12 de set. de 2025

A CORUÑA

A CIG mobilízase en Abanca contra a represión sindical e pola readmisión de dúas delegadas despedidas 

  Unha das traballadoras forma parte do comité do banco na provincia de Pontevedra e a outra compañeira é do comité de Nueva Pescanova O Porriño 


A CIG mobilizouse este venres diante da oficina principal de Abanca na Coruña en rexeitamento á represión sindical e para reclamar a readmisión de dúas delegadas despedidas
Foto: CIG

Infogauda / A Coruña 

 A CIG mobilizouse este venres diante da oficina principal de Abanca na Coruña en rexeitamento á represión sindical e para reclamar a readmisión de dúas delegadas despedidas: unha delas membro do comité de Abanca en Pontevedra e outra membro do comité de Nueva Pescanova O Porriño (empresa da que a entidade financeira é a principal accionista).  

 Na concentración denunciouse que estes despedimentos forman parte da política de persecución e represión que Abanca esta a exercer contra a representación da CIG, tanto entre o seu persoal directo como naquelas empresas das que é accionista, “nun intento de acalar e amedrentar a nosa acción sindical”. 

Un despedimento en Abanca sen motivos concretos 

 O secretario da sección sindical en Abanca, Clodomiro Montero, explicou que no último ano a CIG convocou unha folga nesta entidade para exixir melloras salariais, presentou catro conflitos colectivos na Audiencia Nacional (un deles de tutela por vulneración da liberdade de sindical) e  non asinou acordos en materia de xornada que empeoran as condicións laborais.  

 “A resposta de Abanca por defender os dereitos dos traballadores e das traballadoras é despedir a compañeira Montse despois dun proceso totalmente inquisitorio e rocambolesco, no que a acusan de facer acoso laboral a unha persoa que está nun posto superior, xustamente durante o período de preparación da folga”, apuntou.  

 Critica que a empresa vulnerou o dereito á defensa desta compañeira “que a día de hoxe aínda non sabe cales son os feitos concretos que motivaron o seu despedimento. Para nós é evidente que estamos ante un caso de represión sindical”, valorou 

 Para Montero con esta decisión o que intenta Abanca “é calarnos, amedrentarnos e ademais desprestixiarnos, pero non o van conseguir. Ímonos mobilizar para reclamar a readmisión da compañeira e demostrarlle a Abanca que non cesamos na loitan polos dereitos das traballadoras e traballadores”.  

 O representante da CIG engadiu que o despedimento xa está recorrido en vía xudicial, logo de rematar sen avinza o acto de conciliación no SMAC da pasada semana. De xeito paralelo á demanda xudicial -na que se pide a nulidade-, a central continuará coas mobilizacións e xa está convocada unha nova protesta para o 23 de setembro diante da oficina de Salvaterra de Miño, onde traballa a delegada despedida.  

Despedida tras 37 anos en Pescanova 

 No caso do centro industrial de Nueva Pescanova no Porriño, á delegada da CIG foille comunicado o despedimento o pasado 6 de agosto -tras 37 anos traballando na empresa-, logo dun proceso de baixa médica e en base a un certificado do servizo de prevención que a declara non apta como consecuencia dunhas limitacións que até o de agora non lle impedían desenvolver o seu labor. 

 Este informe foi elaborado pola mutua de Pescanova despois de emitir unha valoración previa a mediados de xullo na que a consideraba apta con limitacións, como viña acontecendo dende hai sete anos. Para a CIG esta segundo informe resulta “totalmente fraudulento”. 

 “Esta actuación non é casual”, destacou Anxo Iglesias, da FGAMT-CIG de Vigo, senón que responde a unha situación de represión sindical enmarcada no proceso de negociación do convenio colectivo do Grupo Pescanova (de ámbito estatal) en detrimento dos convenios de centro de traballo. “Entre o primeiro e o segundo informe pasou que a CIG non asinou ese preacordo acadado cos sindicatos estatais, xa que supón unha perda de dereitos para as traballadoras e traballadores. Por iso entendemos que o despedimento de Merchi está vinculado á nosa posición sindical en defensa das condicións laborais e salariais”, valorou.  

 Iglesias cualificou o despedimento como “totalmente inxustificábel”, avanzando que xa se presentou demanda para pedir a nulidade e que tamén se convocarán novas mobilizacións nas próximas semanas. “Comezamos hoxe aquí diante de Abanca porque é a accionista principal de Pescanova e queremos sinalar a súa responsabilidade e reclamarlle que se implique”, concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario