15 de out. de 2021

OIA

Oia continúa coa súa aposta pola arte mural 

Cun novo traballo de Flix, en Torroña

   

Esta nova mostra de arte urbana en Oia é a segunda obra de Flix en Torroña e a sétima que o artista realiza no municipio
Foto: C.O.
 

Infogauda / Oia

 Oia continúa coa súa aposta polo embelecemento de espazos públicos a través dos coloridos traballos do artista Flix, quen vén de rematar unha nova creación en Torroña (Burgueira). Trátase dun mural con alusións aos traballos do agro e situado no recinto do antigo xogo de birlos.  

 Esta nova mostra de arte urbana en Oia é a segunda obra de Flix en Torroña e a sétima que o artista realiza no municipio. A temática inspírase nalgúns dos traballos tradicionalmente desenvolvidos polas mulleres e homes do rural, con alusións a labores agrícolas (medas, hórreos) e gandeiros (ovellas).  

 Entre 2017 e 2020 a colaboración entre o Concello de Oia, o artista Flix, o colectivo Proxecto Ewa e Pinturas Proa tense materializado na realización dun total de 6 pinturas murais en diferentes puntos da localidade: dúas na baixada ao Mosteiro (nas bases da ponte sobre a que pasa a estrada xeral PO-552), outras dúas no colexio Mestre Manuel García, unha no campo de fútbol municipal e outra no lugar de Torroña.   

 "Agora, en 2021, o repertorio amplíase cun novo traballo, tamén en Torroña. Este conxunto de pinturas conforma toda unha ruta para visitar o concello a través da súa colección de mostras de arte mural", salientan desde o equipo de Goberno municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario