14 de abr. de 2022

A GUARDA

No CXXX aniversario do seu nacemento e no LX aniversario do seu pasamento

LEMBRANZA DE CONSTANTINO CANDEIRA PÉREZ: UN EGREXIO ARQUITECTO GUARDÉS

• Desenvolveu súa andaina profesional en Galicia e en Castela   

• Foi membro de Ateneo Científico, Literario e Artístico de Madrid


 Constantino Candeira Pérez
Foto: Arquivo familia Candeira

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 No pasado mes de marzo de 2022 veñen de cumplirse o CXXX aniversario do nacemento e o LX aniversario do pasamento de don Constantino Candeira Pérez, un dos guardeses de entre séculos, máis destacados. Esa circunstancia motiva a este cronista a relembrar, unha vez máis, á figura dese eminente arquitecto.

 Nado a finais do século XIX, Constantino Candeira Pérez é ó mesmo tempo un grande descoñecido na súa propia vila de nacemento, ainda que coidamos que iso pode subsanarse co tempo e coa información que vaise coñecendo e divulgando.


Casa que pertenceu á familia Candeira, en pleno centro da vila de A Guarda
Foto: Infogauda

 Na casa familiar sita na rúa Oriente - na actualidade a ubicación do inmoble está sinalada como rúa Galicia, nº 8, de A Guarda  - que como referiunos súa filla María del Pilar Candeira Fernández de Araoz, era naquela altura - cando naceu seu pai, don Constantino Candeira Pérez - onde desde fai moitos anos está o inmoble coñecido como Hostal Marti Rey (propiedade da familia Martín Goyás), na confluencia da rúa Galicia co transversal Candeira, xa que o fotógrafo guardés José Gardeazábal Rivas, lle dixera que alí estaba a casa da súa avoa -; Constantino Candeira Pérez naceu as 23:30 h. do día 12 de marzo de 1892, fillo lexítimo de Constantino Candeira González (1851- 1933), natural de Celeiros (Ponteareas),  que daquela tiña 40 anos, de estado casado, seu exercicio propietario (sic), e de Consuelo Pérez López, natural de A Guarda, de 26 anos, “dedicada a las ocupaciones propias de su sexo y domiciliada en el de su marido” (sic), segundo figura na acta de nacemento de Constantino Candeira Pérez.  

 Na devandita acta - extendida polo Xulgado de Paz do Distrito de A Guarda -, consta que Constantino Candeira Pérez é neto por liña paterna de don Manuel Antonio Candeira, natural de Ponteareas, e de dona Rosa González, tamén de Ponteareas – daquela xa finados -, e por liña materna de don Manuel Pérez, natural de Ponte Caldelas, e de dona Antonia López, natural de A Guarda, e igoalmente finada naquel entón.

 A inscripción do nacemento de Constantino Candeira Pérez foi efectuada a instancia de seu pai, o día 14 de marzo de 1892, diante do xuiz municipal, don José Carrera Martínez, e de don José Arzúa, secretario, sendo asinada por esas dúas persoas, así como polos testigos don Francisco Antonio González e don Enrique María Sesto, ademáis do comparecente.

 Constantino – como así figura na acta de nacemento do seu fillo, ainda que era coñecido como Constante - Candeira González, era, xunto co seu irmán Matías, copropietario dos serradoiros Candeira Hermanos, que alá polo ano 1916 e posteriores, estaban en plena actividade na Pasaxe (Camposancos), que daquela era unha puxante zoa industrial guardesa.  

 A formación escolar de Constantino Candeira Pérez, foi no colexio dos Xesuitas, de A Pasaxe, situado moi preto da industria madeireira familiar ubicada nesa zoa. Tamén temos constancia documental que estivo matriculado no Instituto de Pontevedra, e que - segundo consta no seu expediente, sinalado co nº 4.896 - "verificó el exámen de ingreso ante la Junta Local de Camposancos el día 28 de septiembre de 1898 y obtuvo la calificación de Aprobado". Asemade, no devandito expediente figuran as asignaturas e as notas obtidas polo alumno, nos cursos 1898-99; 1899-900; 1900-901; 1901-902; 1902-903; 1903-904; e 1904-905.

 Logo de rematar o bacharelato residiu temporalmente en Gran Bretaña, Francia e Alemania.

 Fixo a carrera de Arquitectura en Madrid, rematando seus estudos en 1921. En xuño dese mesmo ano comezou súa andaina profesional como arquitecto municipal de Medina del Campo. Nesa localidade coñeceu a dona Pilar Fernández de Araoz, con quen contraeu matrimonio en 1928.

CONSTANTINO CANDEIRA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA 

 Entre 1924 e 1930, Constantino Candeira Pérez desempeña seu labor como arquitecto do concello e tamén da arquidiocese de Santiago de Compostela, sendo moi eloxiado polas autoridades municipales e eclesiásticas e tamén por intelectuais como don Ramón Otero Pedrayo. Del, o escritor de Trasalba dixo: "(...) Candeira quere a Compostela, leva na súa alma de artista a sinfonía grave e eterna das nobres arquitecturas, das rúas que gardan un rostro e un espírito, da ordenación radiante cunha estrela da vila apostólica. Non a considera un museo de cousas respetables senon como un grande ser vivo. A Catedral, o Hospital, catro igrexas, algúns pazos isolados e coidados para satisfacción dos turistas de Baedeker, perdidos na moitedume de rúas dereitas, prazas con acacias, edificios de estilo administrativo-centralista, cartón-pedra, cemento Port-land farían de Santiago conciencia propia. E preciso gardar a unanimidade urbana nos mais pequenos recunchos, nun esquinal, nun balcón, nuha porta. Niste senso inspírase a formidable labor de Candeira. Sempre vixilante, previsor, oportuno, loita cos acordos que poidan arrincar a Compostela unha soia area do seu granito prestixioso (...)".


Campus universitario sur. Santiago de Compostela, 1950
 (Compostela Verde)

 Logo de que o inesquecible Isaac Díaz Pardo, auspiciase a publicación en Ediciós do Castro, do libro biográfico do egrexio guardés, que leva por título “O arquitecto Constantino Candeira”, da autoría da escritora Begoña Soneira Beloso (Marín, 1976),  que saiu a lus a finais de setembro de 2006, e que foi presentado na cidade de Santiago de Compostela,  consideramos no seu día (no vindeiro mes de outubro fará 16 anos) - e continuamos pensando do mesmo xeito - que sempre é un bó intre para que voltemos a falar deste arquitecto galego cuxa traxectoria profesional desenvolveuna, tanto en Galicia - nomeadamente en Santiago de Compostela -, como en Castela, concretamente na provincia de Valladolid. 

 Compre salientar que segundo afirmou nunha entrevista de Miguel Louzao Outeiro, pubricada en Madrygal, 2004, 7  181-187,  Díaz Pardo coñeceu a Candeira Pérez  (...) polo vinte e catro ou vinte e cinco cando meu pai era delineante no Concello [de Santiago de Compostela] co arquitecto Constantino Candeira, que fixo obras importantes, entre elas a reforma da Praza da Quintana, que daquela aínda aparecía con árbores. Eu coñecíno, porque estivo na casa onde nacín, porque era un centro de reunión de galeguistas. Meu pai e máis miña nai eran das Irmandades da Fala, e viñeron para Santiago no ano vinte, e dalgunha maneira viñan como representantes das Irmandades da Fala (...)”

 Asemade, Camilo Díaz Baliño, o pai de Isaac Díaz Pardo, ademáis de haber sido delineante do Concello de Santiago, foi pintor, ilustrador e escenógrafo. Sería precisamente no obradoiro do seu pai, onde Díaz Pardo coñeceu a Castelao, Constantino Candeira, José Silva, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Blanco-Amor, entre outros.

CONSTANTINO CANDEIRA, ARQUITECTO EN COMPOSTELA

 Segundo unha das consideracións recollidas na Ponencia Bi – Campus do Plano Estratéxico da Universidade de Santiago de Compostela,  “(...) O Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1988 dotou á Universidade dun novo contexto espacial, que enmarca suficientemente as necesidades desta no horizonte do Plano Estratéxico. Xeográficamente desprégase en abano a partir do punto máis elevado do núcleo monumental, situándose á sombra do Monte Pedroso e das súas estribacións, no entroque da falda co río Sarela e os rueiros configurados polo casarío tradicional. Urbanísticamente expande e consolida a decisiva implantación do Campus Sur, inspirada e levada a termo no primeiro tercio  deste século polos Rectores Blanco Rivero e Rodríguez Cadarso, con planeamento urbanístico de Constantino Candeira e arquitectura de Jenaro de la Fuente. A esta intelixente e oportuna operación seguiría máis tarde a implantación do Hospital Xeral, indiscutiblemente de menor acerto urbanístico (…)”.


Constantino Candeira Pérez, na praza do Toural (Santiago de Compostela)
Foto: Arquivo familia Candeira 


 Unha rúa no Campus Universitario Sur, lembra en Santiago de Compostela, a don Constantino Candeira Pérez, o arquitecto que, segundo a documentación da Revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, do Concello de Santiago de Compostela, do ano 1988, entre outros traballos da súa área, fixo en 1929 - como xa indicamos anteriormente -, o anteproxecto do Conxunto do Campus Universitario Sur, sendo a cargo de Jenaro de la Fuente, en 1935, o proxecto, urbanización i edificios.   

 O devandito conxunto, encádrase na arquitectura institucional,  está integrado por edificios e xerdíns, e regúlase polo Plan Especial do Campus PE-8, aprobado definitivamente. Ademáis, o edificio está incruido no Plan Especial de Protección do Patrimonio construído de Interese Cultural do termo municipal de Santiago de Compostela.

  Para Isaac Díaz Pardo [1] "(...) Constantino Candeira era un arquitecto que pasou por Santiago de Compostela, case en puntillas, durante poucos anos e que deixou un arrecendo de saber onde estar e de saber por onde ir. Foise de Santiago porque o levou a Valladolid unha, sen dúbida, encantadora vallisoletana, e quen sabe se houbo atrancos que poido ter en Compostela para aceptar o cambio. Certo que non se sabe que sorte correría se no ano 36 se atopara en Santiago, sorte que outros membros do Seminario de Estudos Galegos correron porque Candeira foi membro desta institución, expoliada en xullo do 36 no que se perdeu o seu discurso de ingreso, discurso que Otero Pedrayo consideraba excepcional sobre o coñecemento do barroco compostelán. Constantino Candeira tiña por demáis boa vinculación con persoas comprometidas, como Rafael Dieste, que padeceron o exilio, e tamén era amigo de meu pai que acadara unha sorte peor. 

 Meu proxenitor era o delineante municipal e tiña trato diario con Candeira no estudo de arquitectura que tiña no Concello. Con frecuencia viña polo taller de escenografía de meu pai. Eu o recordo perfectamente axudándolle a resolver problemas de perspectiva sobre os telóns escenográficos de papel tendidos no chan. Aínda estabamos nos tempos do puro teatro a la italiana do que aínda non nos temos desvencellado. Por conversas que escoitaba na casa meu pai o admiraba moito e recordo os seus lamentos cando se foi para Valladolid. 

 Velahí fica esa Praza da Quintana dos Mortos con esa limpeza arquitectónica coa que a restaurou que non é posible ver ou falar deste recinto de tan fondo significado, sen recordar ó arquitecto Constantino Candeira". 

 Con esas verbas, Isaac Díaz Pardo legounos unha testemuña excepcional sobre o arquitecto guardés.

CANDEIRA MEMBRO DO ATENEO CIENTÍFICO, LITERARIO Y ARTÍSTICO DE MADRID 

 Das inquedanzas socio-culturais do prestixioso arquitecto guardés don Constantino Candeira Pérez, temos suficentes probas, e para mostra un botón: O Ateneo Científico, Literario y Artístico de Madrid (sic), publicou en marzo de 1914, unha Lista de Señores Socios (sic), que viu a luz na Imprenta de la Suc. de M. Minuesa de los Ríos, sita daquela na rúa Miguel Servet, 13, de Madrid, na cal figuran ilustres personalidades de todos os ámetos culturais, económicos e socio-políticos. Na devandita lista, ademáis de salientables persoalidades que figuran como Socias de Mérito, como dona Emilia Pardo Bazán (Condesa de Pardo Bazán), o escritor don Benito Pérez Galdós ou don Santiago Ramón y Cajal (da Real Academia de Ciencias, doutor en Medicina, publicitario e catedrático da Universidad Central), entre outras, como o pintor don Joaquín Sorolla; vemos ó guardés don Francisco Álvarez Conzi (socio de nº 8.697, con domicilio na rúa Valverde,  20 - 3º, de Madrid), xurista, catedrático, literato, políglota e escritor - autor, entre outras obras, do libro Reflexiones y Efusiones (Madrid, 1914) -, como secretario 1º, da Sección de Filosofía, que estaba presidida por don José Ortega y Gasset – cuxo enderezo era na rúa Zurbano, 22 da capital madrileña -, e como socios de número, a persoalidades como o monarca don Alfonso de Borbón, con enderezo no Palacio Real,  e na ampla lista, vemos tamén ao arquitecto guardés don Constantino Candeira Pérez, socio nº 9.109, que tiña seu enderezo na rúa San Felipe Neri, nº 4, 1º dereita, na capital madrileña.

 Polos datos que constan na devandita relación de Señores Socios, don Constantino Candeira Pérez, ingresou como socio do Ateneo de Madrid, no ano 1912, sendo presidente da entidade don Segismundo Moret, gaditano, propietario de facendas, literato e político.

 Compre salientar que na Junta de Gobierno (sic) do Ateneo de Madrid, vemos entre outros destacados persoeiros, o avogado don Manuel Azaña Díaz, como Secretario 1º, quen anos despois sería presidente da IIª República Española.

CONSTANTINO CANDEIRA, EN VALLADOLID

 En Valladolid, Constantino Candeira Pérez desenvolvería unha fecunda actividade. Da súa presencia nesa provincia, dánnos boa fe, a colección de fotografías, de edificios e paisaxes, que Constantino Candeira realizou por aquelas terras, e que hoxendía se amosan na Fundación Joaquín Díaz, da Deputación de Valladolid. 


Portada de Alonso Berruguete en el Retablo de San Benito el Real de Valladolid: discurso leído ante la Real Academia de Bellas Artes de la Purísima Concepción de Valladolid por D. Constantino Candeira Pérez en su recepción pública el día 23 de Enero de 1960 y contestación de Don Francisco Anton Caseca Académico de Número de la Corporación

 Por outra parte, sabemos que “Alonso de Berruguete en el Retablo de San Benito el Real de Valladolid”, é o título do discurso de ingreso como académico lído diante da Real Academia de Bellas Artes de la Purísima Concepción de Valladolid, por don Constantino Candeira Pérez, na súa recepción pública, que tivo lugar o día 23 de xaneiro de 1960, e cuia contestación foi realizada por don Francisco Antón Casaseca. 

 Compre salientar que dentro dos antecedentes históricos do devandito retablo de San Bieito, denantes de escomenzar un recente estudo e restauración, sabemos que atopaban agrupados por corpos parcialmente montados nas salas I, II, III do Museo Nacional de Escultura, de Valladolid. Esa instalación, segundo puidemos saber, correspondía a montaxe que realizou, entre 1933 e 1955, o arquitecto Constantino Candeira Pérez. 

 Candeira conqueriu reconstruir parcialmente o retablo, seguindo o croquis que da súa estructura. fixera o arquitecto Iturralde. 

 Segundo Cristina Villar, restauradora especialista en pintura e licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, que desde 1988 tén traballado en restauracións de retablos – como o de San Bieito, de Valladolid -, “(...) En líneas generales el montaje fue fiel a los documentos existentes hasta entonces. Sin embargo, la falta de numerosos documentos obligó a incluir reproducciones de distintos materiales siguiendo criterios museísticos.

 En la presentación de su trabajo, Candeira (1933) explica las razones que le guiaron a elegir las posibles soluciones, y anota las faltas o lagunas que no se atrevió o no supo resolver. Relata que han pasado veinticinco años desde el primer intento de reconstrucción, e identifica adaptaciones ya hechas de las que duda de su exactitud (…)”.

 Cristina Villar afirma igualmente: “(…) Los criterios y reconstrucción de elementos utilizados en este montaje, fueron coincidentes con los criterios actuales, puesto que hoy en día los criterios de reproducción de elementos son muy similares, existiendo sólo cambios en los materiales (…)”.


Portada da Guía del Museo Nacional de Escultura de Valladolid

 Sendo subdirector do Museo Nacional de Escultura de Valladolid, Constantino Candeira Pérez publicou en 1945, unha guía desa institución museística, cuxa edición foi patrocinada polo Gobernador Civil de Valladolid, don Tomás Romojaro Sánchez.   

 A  guía - de 126 páxinas – viu a luz no prelo de Gráficas Perdiguero, sita en Héroes de Teruel, 4, de Valladolid. Nesa pubricación queda de manifesto - ademáis da autoridade e coñecimentos que Candeira posúe na arte escultórica -,  súa participación nas tarefas de dirección, na restauración e limpeza - desenvolvidas en 1932 -,  do Colexio de San Gregorio, declarado monumento nacional por R. O. de 18 de Abril de 1884.   

 Tamén temos referencia de primeira orde, na Universidad de Valladolid, cuxa nova sede universitaria foi inaugurada por Alfonso XIII en 1915, segundo figura na grande vidriera da escaleira principal. Ocupada en grande parte por oficinas militares e policiais durante a Guerra Civil, en abril de 1939 un incendio destruíu algúns sectores do inmoble. Nos anos seguintes, até 1944, foi reconstruido por Constantino Candeira. A modificación máis significativa produciuse na monumental escaleira imperial, na que o arquitecto galego suprimiu dous dos desembarcos no piso superior, cuxa lembranza mantense nos dous balcóns laterais. A ese intre tamén pertence o alicatado de Talavera que cobre, a xeito de zócalo, a parte baixa dos muros nos pasillos de ambas alturas.  


Antigo depósito e refinería de aceite Hipesa, coñecido actualmente como Casa del Barco, en Valladolid (Constantino Candeira, 1935). En outubro de 2021, recibiu a placa DOCOMOMO como edificio de especial valor patrimonial

 A Constantino Candeira Pérez, vémolo tamén na capital vallisoletana, como arquitecto das oficinas da refinería de aceites Hipesa, 1935-1936, así como realizou un importante labor como urbanista.  

 Nesa época foi académico da Real Academia de Bellas Artes de la Purísima Concepción de Valladolid (1935), na que non ingresou ata 1960.

 En 1947, foi nomeado académico correspondente da Real de Bellas Artes de San Fernando.

CONSTANTINO CANDEIRA, PRESO EN VALLADOLID

 Porqué Constantino Candeira Pérez non ingresou na Real Academia de Bellas Artes de la Purísima Concepción de Valladolid ata 1960? 

 A resposta a esa pregunta que este cronista se formula, pode estar nos seguintes parágrafos, nos que se expón o caso de Constantino Candeira, arquitecto da Deputación de Valladolid e preso no Cárcere Novo desa cidade [2]: 

 "(...) La espera angustiosa de [Antonio] Torres Bartual se prolongó hasta la madrugada del 13 de abril de 1937, momento en que lo sacaron de la celda para fusilarlo en el Campo de San Isidro, paredón oficial de los sublevados. La fecha elegida parecía una burla: el 14 se cumplía el aniversario del advenimiento de la República por la que tanto había trabajado. La vida y la muerte de Antonio Torres Bartual quedaba unida para siempre al recuerdo de la causa por la que le arrebataban la vida.

 El día siguiente, 14 de abril, coincidiendo con el aniversario de la República, comunicaron a Constantino Candeira la fecha de su juicio: el 17 de abril. Candeira fue el que salió mejor parado de todos ellos. Durante su estancia en prisión escribió muchas cartas a su esposa, y en ellas describía la situación. Por esas cartas conocemos algunos detalles de la vida en la cárcel, como los que se recogen a continuación:

 La celda era muy pequeña, y sólo disponía de un jergón que extendían en el suelo al llegar la noche; más adelante consiguieron que las familias les hicieran llegar unas sillas plegables.

 Contaban con los servicios de un preso común, detenido por robar unas gallinas; este hombre fregaba los platos y el suelo de la celda por una peseta semanal. En una ocasión, hubo que desinsectar la celda, invadida por chinches. Un hojalatero las eliminó con su soplete, cobrando dos pesetas.

 Los compañeros eran solidarios. En una ocasión Candeira solicita a su esposa dinero extra, porque “los de mi celda se han quedado sin dinero y he tenido que subvenir a sus necesidades”.

 (Recordemos que la mujer de Antonio Torres, sin medios materiales, con dos niños pequeños, sin familia alguna en la ciudad y acosada por los golpistas, tuvo incluso que abandonar su hogar) .

 Durante los primeros meses tras la sublevación, se dio cierta tolerancia en el régimen carcelario, y se permitía a los reclusos recibir dinero, alimentos y otros socorros del exterior. El dinero era indispensable para suavizar la dureza del régimen carcelario.

 Los presos que disponían de dinero recibían el desayuno del Bar Baldomero, cercano a la cárcel; se componía de café con leche y una pieza de pan, que les costaba 70 céntimos, más la propina.

 Diariamente, los familiares podían introducir una cesta con la comida. Un recluso que tenía el cargo de ordenanza recogía las cestas y las repartía por las celdas.

 Muchas veces las cestas llegaban disminuidas, porque las mafias existentes en la cárcel robaban todo aquello que les apetecía (en la cárcel estaban los presos comunes de antes del golpe, pero algunos guardianes también colaboraban en el aligeramiento de las cestas).

 El dinero era imprescindible para soportar el día a día. Los presos solicitaban a sus familias cantidades pequeñas, con el fin de no sufrir robos o extorsiones por parte sobre todo de sus guardianes. Las cantidades recibidas oscilaban entre dos y cinco duros. Con este dinero compraban los servicios de presos comunes y repartían propinas. Así podían mantener la higiene personal y de su celda. Las propinas regulaban todo: el uso del servicio, la limpieza de los platos, la desinfección de las celdas…. Y por supuesto, la buena voluntad de los guardianes (...)".

CANDEIRA INTERVÉN NO MUSEO CASA DE CERVANTES DE 1948  

 Continuando en Valladolid, o Patronato de las Fundaciones Vega Inclán, creado en 1928, adoitou o acordo de continuar o labor escomenzada polo propio marqués - Benigno Mariano Pedro Casto de la Vega-Inclán y Flaquer - na Casa de Cervantes de Valladolid, e encomendóuselles a Francisco Javier Sánchez Cantón, Subdirector do Museo del Prado, e a Constantino Candeira Pérez, arquitecto e subdirector do Museo Nacional de Escultura, de Valladolid, o proxecto dun museo na vivenda cervantina.   

 Para a recreación da vivenda pucelana recorreron a consulta de diversos  documentos, como cartas de dote e testamentos, nos cales podíanse rastrexar obxectos e trebellos que posuíu a familia, ainda que sen dúbida, a interpretación obtida excede a holgura de relativo benestar que don Miguel de Cervantes desfrutou perante súa estadía vallisoletana. 

 Da presenza activa do prestixioso arquitecto guardés na devandita capital castelá, quedaron diversas referencias, entre elas, a relativa o proxecto de reforma do adro da S.I. Catedral Metropolitana de Nosa Señora da Asunción,  onde, segundo José Antonio García de Coca, sendo concelleiro de Urbanismo do axuntamento de Valladolid,  de “(…) los trabajos ganadores del concurso organizado en 1942 para urbanizar ese espacio ya recogían la demolición de la plataforma de piedra, y fueron redactados por arquitectos como Carlos de Miguel, Manuel Martínez Chumillas, Carlos Sidro, José Subirana, Fernando Chueca Goitia o Constantino Candeira, entre otros”. 


Solución du cruceiro da Catedral de Valladolid e urbanización do espazo que a rodea, que Constantino Candeira Pérez presentou no Concurso Nacional de Arquitectura do ano 1942, e que foi premiada cun accésit 
 Fonte: Revista Nacional de Arquitectura, nº 23 - Nov.1943 


 Grazas a un traballo de Esperanza Navarrete Martínez, datado en Madrid, 2001, con correccións en xaneiro de 2006. baseado na Guía – Índice, do ano 1986, que como instrumento de descrición ofrece o Arquivo da Academia de Bellas Artes San Fernando -  (Comisiones Provinciales y Comisión Central de Monumentos Histórico – Artísticos (Parte 1ª), a Constantino Candeira Pérez, vémolo na relación alfabética, de académicos correspondentes e outro persoal,  das Comisións Provinciais de Monumentos de: Murcia, Navarra, Ourense, Palencia, Pontevedra, Salamanca, Santa Cruz de Tenerife, Segovia, Sevilla,  Soria, Tarragona, Teruel, Toledo, Valencia, Valladolid, Bizcaia, Zamora e Zaragoza, como descritor onomástico. 

 Queremos pensar que a presenza de don Constantino Candeira Pérez, na devandita relación, sería en representación da Comisión Provincial de Monumentos de Valladolid.

A FAMILIA CANDEIRA CONTINÚA VENCELLADA Á GUARDA

 Casado con dona Mª del Pilar Fernández de Araoz y de la Devesa, de Medina del Campo, (Valladolid), onde o egrexio arquitecto guardés exerceu como arquitecto municipal, logo de rematar súa carreira universitaria; o matrimonio tivo catro fillos: Miguel, Margarita, Javier Pablo e María del Pilar Candeira Fernández de Araoz. Actualmente tan soio vive María del Pilar.


Campas das sepulturas da familia Candeira Pérez
Foto: Infogauda

 Constantino Candeira Pérez finou en Valladolid - domicilio último Avda. General Franco, nº 3 - 2º -, o día 6 de marzo de 1962, recibindo sepultura na capital pucelana. 

 Algunha fonte indica erroneamente que "(...) está enterrado no panteón familiar do cemiterio de Camposancos (...)". Este cronista fixo as correspondentes pescudas, e podemos indicar que segundo referencias orais de súa filla María del Pilar Candeira Fernández de Araoz, os restos mortais de seu pai serían trasladados posteriormente o cemiterio parroquial de A Guarda, ainda que na campa non constan máis que os nomes e apelidos dos proxenitores:  Constantino Candeira González e Consuelo Pérez López.   

 Sobre Constantino Candeira Pérez, un guardés que honra a súa vila de nacemento, moito - e bon - se pode decir. 

 Con esta crónica convidamos a que se promova a organización dunha exposición monográfica sobre ese prestixioso arquitecto, e desde os centros de ensino de A Guarda se exhorte ao alumnado a facer un achegamento á figura de Constantino Candeira Pérez.


Bibl.:

1. B. Soneira Beloso, O Arquitecto Constantino Candeira, A Coruña, Edicios do Castro, 2006.

2. J.M. Palomares,“La guerra civil en la ciudad de Valladolid”, E. Ayuntamiento de Valladolid, 2001 Páx. 155.

Ningún comentario:

Publicar un comentario