), Rosane Serrano (1), Elena Martínez (5), Carme Castro, Nerea Gil, Ariana Portillo, María Sancha (4), Anouk Nieuwenweg e Amandine Balzinc (p.). 

Super Amara Bera Bera (12+13): Nicole Wiggins (p.), Elba Álvarez (4), Lyndie Tchaptchet (2), Anne Erauskin, Elke Karsten (5), Ester Somaza, Laura Hernández (4) [sete inicial], Eszter Ogonovszky, Lissane Kruijswijk, Maitane Echeverria (2), Elena Amores (1), Mica Rodrigues, Giuliana Gavilán, Lucía Prades (p.) e Carmen Arroyo (4). 

Marcador cada cinco minutos: 2-0, 5-2, 6-4, 9-7, 11-9, 12-12, 15-15, 16-17, 17-18, 19-20, 23-23, 25-25.  

Árbitros: Tania Rodríguez e Lorena García. Amoestaron con tarxeta amarela á visitante Laura Hernández e excluíron con dous minutos ás locais María Palomo e Lorena Téllez; e ás visitantes Maitane Echeverria e Elke Karsten. 

Incidencias: Partido de cuarta xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón da Sangriña. Antes de comezar, homenaxeouse aos equipos infantil e xuvenil do Mecalia Atlético Guardés pola clasificación conseguida á liga Oro. Tamén se gardou un minuto de silencio en memoria de Pablo Permuy, expresidente do Comité Galego e Nacional de Árbitros falecido nos últimos días. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario