7 de xul. de 2025

A GUARDA

A ASOCIACIÓN PIUEIRO CONVIDADA EN PÓVOA DE VARZIM

 A delegación guardesa participou no Cortejo de Usos e Costumes da Póvoa de Varzim


A tradición mariñeira de A Guarda estivo representada no Cortejo de Usos e Costumes da Póvoa de Varzim
Aires Pereira, presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, con Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro de Cultura e Deportes de A Guarda; Alipio Da Costa e Tomás Núñez, membros da Asociación Piueiro

Alipio Da Costa sostendo unha maqueta do volanteiro Piueiro, no momento do intercambio de agasallos entre Aires Pereira e á delegación de A Guarda

Saúdo de Aires Pereira a Celso Rodríguez Fariñas, en presenza de Alipio Da Costa
Fotos: C.M. P. de V.

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Dentro da programación das celebracións na honra de São Pedro 2025, vén de ter lugar na tarde de onte domingo, 6 de xullo, o Cortejo de Usos e Costumes da Póvoa de Varzim

 Por invitación da Câmara Municipal poveira, unha delegación de A Guarda - integrada polo concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, e por Alipio Da Costa e Tomás Núñez, membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro -, participou no devandito desfile, cunha das gameliñas das regatas infantís das festas na honra da Virxe do Carme. Durante o percorrido, que foi prácticamente circular, por varias rúas do casco urbano da cidade poveira - irmandada co concello de A Guarda -, á cidadanía poveira saudou á delegación guardesa, expresando seu contento pola presenza da delegación galega.

 Asemade, a delegación de Piueiro foi cumplimentada por Aires Pereira, presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, quen fixo entrega ao concelleiro de Cultura e Deportes de A Guarda, dun agasallo conmemorativo. Pola súa banda, a Asociación Piueiro correspondeu facéndolle entrega dunha maqueta do volanteiro tradicional Piueiro, emblema da comunidade mariñeira guardesa.

 O Cortejo de Usos e Costumes da Póvoa de Varzim é un evento moi destacado nas conmemoracións de São Pedro, pois nel participan representantes das distintas freguesías poveiras, tanto da orla litoral como do interior, amosando a riqueza etnográfica vencellada ao traballo dos pescadores e súas familias, tendo a camisola poveira como a estrela das prendas de vestir; as devocións da xente do mar e da terra; os días de romaría; á música e o baile tradicionais; os oficios (argaceiras, campesiños; ferreiros, lavandeiras, leiteiras, madeireiros, muiñeiros, pescadeiras, redeiras/os, tecedeiras, xornaleiros/as,...). Tamén estiveron representados os traballos vencellados ao ciclo do liño,  a cultura do millo,..., entre outros. 

 Asemade, houbo espazo para ás persoas distinguidas polo éxito nas antigas colonias portuguesas, e tamén desfilaron as vistosas rusgas poveiras, ademais da tradición dos Bois da Páscoa.

 En definitiva, foi un desfile digno de ver, no que a simpatía das persoas participantes, e o repaso á cultura, folclore e tradicións ancestrais, fixeron as ledicias do respectable público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario