15 de out. de 2021

OIA

Os Socialistas forzan ao Grupo de Goberno de Oia a tratar en pleno a situación de Faro Silleiro 

Terá lugar na Casa do Concello, o luns 18 de outubro ás 8:00  da mañá


Gerardo Rodríguez Refojos, concelleiro portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia

Infogauda / Oia

 Como de xeito reiterado, algúns voceiros de institucións públicas de ámbito heteroxéneo sitúan o Faro de Cabo Silleiro no Concello de Baiona; os Socialistas de Oia teñen promovido diversas accións para que quede constancia que o Faro de Cabo Silleiro atópase dentro dos límites do termo municipal de Oia. Por esa razón, no día de hoxe, veñen de facer público que "despois da negativa reiterada de levar a pleno a situación de Faro Silleiro por parte do Grupo de Goberno Municipal, o Grupo Municipal do PSdG-PSOE de Oia viuse na necesidade de solicitar unha sesión plenaria extraordinaria para que a alcaldesa Cristina Correa aclare en pleno as xestións realizadas polo seu grupo de goberno no relativo ao expediente e á designación da comisión municipal que levará estes asuntos".  

 Neste pleno extraordinario, que terá lugar o luns 18 de outubro ás 8:00h, plantéxase tamén "a petición dos Socialistas de Oia, o compromiso da corporación municipal para a defensa da titularidade de Faro Silleiro por parte do Concello de Oia", afirmou Gerardo Rodríguez Refojos, concelleiro portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no concello oiense.  

 Por último, no pleno do vindeiro luns tratarase sobor "da adopción das medidas necesarias para deixar claro que Faro Silleiro está ubicado en terreos que pertencen ao Concello de Oia, concretamente na parroquia de Mougás, como se pode demostrar polos diversos documentos existentes". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario