23 de set. de 2025

A GUARDA

A DEVOCIÓN A SANTA TREGA, AVOGADA DA CABEZA E DO CORAZON, NON DECAE

  Este ano non houbo ofrenda oficial

 

A imaxe de santa Trega, foi portada, como é tradicional, por mulleres devotas da mártir de Iconio  
Fotos: Infogauda

O grupo de gaitas do Club de Pensionistas de A Guarda amenizando a romaría, momentos antes da procesión
Momento da bendición dos froitos ofrecidos polas persoas devotas
A imaxe de Santa Trega no derradeiro tramo da procesión antes da súa chegada á capela-santuario
Vista parcial do público que asistiu a poxa dos froitos


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Durante a xornada deste martes, 23 de setembro de 2025, tivo lugar no monte Santa Trega - a icona de A Guarda -, a romaría agardada por todos. A de Santa Trega. 

 Malia que moitas persoas mozas traballan en empresas da área metropolitana de Vigo e tamén alén Miño; a festividade foi celebrada con toda solemnidade, nos cumes do monte que leva o nome desa santa natural de Iconio. 

 Desde fai unhas décadas, cada 23 de setembro é un día especial para a maioría dos guardeses. A razón é porque nesa efeméride, a poboación da Guarda, seguindo a convocatoria da multisecular Irmandade do Clamor, envórcase na celebración de Santa Trega, patroa do antigo Concejo da Foz do Miño, que comprendía as sete parroquias que tiña A Guarda e que tra-la segregación do Rosal e constituirse como novo concello, tres corresponden á Guarda e catro ao Rosal. 

 Desde as primeiras horas da xornada - mesmo antes do abrente, varias persoas de toda a comarca do Baixo Miño, especialmente da Guarda e do Rosal, achegáronse ata a capela-santuario dedicado á discípula de san Paulo, primeira mártir do cristianismo e avogada da cabeza e do corazón, para rezar e efectuar ofrendas florais nos vía crucis e posteriormente asistir ás tres misas rezadas que se celebraron sucesivamente, ás 8:00, 9:00 e 10:00 da mañá, respectivamente.  

 Como é costume, a eucaristía máis concorrida, seguida por numerosos fieis, ata no exterior da ermida, foi a solemne que deu comezo ás 11:30 horas, presidida polo párroco de Santa María de A Guarda, Juan José González, e concelebrada polos sacerdotes Carlos Pablo Moratilla de Vargas - superior do PP. Somascos, e novo vigairo parroquial de A Guarda, en sustitución do P. Vidal -, e Avelino Vaquero, párroco de san Lorenzo de Salcidos.  

 Nesta ocasión non houbo ofrenda oficial. Dese xeito, cada persoa fixo a nivel íntimo súa ofrenda.

 Ademais da presenza do alcalde de A Guarda, Alberto José Álvarez Carrero e membros do goberno municipal; membros da Armada, e outras representacións das sete parroquias do antigo Concello da Foz do Miño: Santa María da Guarda, san Lorenzo de Salcidos, santa Isabel de Camposancos, santa Mariña do Rosal, san Miguel e san Xoán de Tabagón, e san Bartolomeu das Eiras. 

 O termo da misa grande, varias mulleres devotas, algunhas delas ata, cos pés descalzos, sacaron en procesión a venerada imaxe de santa Trega, que acompañada por diversas autoridades e varias decenas de persoas, mesmo nenos e mozos, ataviados con traxes rexionais, provistos das súas respectivas ofrendas en especie; foi portada en andas, ao compás das notas musicais do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade, de A Guarda, dirixido por Eduardo Rodríguez Sobrino.  

 Como xa anunciara o párroco Juan José González Estévez, a procesión tivo un itinerario a inversa dos anos precedentes - agás en 2024 -, de tal xeito que partindo da ermida,  subiuse ao pé do pico de san Francisco, e a continuación baixouse en dirección ao pico do Facho, pasando a continuación por diante do púlpito ao aire libre e retornando novamente á ermida. Así era, antigamente, segundo referíu o párroco de A Guarda. 

 Logo de facer súa entrada no santuario, a imaxe de santa Trega, no interior da ermida, cantáronse as ladaíñas medievais "Deus ouvide a nós. Santa Trega rogai a Deus por nós. Kyrieeleyson. Deus ouvide a nós" e os fieis que así o quixeron, puideron bicar o relicario de santa Trega.  

 A continuación os nenos que portaron as ofrendas foron agasallados pola Irmandade do Clamor, con bolsas de caramelos. 

 Seguidamente iniciouse a concurridísima e sempre sorprendente "poxa dos froitos", que foi seguida por centos de persoas. Peixe "de coiro" curado ao sol, mariscos, froitas, hortalizas - maioritariamente restras de cebolas, pementos,...- espigas "raíñas", tapetes, licores tradicionais galegos, sobremesas caseiras,..., previamente ofrecidos á santa, seguindo a tradición diezmal, para ser pública e rápidamente poxados, nun evento que congregou a moitas persoas diante do púlpito ao aire libre. Nalgúns casos os prezos dos artigos puxados resultaron moi ben valorados. A recadación destínase á Irmandade do Clamor, entidade eclesial que organiza os diversos actos e xubileos, que ao longo do ano celébranse na ermida do monte Santa Trega. 

ROMARÍA TRADICIONAL 

 O carácter tradicional e familiar desta romaría quedou de manifesto un ano máis, cando pouco despois dos actos litúrxicos iniciouse o "xantar", durante o cal cada familia foi dando conta das viandas preparadas na véspera ou na mesma mañá da romaría, gozando da comida ao aire libre e ata convidando os que se sumaron á celebración de xeito imprevisto. A xente situouse onde estimou convinte, á sombra, no parque forestal de Cháns, nos miradoiros ou no Cancelón. 

 Logo de pasar a maior parte do día no cume do monte Santa Trega, os romeiros foron baixando co devalar da tarde para tomar posicións no parque do Cancelón (O Montiño), a disporse para a merecenda-cea e disfroitar de algún baile animado de xeito espontáneo por músicos populares de A Guarda. Ata fai poucos anos, a festa de santa Trega, que coincide coas témporas de setembro (que determinarán a climatoloxía dos próximos meses), era unha celebración na que participaban, case exclusivamente, mulleres do barrio da Marina, pero desde algo máis de tres décadas, foi incrementándose a participación dos homes, facendo que ese día constitúa unha data de encontro de toda a cidadanía do Baixo Miño, coa devoción a Santa Trega como aglutinante. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario