NOVA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓNS ARQUEOLÓXICAS NO CASTRO DE PICO DA BANDEIRA
• Promovidas pola Comunidade de Montes veciñais en Man Común de Salcidos
Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos
“A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, continuando co seu compromiso co patrimonio e coa conservación dos xacementos arqueolóxicos da zona, promove unha nova intervención no interior do Castro do Pico da Bandeira -GA36057038-. Este castro, situado na fronteira entre os concellos de A Guarda e O Rosal, forma parte dunha paisaxe cultural de grande relevancia na comarca, tanto pola súa localización estratéxica como pola súa relación coa cultura castrexa, a presenza de arte rupestre na contorna e as actividades de minería romana na área.
O proxecto de intervención arqueolóxica ten como obxectivo a escavación da zona onde se localizou un muro de cachotería granítica xunto a unha posible área de escavación antiga, que se considera como un posible resto das intervencións realizadas no ano 1920. Este muro foi identificado durante os traballos de limpeza do castro no ano 2021 e interprétase como pertencente a unha vivenda ou estancia do castro. A súa documentación, restauración, xunto coa reescavación da zona, prevé achegar novos datos sobre a organización e o uso do espazo no interior do xacemento.
A nova intervención busca non só mellorar o coñecemento sobre a estructura e cronoloxía do castro, senón tamén identificar posibles vínculos coa etapa romana e avanzar na súa posta en valor como parte do patrimonio cultural da comarca (...)”, segundo consta na Introdución, da memoria do proxecto arqueolóxico a realizar nos vindeiros días.
Esta nova campaña de escavacións - promovida e financiada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos -, será realizada por un equipo de persoal técnico formado por Nerea Vilariño Salgueiro, Helena Taboada Durán, Paula Méndez Santiago e Darío Peña Pascual, da empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración, Sociedade Cooperativa Galega, e contará coa dirección do arqueólogo Benito Vilas Estévez.
O período de intervención no xacemento será de quince días, e o orzamento é de 17.520,80 euros, IVE incluído.
Castro do Pico da Bandeira
O castro do Pico da Bandeira é un enclave de grandes dimensións con enormes murallas, fosos e parapetos, de aproximadamente 6 hectáreas e que controla o val de Salcidos e o esteiro do río Miño dende o Norte, sendo visible ó Sur o famoso Castro de Santa Trega. O castro, ten forma de “globo” e presenta distintas terrazas, situándose na parte superior do mesmo (ó Noroeste) a principal que sería a croa. O Castro atópase maioritariamente no territorio da Parroquia de Salcidos do Concello da Guarda, en terreos da Comunidade de Montes de Salcidos. Unha pequena parte do mesmo sitúase no Concello do Rosal, en terreos da Comunidade de Montes do Rosal.
Realizáronse no pasado intervencións arqueolóxicas por parte da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” durante a década dos anos 20 do século XX, pero a falta de estudos científicos sobre os seus achados e a falta de escavacións máis recentes non permiten fixar unha cronoloxía para o mesmo. Sen embargo, teñen aparecido restos de tégula e algúns outros materiais de época romana, que apuntan a que puido estar habitado, cando menos, no cambio de era.
A Comunidade de Montes de Salcidos foi a promotora dos traballos de adecuación de gran parte do castro (preto de 3,5 hectáreas), que consistiron na roza e corta de árbores do seu interior coa fin de comezar as labores de posta e valor.
Durante estes traballos foi localizado un pequeno muro curvo, que pertencería ós restos dunha vivenda, nun dos lugares nos que probablemente actuou a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”.
No interior do castro, consérvanse restos dun petróglifo caracterizado por diversas liñas e que posúe o que parecen ser os restos de, cando menos, tres chanzos que puideron ser usados polos habitantes do castro para subir ou baixar por esta pedra.
Posteriormente, nas súas inmediacións foi localizado o Petróglifo dos Campos, consistente en diferentes motivos circulares e un reticulado.
Tanto o petróglifo do Pico da Bandeira como o dos Campos localizados en terreos da Comunidade de Montes de Salcidos, correspóndense con petróglifos prehistóricos (2.500 a.C -750 a.C.) de carácter xeométrico, e serían realizados con pedras máis duras co granito (coma o seixo) mediante percusión e abrasión que deixa un característico suco en forma de “U”. Do mesmo estilo é o petróglifo do Monte da Bandeira que consta exclusivamente dun reticulado e que se atopa nos terreos da Comunidade de Montes do Rosal. As mellores horas para poder visualizar estes motivos sería ó amencer e atardecer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario