15 de out. de 2021

TUI

A tudense Teresa Ubeira, primeira homenaxeada do Foro da Muller Galega de Eu Rural   

Máis de medio cento de persoas participaron na UNED de Tui neste punto de encontro que pon o foco sobre as mulleres impulsoras do avance no rural  


Autoridades e emprendedoras participantes no I Foro da Muller Galega celebrado en Tui
Na imaxe, un momentos do I Foro da Muller Galega
Fotos: Eurural


Infogauda / Tui

 Máis de medio cento de persoas uníronse este venres no I Foro da Muller Galega celebrado na sede da UNED de Tui, un lugar de encontro posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural en colaboración co Concello de Tui co gallo do Día Internacional da Muller Rural no que recoñecer o valor das mulleres como peza fundamental para o desenvolvemento do territorio.  

 O primeiro paso dun foro que percorrerá os 13 concellos do territorio e que servirá “para intercambiar impresións, sumar sinerxías, tecer redes... e para que a poboación coñeza o valor que hai detrás das mans que suxeitan o rural”. Así o salientaba Sandra González, presidenta do grupo de desenvolvemento Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, durante a xornada, na que se puideron “ver claros exemplos de mulleres valentes, talentosas, emprendedoras, impulsoras de avance que asumiron o legado de construír un rural máis igualitario”, como apuntou Ana Núñez, concelleira de Igualdade de Tui. 

 En total 19 mulleres emprendedoras deron a coñecer os seus 12 proxectos, iniciativas que demostran “que o rural ofrece moito máis que sector primario. Aos problemas de invisibilización e masculinización súmase a incertidume que ten calquera actividade económica no rural. Pero aínda con este panorama hoxe temos aquí un pequeno pero representativo exemplo do que significa emprender no rural. Porque o rural está cheo de oportunidades de emprego, só hai que detectalas e conectalas coas nosas paixóns”, asegurou Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra. 

 Nesta mostra de emprendemento rural participaron Paula Villa, de Panadería Morales (A Guarda); Olalla Fernández, Cris Grande e Silvia Álvarez, de Ño Espazo Creativo (Baiona); Nuria e Uxía Benlloch e Antía Varhas, de Las flores de Greta (Gondomar); Marta Bargiela, do Centro de Día Adiante Mos; Águeda Ubeira, de Chupipostres (Nigrán); Fé González, de Areladefe Xoiería (Oia); Ana González, María del Carmen Escobar e María del Carmen Iglesias, de A Casa da Arenca das Maruxainas (O Porriño); Selene Domínguez, de Casa do Maior A Lavandeira (Pazos de Borbén); Ana Isabel Iglesias, de Pensión Rúa do Medio (Redondela); Noelia Goce e Eva María Baz, de Eira arquitectura SCP (O Rosal); Inés Solleiro, da Residencia Siempre Cuidándote (Tomiño) e Lissete Anziani, de Kóoch Green Cosmetics (Tui). 

Homenaxe 

 Cada ano, o Foro reservará un espazo para o recoñecemento de mulleres que son e foron pezas fundamentais para o desenvolvemento do territorio. Nesta primeira edición rendeuse homenaxe á tudense María Teresa Ubeira, por toda unha vida loitando por demostrar que existe outra forma de educar e que os nenos e nenas con problemas “son capaces de chegar a unha illa de normalidade a través da integración”. Fundadora xunto a Juan Llauder de O Pelouro, leva dende 1973 “sementando dende unha parroquia tudense un proxecto innovador o que cada neno e cada nena teñen o seu protagonismo”. Moi emocionada, Ubeira recibiu de mans de Sandra Álvarez unha escultura da artista búlgara afincada en Tui, Liliya Pobornikova.  


En presenza de Enrique Cabaleiro, alcalde Tui; María Teresa Ubeira, recollendo de mans da alcaldesa de Tomiño, Sandra González o galardón  que recoñece o labor de O Pelouro

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asegurou sentirse especialmente satisfeito con este galardón que recoñece o labor desta institución, “porque se emprender hoxe en día no rural e sendo muller é difícil, nos anos 70 era case imposible. Hoxe comezamos a pagar unha débeda histórica con Teresa e Juan, que nos fixeron partícipes dun proxecto innovador e pioneiro”. 

 As xornadas contaron tamén con moitos representantes dos 13 municipios do territorio que conforma Eu Rural, como a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; o alcalde de Nigrán, Juan González; o rexedor de A Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Mos, Sara Cebreiro; a edil de Soutomaior, Cristina González; ou as concelleiras de Pazos de Borbén, María Dolores Santoro e Blanca Míguez.

A GUARDA

O Contacontos “A Biblioteca que viaxaba no tempo” chegará á vila 

• O sábado 23 de outubro ás 12:00h na Biblioteca Municipal da Guarda

• Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es  




Infogauda / A Guarda

 A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda vai celebrar o "Día das Bibliotecas" (24 de outubro) co  contacontos para bebés "A Biblioteca que viaxaba no tempo", a cargo de Olga Abad Prieto.   

 A conmemoración terá lugar na propia Biblioteca cun aforo limitado a un bebé e un acompañante adulto. Precisa dunha inscrición previa no correo: centrocultural@aguarda.es   

 "A Biblioteca que viaxaba no tempo" é a historia dunha pequena vila onde hai unha biblioteca e un obradoiro. Un día chega unha empresa construtora que transforma a vila, nunha cidade chea de xente moi triste. A bibliotecaria e a inventora atoparán nos libros máis antigos da biblioteca as instrucións para facer que a biblioteca viaxe no tempo e tope unha paiasa que traerá a alegría a vila.  

 Desde 1997, cada 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca. A proposta xurdiu da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura, en recordo da destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada o 1992 durante o conflito balcánico.  

 A edición deste ano, baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir” céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía, como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos.

A GUARDA

O Concello de A Guarda conta cunha Ordenanza Xeral Reguladora das Subvencións Municipais por concorrencia competitiva  

Entrará en vigor cando sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra


Captura de pantalla da retransmisión da sesión plenaria ordinaria do pasado día 1 de outubro
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Corporación Municipal do Concello de A Guarda aprobou a primeira Ordenanza Xeral Reguladora das Subvencións Municipais por concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, libre concorrencia, igualdade para a realización de actividades e utilidade pública e de interese social, para a promoción e consecución de fins de interese público de competencia local e para axuda e promoción en determinados ámbitos de interese social e cultural ou deportivo, de acordo co que prevé o Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de A Guarda.  

 Esta ordenanza foi consensuada por todos os grupos que conforman o plenario do concello guardés e acadou o apoio de toda a Corporación Municipal na aprobación inicial. Con posterioridade foi presentada unha alegación que supuña unha enmenda á totalidade da ordenanza e que foi rexeitada no Pleno do pasado 1 de outubro. 

 A ordenanza entrará en vigor en canto sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) nun prazo aproximado de 15 días hábiles.  

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba quere “destacar o compromiso do concello en seguir facendo esforzos por acercar a colaboración da institución municipal a aquelas entidades que desenvolven proxectos de interese social, deportivo ou cultural para a cidadanía guardesa. Non se pode entender a nosa localidade sen ter en conta todo o traballo que día a día desenvolven centos de veciños en proxectos comunitarios, que serven para darlle prestixio á nosa vila e posibilitan unha riqueza cultural e deportiva sen parangón. Moitas destas entidades teñen unha importancia estratéxica xa que son referentes nos seus ámbitos. No ámbito social é encomiable a labor desinteresada dos diferentes colectivos da localidade que procuran solucionar situacións de precariedade para moitos/as veciños/as”.

DEPORTES

FÚTBOL

REXIONAL PREFERENTE

O SPORTING GUARDÉS RECIBIRÁ AO MONDARIZ, F. C.

Este domingo día 17 de outubro, ás 5:30 da tardem no Estadio Municipal A Sangriña




Infogauda / A Guarda

 O domingo día 17 de outubro, ás 5:30 da tarde, o Estadio Municipal A Sangriña acollerá un encontro de fútbol entre o Sporting Guardés e o Mondariz, C. F..

 A priori, calquera dos dous equipos pode levarse os puntos en xogo, dada súa traxectoria no que vai de competición. Como queira que é moi probable que o equipo visitante veña arroupado polos seus siareiros, será moi importante para o equipo local poder contar no seu feudo co apoio incondicional dos afeccionados guardesistas.

O ROSAL

O Rosal dedica un mural a Xulia Suárez, Adela Álvarez e Rufina Domínguez, tres rosaleiras referentes na súa época   

‘Mulleres do Rosal’ inaugurarase o vindeiro martes 19 ás 19.00 horas coa presenza da alcaldesa, Ánxela Fernández, e da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva 



  

Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa a tinguirse de cor e mensaxe cunha nova intervención mural en instalacións municipais. O vindeiro martes 19 de outubro, ás 19.00 horas, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurarán ‘Mulleres do Rosal’, unha nova intervención artística realizada polas artistas do proxecto ‘Exposta’ baseada no espírito da iniciativa ‘Revolucionando mentes’ cun deseño innovador e orixinal que fala a favor da igualdade de xénero.  

 O mural está dedicado a Xulia Suárez (1952-2010), Adela Álvarez (1910-2002) e Rufina Domínguez (1893-1978), tres mulleres senlleiras do Rosal e referentes nas súas épocas en diferentes ámbitos, como a cultura ou o benestar. A intervención, que contou co financiamento da Deputación de Pontevedra, poderá visitarse nun dos laterais do pavillón municipal, un espazo escollido pola súa localización idónea ao ser unha zona moi transitada co concello, céntrica, de libre acceso e cun alto impacto visual no conxunto do núcleo urbano.  

 Este mural é unha nova oportunidade para devolverlle o protagonismo a aquelas persoas que o merecen ao tempo que sensibilizamos e facernos reflexionar, revolucionando mentes cara a unha sociedade máis respectuosa e empática. 

 A información é a arma máis poderosa que temos para cambiar a mentalidade da sociedade xeral e para concienciar á veciñanza sobre a importancia da igualdade real e efectiva. Convidamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a acompañarnos na inauguración, a desfrutar deste mural e a reflexionar sobre o reto colectivo que temos coa igualdade”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 ‘Expostas’ é un proxecto formado Lorena Arévalo, Cristina Navia, Susana Maceiras e Vanesa Álvarez, dando vida a unha iniciativa froito da sinerxía entre un grupo de mulleres con experiencia e formación en socioloxía, xénero, deseño, comunicación, arte mural, arte participativo e activismo, dotando a ‘Expostas’ dun sentido máis alá do urbano e máis alá do representado. 

 Esta nova intervención artística forma parte do proxecto Revolucionando Mentes, posto en marcha polo Concello para dar esa “sacudida” ás veces necesaria para que as personas continúen evolucionando e avanzando. 

O ROSAL

 A Escola do Couso, última parada desta edición do programa ‘A Veciñanza Conta’  

Alcaldesa e equipo de Goberno estarán na Escola de Couso o vindeiro luns 18 (20.30 h) para dar conta dos proxectos en marcha e coñecer de primeira man as necesidades de rosaleses e rosalesas    


A alcaldesa do Rosal dirixíndose á veciñanza, nunha das xuntanzas do programa ‘A Veciñanza Conta’ 
Foto: C.O. R.

Infogauda / O Rosal

 O programa ‘A Veciñanza Conta’ chega ao seu final. O vindeiro luns 18 de outubro alcaldesa e equipo de Goberno estarán no Calvario, na Escola do Couso a partir das 20.30 horas, na derradeira reunión desta iniciativa de participación cidadá que busca percorrer os barrios para presentar aos rosaleses e rosalesas os proxectos xa en marcha e coñecer de primeira man as súas necesidades como veciños e veciñas. 

 Con este programa o Concello percorreu unha decena de barrios do Rosal para “escoitar cales son as cuestións e necesidades a priorizar na xestión dos recursos e darlle voz aos rosaleses e rosalesas para que sumen no crecemento paulatino do noso pobo. Porque temos o convencemento de que xuntas e xuntos podemos construír un Rosal mellor”, salienta a rexedora, Ánxela Fernández Callís.  

 Dende o Concello fan un balance moi positivo da rolda de reunións mantidas nesta nova edición do programa, xa que contou co respaldo e participación de boa parte da veciñanza de cada un dos barrios visitados. 

DEPORTES

FÚTBOL

PRESENTACIÓN OFICIAL DA U. D. RIBERA

Este domingo día 17 de outubro, ás 17:15 horas, no Campo Municipal de Fútbol da Mata (O Rosal)



U. D. Ribera / O Rosal

 Este domingo 17 de octubre, ás 17:15 horas, no Campo Municipal de Fútbol A Mata, será a presentación oficial da Unión  Deportiva Ribera, de O Rosal. 

 Os case 170 xogadores do noso club, serán presentados á afección. 

 Tamén contaremos cos integrantes do equipo afeccionado da tempada 1992/93 ao que faremos unha pequena homenaxe.  Pasaremos lista! Así que non volo podedes perder!  

 Ao finalizar a presentación vaise disputar o tradicional trofeo Vila  do Rosal, nesta ocasión contra o Erizana, C. F., ao que damos grazas por aceptar a invitación. 

 E aínda por riba, tamén vos adiantamos que a tarde estará chea de sorteos! Vascho a perder? 

DEPORTES

Os campos de fútbol de Tomiño volven á competición mellorados  

O Concello investiu máis de 500.000 euros para mellorar as instalacións para esta tempada


As xogadoras do Tomiño F.C.F. voltarán a competición este domingo
Foto: C.T.
  

Infogauda / Tomiño

 O fútbol volve a Tomiño esta fin de semana. E como di a canción, volve a casa, pero a unha casa renovada e mellorada. O Concello investiu durante os últimos meses 500.000 euros para mellorar os campos do municipio. No do Alivio substituíuse a herba natural pola artificial por 321.000 euros, e tamén se crearon novas redes de drenaxe, rego, iluminación e adquiriuse novo equipamento deportivo. No campo do Regatiño, de Goián investíronse 205.000 euros para instalar un novo céspede artificial de nova xeración, repoñer bancos ausentes e substituír os deteriorados. 

 O concelleiro de Deportes, Francisco Campo, destaca que todas estas intervencións fan “dos nosos campos de fútbol lugares perfectos para a práctica deportiva e para desfrutar dos partidos”. O edil explica que á hora de realizar estas intervencións no Concello teñen presente tanto “ao xogador como o aficionado”, e desexa “os mellores éxitos” aos equipos de Tomiño que competirán este ano para estar no máis alta das táboas. 

O Tomiño Feminino volve a competición despois dun ano 

 O campo do Alivio acollerá este domingo ás 17.00 horas o partido entre o Tomiño Feminino e o Sárdoma B. Será un encontro especial para o club, xa que non compiten dende marzo de 2020. O seu presidente, Agustín González, está “emocionado” pola volta da liga, este ano, o Tomiño F.C.F. compite na primeira división galega, e asegura que comezan “con moita ilusión”.  

 No equipo están en plena campaña de socios e animan á veciñanza a unirse para apoiar ao Tomiño Feminino na súa volta á competición.  A tarifa de adultos é de 10 euros mentres que a de xuvenís é de 5 e, a cambio, as persoas socias poderán acceder a descontos en establecementos de Tomiño e poderán viaxar gratis no autobús do equipo senior nos partidos fóra da casa. 

OIA

Oia continúa coa súa aposta pola arte mural 

Cun novo traballo de Flix, en Torroña

   

Esta nova mostra de arte urbana en Oia é a segunda obra de Flix en Torroña e a sétima que o artista realiza no municipio
Foto: C.O.
 

Infogauda / Oia

 Oia continúa coa súa aposta polo embelecemento de espazos públicos a través dos coloridos traballos do artista Flix, quen vén de rematar unha nova creación en Torroña (Burgueira). Trátase dun mural con alusións aos traballos do agro e situado no recinto do antigo xogo de birlos.  

 Esta nova mostra de arte urbana en Oia é a segunda obra de Flix en Torroña e a sétima que o artista realiza no municipio. A temática inspírase nalgúns dos traballos tradicionalmente desenvolvidos polas mulleres e homes do rural, con alusións a labores agrícolas (medas, hórreos) e gandeiros (ovellas).  

 Entre 2017 e 2020 a colaboración entre o Concello de Oia, o artista Flix, o colectivo Proxecto Ewa e Pinturas Proa tense materializado na realización dun total de 6 pinturas murais en diferentes puntos da localidade: dúas na baixada ao Mosteiro (nas bases da ponte sobre a que pasa a estrada xeral PO-552), outras dúas no colexio Mestre Manuel García, unha no campo de fútbol municipal e outra no lugar de Torroña.   

 "Agora, en 2021, o repertorio amplíase cun novo traballo, tamén en Torroña. Este conxunto de pinturas conforma toda unha ruta para visitar o concello a través da súa colección de mostras de arte mural", salientan desde o equipo de Goberno municipal.

OIA

Os Socialistas forzan ao Grupo de Goberno de Oia a tratar en pleno a situación de Faro Silleiro 

Terá lugar na Casa do Concello, o luns 18 de outubro ás 8:00  da mañá


Gerardo Rodríguez Refojos, concelleiro portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia

Infogauda / Oia

 Como de xeito reiterado, algúns voceiros de institucións públicas de ámbito heteroxéneo sitúan o Faro de Cabo Silleiro no Concello de Baiona; os Socialistas de Oia teñen promovido diversas accións para que quede constancia que o Faro de Cabo Silleiro atópase dentro dos límites do termo municipal de Oia. Por esa razón, no día de hoxe, veñen de facer público que "despois da negativa reiterada de levar a pleno a situación de Faro Silleiro por parte do Grupo de Goberno Municipal, o Grupo Municipal do PSdG-PSOE de Oia viuse na necesidade de solicitar unha sesión plenaria extraordinaria para que a alcaldesa Cristina Correa aclare en pleno as xestións realizadas polo seu grupo de goberno no relativo ao expediente e á designación da comisión municipal que levará estes asuntos".  

 Neste pleno extraordinario, que terá lugar o luns 18 de outubro ás 8:00h, plantéxase tamén "a petición dos Socialistas de Oia, o compromiso da corporación municipal para a defensa da titularidade de Faro Silleiro por parte do Concello de Oia", afirmou Gerardo Rodríguez Refojos, concelleiro portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no concello oiense.  

 Por último, no pleno do vindeiro luns tratarase sobor "da adopción das medidas necesarias para deixar claro que Faro Silleiro está ubicado en terreos que pertencen ao Concello de Oia, concretamente na parroquia de Mougás, como se pode demostrar polos diversos documentos existentes". 

PATRIMONIO

A Xunta de Galicia e o grupo de arqueoloxía da Universidade de Vigo colaboran en Ons na busca de vestixios das relacións comerciais na época romana  

A Consellería de Medio Ambiente e a institución académica impulsan unha segunda intervención arqueolóxica que dá continuidade aos traballos realizados en abril



Vistas das zonas de excavación, nunha das factorías de salga situadas na praia de Canexol e no castro ou castelo dos Mouros, localizado a poucos metros do primeiro

Fotos: X.G.

Infogauda / Bueu

 A Xunta de Galicia está a colaborar, desde o pasado 4 de outubro, co grupo de estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo nos traballos da segunda intervención arqueolóxica na illa de Ons.

 O obxectivo é avanzar no coñecemento das relacións comerciais en época romana desta illa escavando nunha das súas factorías de salga situadas na praia de Canexol e no castro ou castelo dos Mouros, localizado a poucos metros do primeiro.

 Esta iniciativa realízase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado co Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, xestionado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 A intervención, que se estenderá durante tres semanas, continúa as tarefas de limpeza, rexistro e sondaxes levadas a cabo polo GEAAT do 5 ao 9 abril deste ano no mesmo enclave, traballos realizados entón no marco do proxecto de investigación Galtfish e co apoio tamén do Parque Nacional.

 Sobre a importancia desta segunda intervención, os seus responsables sinalan que “pode ser moi interesante pola información que pode achegarnos sobre as relacións comerciais que estaban funcionando no Atlántico desde a Idade de Ferro e tamén en época romana”. Neste senso, destacan o carácter singular do xacemento, por estar situado nunha pequena illa.

Dúas zonas de traballo

 Os traballos, que levan a cabo un equipo está formado por cinco persoas -sendo Alba Rodríguez a directora de campo e Adolfo Fernández o director do proxecto-, céntranse en dúas zonas principais.

 A primeira delas é no xacemento romano da praia de Canexol. Nesta campaña, os arqueólogos e arqueólogas teñen previsto finalizar a escavación do pío de salga romana da praia de Canexol localizado na intervención de abril, que non se puido rematar entón por falta de tempo.

 Esta estrutura, indican desde o GEAAT, está nun excelente estado de conservación, con case dous metros de alzado de muro conservado. “Nesta sondaxe pretendemos esgotar os niveis arqueolóxicos, ata chegar ao fondo do pío. Recolleranse mostras tanto de morteiro como dos posibles niveis de abandono do pío, para recoller, de ser posible, restos de ictiofauna que nos permitan determinar que especies se salgaban nesta factoría”, sinalan. Os restos recollidos serán analizados tanto por persoal da Universidade de Vigo como doutras universidades que colaboran neste proxecto.

 A segunda zona de traballo é o castro ou castelo dos Mouros, no que na intervención de abril se fixo unha sondaxe na que se localizaron estruturas “que pensabamos que poderían estar relacionadas coa parte máis baixa do castro e que nos levaron agora a abrir unhas catas nel”.

 Esta será a primeira actuación científica neste xacemento e desde o GEAAT indican que “pivotará sobre catro eixos: limpeza da vexetación superficial con control arqueolóxico, prospección con métodos xeofísicos e xeomagnéticos para determinar as zonas con maior potencialidade arqueolóxica, escavación e conservación ao remate”. O obxectivo, sinalan, é determinar a potencia arqueolóxica do xacemento, coñecer a súa configuración interna e datar a súa ocupación, apuntando que “xa sabemos que é unha ocupación de época romana polos píos de salga”.

 Ademais, subliñan os arqueólogos e arqueólogas da UVigo, “tamén nos gustaría recuperar algo de material que nos indique o tipo de relacións comerciais que tiñan: que, cando, como e porque existía; se tivo ocupación anterior, cal era súa propia cultura material, como vivían nel, etc.”.

 Tras a realización da prospección e en colaboración coa empresa SOT, seleccionáronse dúas zonas de escavación no interior do castro ou castelo dos Mouros: unha na posible muralla e outra na plataforma inferior co obxectivo de exhumar algunha vivenda ou estrutura. “Recolleranse tanto mostras como cultura material que permitan dilucidar a configuración e datación do xacemento”, comentan desde o GEAAT. A primeira semana de traballo de campo, indican os seus responsables, xa achegou ou primeiros resultados, atopando os dous primeiros muros e restos de cultura material, entre os que destacan unhas moedas de época romana.

 As persoas interesadas poden seguir diariamente as novidades do proxecto na conta de Instagram @arqueogeaat.

VIGO

A Deputación de Pontevedra organiza un "Paseo imaxinario (ou non) pola obra de Xela Arias" no parque do Castro, de Vigo 

O roteiro pola "Poesía Reunida" da autora terá lugar o domingo 31 de outubro e as inscricións xa están abertas


Xela Arias
Fonte: D.PO.

Infogauda / Vigo

 A figura de Xela Arias segue a formar parte da programación cultural da Deputación de Pontevedra cun paseo imaxinario (ou non) pola obra da autora no Parque do Castro de Vigo a través da súa "Poesía Reunida" (1982-2004). O roteiro terá lugar o último domingo de outubro e comezará ás 11.00 horas da man da escritora vilagarciá Susana S. Arins, quen comentará o percorrido que finalizará cunha actuación musical de Clara Pino. Deste xeito, durante dúas horas conxugaranse literatura, patrimonio e música nunha actividade que xa ten aberta a inscrición participa.cultura@depo.es.  

 O paseo sairá da Fonte do Castro e as persoas que asistan visitarán a escavación que hai nese lugar para logo dirixirse ao miradoiro sobre o porto. O percorrido continuará cara o miradoiro de Vigo con dúas paradas intermedias: unha delas no banco no que Xela Arias deixou o seu primeiro fanzine e a outra nunha zona de árbores na que achega o universo máis persoal da poeta. O roteiro tamén dará a coñecer á Xela Arias máis nova, con inquietudes e curiosidades propias da xuventude, así como á nai que ve como o seu fillo comeza a camiñar. Rematará nos Galeóns de Rande, dende onde se pode ver a praia na que a poeta axudou a limpar os restos de chapapote tras o afundimento do Prestige.  

 Unha vez finalizado o roteiro a cantante Clara Pino musicará xunto a Pablo Vidal tres poemas de Xela Arias para desfrute do público: "Nacín Soa", "Teremos terás" e "Non me conteño".  Este concerto, en formato acústico, terá lugar nos propios Galeóns de Rande e achegará a obra da poeta dende a perspectiva da amizade xurdida entre ela e Clara Pino durante a súa etapa universitaria.