CARLOS MIGUEL RODRÍGUEZ, EX CAMPIÓN DE ESPAÑA DE BOXEO, PREGOEIRO DAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA, 2025
• Este luns, 4 de agosto, ás 20:00h, na praza de Reló, pronunciará o pregón
Carlos Miguel Rodríguez, sentado ao centro entre Francisco Amoedo e Fernando Bernárdez, rodeados de púxiles que no seu momento adestraban na Polideportivo Saudade
Foto cortesía do Polideportivo Saudade, de Vigo
Infogauda / A Guarda
As Festas do Monte Santa Trega, 2025, que comezarán mañá, contarán nesta edición cun pregoeiro moi vencellado á vila de A Guarda: Carlos Miguel Rodríguez.
O acto de comezo oficial das Festas do Monte Santa Trega, celebrarase este luns, día 4 de agosto, ás 20:00 horas, na praza de Reló.
Carlos Miguel Rodríguez, con ascendencia guardesa, por parte materna, é unha persoa que encarna a modestia como xeito de andar pola vida. Temos plena confianza en que súa presenza na vila de A Guarda vai ser correspondida coa asistencia de moitos guardeses e visitantes, que saben valorar os méritos dun deportista galego que foi toda unha referencia na súa época.
Carlos Miguel Rodríguez
Carlos Miguel Rodriguez (Vigo, 1957) comezou a súa carreira deportiva no boxeo, con triunfo aos puntos ante o madrileño Miguel Montes, e finalizouna con derrota no seu intento de conquistar o Campionato Europeo ante o vallecano Poli Díaz. Entre ambos os dous combates, realizou máis de medio centenar de combates conseguindo 9 cordóns nacionais nas 15 ocasións que optou ao titulo de España dos distintos pesos pluma, super-pluma e lixeiro.
A maiores, foi aspirante ao título europeo en 3 ocasións. A primeira en Vigo ante Carlos - ¨Pecho Liebre¨ - Hernández; a segunda en León fronte ao todopoderoso Roberto Castañón, e a terceira en Carballo enfrontándose ao madrileño Policarpo Díaz Arévalo.
Dentro dunha velada, organizada polo promotor e ex boxeador coruñés Fernando Castro Rey, o boxeador olívico conquista o seu primeiro cinto nacional super-pluma vencendo por puntos, en Vigo, ao excelente púxil tinerfeño Ramón García Marichal. Reteno en 2 ocasións ante Mimoum - ¨Chato Melillense¨ - Amar e Pedro Molledo.
No outono de 1981 accede por primeira vez ao título europeo que ostenta o fenomenal boxeador valenciano Carlos Hernández Fraile, quen lle vence por ko na cidade olívica. Fai táboas por un novo cordón nacional con Hugo Carrizo. Conquista un novo título de España ante Benito Murillo, e reteno ante García Marichal, para deixalo ante os puños do leóns Roberto Castañón.
Tenta infructuosamente, e por segunda ocasión, o asalto ao campionato de Europa que está en posesión do acoirazado leonés Roberto Castañón González, que lle vence por puntos na cidade de León. Volve optar ao nacional facendo combate nulo con Esteban Eguía, e persiste ante J. Luis Bicho, saíndo derrotado por puntos en Vigo.
Sobe ao peso lixeiro e alcanza o seu primeiro cinto da categoría, ante Hugo Carrizo. Reteno ante Jesús Matilla ao que vence por ko técnico e pérdeo en Vigo fronte a José Antonio Hernando, o cal volve vencer á figura olívica no combate de desquite celebrado en Burgos 3 meses máis tarde.
Enfróntase en Villafranca de Ordícia a un puxante e invicto Poli Diaz, que lle vence por puntos. Viaxa a Francia para perder por puntos co campión europeo e mundial Daniel Londas, e a Italia onde lle esperaba outro campión mundial como o tunisiano Kamel Bou-Ali, que lle derrota por ko.
Obtén outros dous novos triunfos ante Ángel Rodríguez de Pedro e José Manuel Guervos, e alcanza un novo cordón nacional da división do lixeiro, gañando en Vigo ao dominicano nacionalizado Domingo González Padilla. Vence en 2 ocasións a José María Areas e retén o seu cordón do lixeiro facendo combate nulo en Nigrán co andaluz José Carlos Canteiro.
Corría o verán do ano 1990 cando Carlos Miguel Rodríguez decide retirarse da competición despois de perder o seu terceiro combate no intento dunha coroa europea, nesta postremeira ocasión, ante o vallecano Poli Díaz.
Reside en Vigo, e é empresario dun establecemento de complementos e material deportivo.
Fonte:boxeodemedianoche.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario