O PP DE TUI ACUSA AO ALCALDE DE EMPREGAR UN DISCURSO VITIMISTA PARA ESCONDER A SÚA INCAPACIDADE DE GOBERNAR EN MINORÍA
O voceiro municipal, Nico Montes, anuncia que os orzamentos van quedar aprobados dentro dun mes, xa que o PP nin vai presentar ningunha moción de censura, pero advirte de que “iso non lle vai server para sacar os temas adiante, xa que está abocado a negocialos para aprobalos no pleno”
“Se sempre se queda só, e máis fronte a grupos tan diferentes como PP e BNG, é que o problema é do alcalde, polo seu desprezo aos demais. Ten a credibilidade baixo mínimos xa que agora está preocupado por este mes de agarda cando leva dous anos sen facer nada”, manifestou
Infogauda / Tui
O voceiro popular, Nico Montes, subliña que o alcalde “quedou só por mérito propio” e que os orzamentos, que quedarán aprobados automaticamente nun mes, non lle servirán para desbloquear o Concello se non cambia a súa actitude.
O Grupo Municipal do PP de Tui lamenta que o alcalde, Enrique Cabaleiro, recorra á escenificación do martirio político para tratar de desviar a atención do verdadeiro problema: a súa absoluta incapacidade para dialogar e chegar a acordos. A perda da confianza do pleno non é unha conspiración, senón o resultado directo dun estilo de goberno baseado na imposición e no illamento.
“O alcalde non perdeu a confianza porque a oposición lle teña manía. Perdeuna porque leva dous anos gobernando como quen intenta tocar un piano co puño pechado: sen finura, sen harmonía e sen capacidade para facer soar acordos”, manifestou o voceiro do PP, Nico Montes.
Desde o PP deixan claro que non van presentar ningunha moción de censura, pero que a aprobación automática dos orzamentos nun mes non significará estabilidade. “O alcalde poderá sacar adiante este documento pero se non cambia de actitude e non comeza a dialogar, seguirá atascado, sen capacidade para aprobar investimentos ou outros temas municipais”, advertiu Montes.
O grupo popular critica tamén a actitude do alcalde tras perder a cuestión de confianza, acusando falsamente á oposición de formar unha pinza PP-BNG. “É unha xustificación absurda e sen credibilidade. Somos partidos ideoloxicamente opostos. O que hai é un rexeitamento unánime á súa forma de gobernar, e iso é o que lle molesta”.
Montes engadiu que “se todos os grupos o deixan só, o problema non está nos demais, está en quen non quere falar con ninguén. O alcalde di unha cousa e fai outra. Cambia o discurso segundo lle convén, como un funambulista que tenta manterse en pé a base de xiros. Pero os feitos non encaixan coas súas palabras, e a cidadanía xa o percibe”.
Sobre o malestar do rexedor co prazo dun mes para a aprobación dos orzamentos, o PP ironiza: “Agora preocúpalle o tempo, cando perdeu dous anos enteiros sen gobernar. Se estivese tan preocupado pola xestión como o está agora pola súa imaxe, outra sería a situación do Concello”.
O voceiro popular concluíu cunha mensaxe clara: “A confianza non se impón, gáñase. E o alcalde non a ten. Nin da maioría da corporación, nin da maioría da veciñanza. Se non está disposto a cambiar de actitude, deberá asumir que o seu ciclo político está chegando á súa fin”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario