26 de set. de 2025

A GUARDA

O alcalde de A Guarda asina un novo acordo con Portos de Galicia para autorizar a pesca deportiva no ‘Muelle alto’

O porto de A Guarda aumenta os espazos para a pesca deportiva sendo o Concello de A Guarda o encargado de controlar a práctica de lecer nas instalacións portuarias  


O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero e Óscar Alonso Álvarez, no Muelle alto’
Foto. C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, vén de asinar con José Antonio Álvarez Vidal, presidente de Portos de Galicia, un convenio de colaboración para o auxilio e control da pesca deportiva e de lecer nas instalacións do porto de A Guarda, aumentando as zonas de permiso para a pesca deportiva con cana.   

 “Colectivos e practicantes da pesca deportiva viñan manifestando e pedindo habilitar máis espazos dentro do porto da Guarda dos autorizados inicialmente”, afirma o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero. “Así, interesaban que se permitira a práctica da pesca deportiva ou recreativa en zonas do porto, especialmente no chamado ‘Muelle alto’”.  

 En palabras do alcalde, “despois de negociar con Portos de Galicia conseguise este aumento de zonas no porto da Guarda, o que vai facilitar a promoción e lecer da práctica deportiva da pesca con cana, cumprindo cos requisitos e autorizacións establecidos na normativa xeral e particular de Portos de Galicia, podendo os aficionados á pesca deportiva desfrutar da súa afección sen perigo de ser multados e sempre que respecten as actividades portuarias e de pesca ordinarias”.  

 O Concello farase cargo do control e vixilancia das zonas de pesca deportiva no porto de A Guarda, o que permitirá garantir, de maneira máis próxima e a nivel xeral, a convivencia entre o sector profesional e a pesca recreativa.  

 Hai case catro anos que Portos de Galicia publicaba unha resolución para regular a actividade de lecer nos peiraos de titularidade autonómica co fin de garantir a seguridade dos propios afeccionados e evitar a interacción ou conflito coas tarefas profesionais. A normativa levantaba a prohibición estatal de 1972 nun total de 107 portos galegos. O Porto de A Guarda quedara limitado polas súas peculiaridades e os anteriores gobernos do PSOE e BNG non atenderon esta demanda que agora vai ser cumplida, afirma o alcalde guardés.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario