12 de set. de 2025

PONTEVEDRA

O BNG insta á Deputación a retomar o Plan de Parques Forestais provincial como medida de prevención ante os lumes 

   Mosquera lamentou a mala xestión da Xunta e ofreceu un “gran pacto” para tomar medidas a longo prazo ante “o principal problema ambiental da Galiza”  


César Mosquera - 3º pola esq., na bancada superior- , voceiro do grupo provincial do BNG, ofreceu ao PP un gran pacto polos lumes para tomar medidas preventivas que fagan que estes non sexan tan virulentos e incontrolables
Foto: Rafa Estévez


Infogauda / Pontevedra

 O BNG instou hoxe á Deputación de Pontevedra a retomar o Plan de Parques Forestais provincial impulsado polo anterior goberno como medida de prevención ante os lumes. O voceiro César Mosquera lembrou que se trataba dunha medida para promover a redacción de proxectos e realizar actuacións de mellora e recuperación nos montes da provincia potenciando os seus valores paisaxísticos, ambientais, culturais e patrimoniais, así como a súa multifuncionalidade. 

 Mosquera subliñou que “hai que arranxar moitos problemas ecolóxicos”, pero insistiu en que o desleixo do monte é “o principal problema ambiental de Galicia”. Lamentou que o goberno provincial estea a repartir actualmente subvencións para moitas iniciativas en moitos ámbitos, mais pola contra, eliminou a liña de axudas para parques. “Aquí mesmo na Deputación fíxose un traballo nese sentido e dábase financiamento, pero desapareceu e foi desafortunado”, subliñou.  

 O nacionalista realizou estas declaracións reprobando a actuación da Xunta de Galicia ante os lumes deste verán. Destacou que a situación “estoupou” este ano pero podía ter sido noutro momento, xa que a xestión do goberno galego foi inexistente en canto á planificación durante os últimos 16 anos. “A responsabilidade política está en que non fixeron nada de planificación nin de execución desa planificación en 16 anos”, dixo Mosquera, destacando que polas características do territorio e a vexetación do monte galego é necesaria unha política estable “e non só lembrar a Santa Bárbara cando trona”.  

 Neste sentido, o voceiro do Bloque ofreceu ao PP un gran pacto polos lumes para tomar medidas preventivas que fagan que estes non sexan tan virulentos e incontrolables. Subliñou que hai persoal moi formado para traballar e facerse cargo de afrontar a solución tendo en conta a ciencia, o coñecemento, a innovación e os medios.  

 Dende o punto de vista político, Mosquera afeou que o PP criticase en 2006 a Suárez Canal pola súa xestión da vaga de lumes cando levaba apenas 14 meses no cargo de conselleiro. Subliñou que agora, tras 16 tantos anos do PP no executivo “poden pedírselles máis responsabilidades a vostedes, que teñen unha traxectoria detrás”. O nacionalista destacou que “con falsificar datos de hectáreas queimadas pouco ou nada imos avanzar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario