Gardacostas comisa máis de 2.250 cacharros de polbo na zona da Guarda con 194 quilos desta especie na última semana
Infogauda / Galicia
O servizo de Gardacostas de Galicia continúa realizando tarefas de vixilancia contra o furtivismo e o calado de artes prohibidas na costa galega. Como resultado destes traballos, na última semana leváronse a cabo varias intervencións de comisos de gran envergadura na contorna de A Guarda na que o servizo autonómico tivo que mobilizar catro embarcacións: a Mar de Galicia, Punta Roncadoira, Valentín Paz de Andrade e Irmáns García Nodal.
A realización dos operativos concluíu coa incautación de 2.250 cacharros de polbo e 194 quilos deste cefalópodo que foron devoltos con vida ao mar, case a mesma cifra que a incautada ao longo de todo o pasado ano con 2.324 aparellos coñecidos tamén como alcatruces. Nesta liña, destacan que en moitas ocasións no interior hai femias custodiando as ovas polo que se pon en risco o ciclo reprodutivo e conservación deste importante recurso pesqueiro.
Por outra banda, este tipo de aparellos ao ser irregulares non están identificados, o que dificulta o labor dos axentes para identificar aos presuntos infractores. Desde o servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, continúase traballando na detección destas artes de pesca mediante operativos periódicos por todo o litoral galego. Ademais, resaltan que estas prácticas supoñen unha competencia desleal para o sector profesional que captura este especie no marco do correspondente plan de xestión e tamén poñen en risco a conservación desta especie na comunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario