O BNG do Rosal leva ao pleno a problemática da estrada de Couselo
Ánxela Fernández Callís, concelleira portavoz do BNG no Concello do Rosal
Infogauda / O Rosal
No pleno do pasado día 28 de maio, o grupo municipal do BNG do Rosal conseguiu que o concello se comprometese a solucionar varios problemas que ven arrastrando a estrada de Couselo desde hai anos. Despois dunha Asemblea Aberta o pasado 23 de abril, os veciños de Couselo presentaron o día 6 de maio, un escrito con 80 sinaturas no que se pedía:
1.- Que se estableza no comezo da Estrada de Couselo (onde se atopa a glorieta) o oportuno sinal de limitación da tonelaxe de transporte de mercadorías.
2.- Que se arranxe a Estrada de Couselo, deteriorada polo paso de camión pesados nos últimos anos e se acondicione coa dotación de medidas de seguridade.
3.- Que se tomen medidas para solucionar os problemas de exceso de velocidade existentes. Ante a falta de resposta ao escrito, a Concelleira do BNG Ánxela Fernández Callís preguntoulle ó alcalde no pleno que ía facer con respecto ás demandas dos veciños e o alcalde comprometeuse a solucionar os problemas nos meses de verán.
Ánxela Fernández non dubidou en afirmar que “os veciños de Couselo levan moitos anos soportando os agravios do paso do transporte de mercadorías pesado, dunha estrada deteriorada, sen acondicionamento e medidas de seguridade axeitadas, tal e como se exemplifica na elevada perigosidade e incertidume existente na pronunciada curva á altura de “Quinta de Couselo”.
Os concelleiros do BNG agradecemos a boa disposición dos veciños de Couselo e estaremos alerta para que o alcalde cumpla coa súa palabra e solucione dunha vez esta situación”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario