15 de out. de 2021

A GUARDA

O Contacontos “A Biblioteca que viaxaba no tempo” chegará á vila 

• O sábado 23 de outubro ás 12:00h na Biblioteca Municipal da Guarda

• Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es  




Infogauda / A Guarda

 A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda vai celebrar o "Día das Bibliotecas" (24 de outubro) co  contacontos para bebés "A Biblioteca que viaxaba no tempo", a cargo de Olga Abad Prieto.   

 A conmemoración terá lugar na propia Biblioteca cun aforo limitado a un bebé e un acompañante adulto. Precisa dunha inscrición previa no correo: centrocultural@aguarda.es   

 "A Biblioteca que viaxaba no tempo" é a historia dunha pequena vila onde hai unha biblioteca e un obradoiro. Un día chega unha empresa construtora que transforma a vila, nunha cidade chea de xente moi triste. A bibliotecaria e a inventora atoparán nos libros máis antigos da biblioteca as instrucións para facer que a biblioteca viaxe no tempo e tope unha paiasa que traerá a alegría a vila.  

 Desde 1997, cada 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca. A proposta xurdiu da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura, en recordo da destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada o 1992 durante o conflito balcánico.  

 A edición deste ano, baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir” céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía, como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario