12 de set. de 2025

TOMIÑO

Tomiño moderniza a iluminación da praza do Seixo apostando pola eficiencia enerxética  

  O Concello renovou o alumeado público cun investimento de 49.000€ que permitirá un aforro de enerxía e das redución de emisións dun 75% 

 

Lois Vázquez Calvo, concelleiro do Ciclo da Auga e Eficiencia Enerxética, dando unhas indicacións aos operarios que están efectuando os traballos  de substitución das antigas luminarias por lámpadas LED de alta eficiencia
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 A praza do Seixo ilumínase cunha nova intensidade. O Concello de Tomiño vén de completar o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado público deste espazo, substituíndo as antigas luminarias por lámpadas LED de alta eficiencia, capaces de ofrecer un nivel lumínico óptimo e un aforro enerxético de até o 75%. 

 Unha transformación significativa no espazo urbano coa que o Goberno municipal continúa apostando pola sostibilidade e a eficiencia enerxética, ao tempo que mellora a iluminación e a seguridade da zona. O Concello investiu preto de 49.000 euros nestas melloras, financiadas ao 100% grazas á captación de fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “con este proxecto avanzamos nunha Tomiño máis sostible e moderno. Non só melloramos a eficiencia enerxética e reducimos a contaminación lumínica e as emisións de CO₂, senón que tamén dotamos á praza do Seixo dunha iluminación versátil durante todo o ano”. 

 Entre os beneficios da intervención destacan a redución do consumo enerxético, a diminución de custos de mantemento grazas á maior vida útil das luminarias, e a mellora dos parámetros luminotécnicos, como o nivel medio de luminancia e a uniformidade da luz. Ademais, a nova iluminación permitirá resaltar a fachada do Concello, reforzando o atractivo visual e o carácter simbólico deste espazo público. 

 Con esta actuación, o Goberno municipal continúa a súa folla de ruta cara a un Tomiño máis eficiente, seguro e atractivo, facendo do alumeado público unha ferramenta de sostenibilidade e dinamización urbana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario