LUÍS BARÁ: “O BAIXO MIÑO É UN EXEMPLO DE DIVERSIFICACIÓN DOS USOS DO CAMPO PARA CHEGAR A MERCADOS NOVOS”
O candidato de BNG-Nós visitou hoxe plantacións de aguacates e maceiras en O Rosal e coñeceu o traballo dos viveiros de Tomiño, que exportan o 80% da súa produción
Apostou por retomar os bancos de terras para permitir ampliar a produción e potenciar a xeración de emprego
Luis Bará - no centro da imaxe - coa alcaldesa de Tomiño, e directivos de Viveiros Rio Tollo, de Goián
Infogauda / Baixo Miño
O cabeza de lista do BNG-Nós para o Congreso pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, puxo onte xoves día 9 de xuño, como exemplo das potencialidades de Galiza o traballo feito no Baixo Miño para xerar riqueza e emprego no país. Bará destacou a clara aposta pola diversificación das plantacións e polas exportacións: “O potencial do Baixo Miño no sector primario, na horta e no viño, está claro. Hai unha clara aposta pola diversificación para chegar a mercados novos por parte de xente innovadora que debe ter apoio dende as administracións,… Por iso é preciso que haxa forzas galegas que aposten polos recursos do país nas institucións, e ese papel teno que cumprir o BNG en Madrid, xa que nos últimos meses se demostrou que os intereses de Galiza non foron defendidos”.
Bará fixo estas declaracións durante unha visita a varios concellos do Baixo Miño, onde se reuniu coa patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla, de A Guarda, Silvia Crespo; visitou as plantacións de aguacates e maceiras do Cultivos Baixo Miño, en O Rosal, e coñeceu o viveiro ‘Río Tollo’ de Goián (Tomiño). O nacionalista estivo acompañado por concelleiros da zona, así como pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
“Temos que defender e desenvolver os nosos recursos. Neste país sabémolo facer ben se nos deixan”, subliñou, para engadir que a día de hoxe o principal problema dos emprendedoresé a falta de terreos para ampliar a súa produción. “Os impulsores de iniciativas botan en falta o proxecto do banco de terras que puxera en marcha o BNG cando estivera na Xunta de Galiza e que o Partido Popular deixou morrer. Nós apostamos por políticas cuxo obxectivo sexa traballar para a expansión do potencial de crecemento dos nosos recursos e permitir así o crecemento da economía e a xeración de riqueza e de emprego”, subliñou o nacionalista.
Bará - no centro da imaxe - atendendo á información que lle está dando un representante de Cultivos Baixo Miño
Bará coñeceu in situ a iniciativa da empresa Cultivos Baixo Miño, que nestes momentos está a desenvolver un proxecto de cultivo de maceiras e de aguacates en diferentes parcelas de O Rosal e de Tomiño, chegando ás oito e dúas hectáreas, respectivamente. A día de hoxe teñen xa un precontrato de comercialización pechado con dúas distribuidoras como son Eurobanan e Estrella Galicia, que precisa de mazás para a fabricación de sidra. “Trátase de claros exemplos de como o campo se diversifica para buscar novas oportunidades que teñen unha grande perspectiva de futuro”, sinalou Bará.
Logo de coñecer esas plantacións, o candidato trasladouse ata os viveiros Río Tollo, situados na parroquia de Goián (en Tomiño). Alí unha das socias explicou que a empresa está formada por catro socios que dan traballo a medio cento de persoas de forma directa e que contan con 20 hectáreas de terreo nas que cultivan planta ornamental que despois se vende en toda Europa. De feito, o 80% da súa produción está destinada á exportación e, en moitas ocasións, as plantas xa están vendidas na temporada anterior a ser cultivadas. O crecemento desta empresa foi exponencial dende hai 15 anos e a día de hoxe é unha potencia na produción de camelia a nivel europeo.
“O das plantas ornamentais é un sector cunhas dinámicas de agrupación de empresas para mellorar a comercialización que pode servir de exemplo para outros ámbitos, e aí é fundamental a colaboración das administracións”, dixo, facendo referencia ao traballo feito dende o Concello de Tomiño para agrupar a pequenos viveiristas que, xuntos, poñen o seu produto a diario nas lonxas dos Países Baixos, algo imposible de non terse agrupado. “Hai que louvar o traballo do equipo de goberno de Tomiño, que apostou por liñas de desenvolvemento económico local e polo apoio a sectores emerxentes mediante a cooperación e o agrupamento de asociacións que permiten ser máis competitivos”, asegurou Bará.
Confraría de pescadores
Luis Bará reuniuse cos membros da Confraría de pescadores de A Guarda para escoitar as reivindicacións dos mariñeiros da man da presidenta Silvia Crespo.
Luis Bará na sede da Confraría de Pescadores Santa Tecla, de A Guarda, con Silvia Crespo, patroa maior e Ángel Luis Baz Vicente e Benito Alonso Da Costa
O nacionalista constatou o declive da pesca na zona, que viviu un grande descenso no número de barcos e de mariscadores. Crespo destacou que os pescadores de A Guarda consideran necesario solucionar os problemas das cotas por día e dos descansos obrigatorios para os mariscadores, que supoñen “unha ruína”, xa que ao ser un porto de mar aberto, a climatoloxía resulta determinante para saír a traballar. “Ás veces os días permitidos para traballar o mal tempo obríganos a quedar en terra, e cando na fin de semana poderiamos recoller percebe, temos que quedar na casa obrigatoriamente. Así é difícil que nos poidamos soster tanto nós como a propia confraría”, destacou. Por outra banda, Crespo tamén sinalou as diferencias de prezo que existen entre as diferentes lonxas polas distancias cos principais compradores.
Luis Bará - no centro da imaxe - escoita ás espricacions que lle da Ángel Luiz Baz Vicente, en presenza de Benito Alonso Da Costa
Pola súa banda, Bará destacou que as administracións deben favorecer sinerxias entre confrarías para favorecer a comercialización dos produtos tendo en conta as peculiaridades de cada zona para incrementar a rendibilidade do traballo dos mariñeiros. Así mesmo, destacou que o BNG demostrou durante 20 anos que “estamos do lado da xente, das súas necesidades, presentando iniciativas parlamentarias para defender ás clases traballadoras do saqueo e o roubo que están a supoñer para Galiza as normativas estatais e europeas no sector da pesca. O BNG debe volver estar en Madrid para dar voz ao país, xa que nestes últimos catro meses Galiza estivo ausente”, asegurou, para engadir “que son moitos os galegos e galegas decepcionados polo espectáculo da política madrileña que non deu resposta ás necesidades de Galiza”.
“As vindeiras eleccións non son unha segunda volta nin unha reválida. Son a segunda oportunidade para que Galiza poida ser protagonista, e só as forzas 100% galegas, as que non son delegacións dos intereses madrileños, demostran que poden defender ao país. Se temos ese apoio no BNG, Galiza ten futuro, porque dous deputados poden influír moito na formación dun Goberno”, finalizou.