12 de set. de 2025

O ROSAL

O Rosal brilla coas luces do cine na estrea da curtametraxe ‘O Muíño’  

 Veciñanza, elenco e equipo de dirección encheron o auditorio municipal nun evento cargado de emoción e éxito  

 

O auditorio municipal vibrou na estrea de ‘O Muíño’
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 O Rosal converteuse nun escenario de cine vivo. O auditorio municipal vibrou na estrea de ‘O Muíño’, unha curtametraxe de 28 minutos rodada no municipio, que mergullou ao público no rural galego dos anos 70 e contou coa participación activa de máis de setenta veciños e veciñas. Unha estrea cargada de emoción, orgullo e participación, xa que contou coa presenza do director, de parte do elenco e de gran parte dos 70 veciños e veciñas que se converteron en extras por un día para a rodaxe do filme.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “a estrea de ‘O Muíño’ foi moito máis que a proxección dun filme, foi celebrar a nosa cultura, a implicación da veciñanza e a capacidade do Rosal de acoller proxectos que poñen en valor a nosa historia e identidade”. Engadiu que “a participación activa das persoas do municipio converteu a curtametraxe nun proxecto colectivo que une xeracións e deixa unha pegada na memoria de todos”. 

 A historia, dirixida por Alejandro Pacheco e escrita por Luis Domínguez e Juan Cacharrón, xira arredor de María (Arantxa Costas), unha muller que loita por defender as terras herdadas da súa familia fronte á presión dun terratenente. O muíño converteuse nun símbolo de resistencia e de legado xeracional, e o propio municipio transformouse nun personaxe máis da película grazas á autenticidade dos espazos e á implicación da veciñanza. 

 A rodaxe, realizada durante o mes de abril, transformou rúas, prazas e mesmo a igrexa de Santa Mariña nun auténtico plató cinematográfico, coa participación da veciñanza e mesmo a cesión de espazos privados para facer realidade a historia. O resultado foi un filme intimista que abordou temas universais como a memoria, a dignidade, a transmisión do legado e a forza das mulleres que sosteñen o rural. 

 A estrea, acompañada de aplausos, emoción e recoñecemento da veciñanza, consolidou o proxecto como un referente local de cine comunitario, demostrando que O Rosal non só pode acoller historias, senón que tamén as protagoniza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario