10 de xuño de 2016

A GUARDA

3ª EDICIÓN DO CONCURSO “IMAXES CON FONDO”   


 Infogauda / A Guarda

 O concello da Guarda, como socio colaborador do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, quere animar a todos os guardeses a participar na terceira edición do Concurso de fotografía e vídeo “Imaxes con fondo” que este organiza.  

 O obxectivo desta iniciativa é crear conciencia crítica á vez que se contribúe a crear unha cidadanía global que defenda os Dereitos Humanos. Para isto todo o que o desexe poderá presentar fotografías ou vídeos que inviten á reflexión.

 Neste terceiro ano a temática é a Interculturalidade. Así, os traballos fotográficos e audiovisuais presentados deberán poñer en valor aspectos positivos da mestura entre nacionalidades e culturas, denunciar a discriminación, promover o respecto, desmontar estereotipos, amosar accións a favor dos migrantes e refuxiados, etc..

 O concurso está aberto a todos os que queiran presentarse de 14 anos en diante, de calquera nacionalidade e residentes ou con lugar de nacemento en Galicia. Hai dúas seccións, unha de fotografía e outra de vídeo para as dúas categorías de idades. Estas son a categoría xuvenil, dos 14 ós 17 anos e a adulta, de 18 en adiante. 

 Os premios son:  

•Para a categoría xuvenil: 

1º Premio: Cámara de fotografía/vídeo.              
2º Premio: Cesta de produtos de comercio xusto. 
3º Premio: Lote de películas de temática social. 

•Para a categoría de persoas adultas: 

1º Premio. Viaxe a Mozambique para realizar un traballo fotográfico/audiovisual. 
2º Premio: Cesta de produtos de comercio xusto. 
3º Premio: Lote de películas de temática social. 

 As persoas interesadas teñen de prazo ata o 15 de outubro para presentar as obras e demais documentos requiridos nas bases a través do enderezoimaxesconfondo@gmail.com

 Para máis información poden contactar no mesmo correo electrónico ou no teléfono 986 843 436.

Ningún comentario:

Publicar un comentario