FÚTBOL
REXIONAL PREFERENTE - FASE DE PERMANENCIA
O SPORTING GUARDÉS RECIBIRÁ AO C. D. VELLE
O domingo día 17 de abril, ás 6:00 da tarde no Estadio Municipal A Sangriña
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Logo de haber rematado o pasado 30 de marzo, a tempada 2021-22 da liga de Rexional Preferente, o Sporting Guardés atópase na competición denominada fase de permanencia, na que están involucrados cinco equipos (C.D. Valladares, Céltiga F.C., C. D. Velle, Sporting Guardés e Polígono San Ciprián).
Na xornada 1 o Sporting Guardés descansou. Na xornada 2, logrou empatar (1-1) a domicilio co Polígono San Ciprián, e na xornada 3, o Sporting Guardés desprazouse a Illa de Arousa, onde perdeu 3-0 co Céltiga, F. C.
Con eses datos, a día de hoxe, o conxunto de A Guarda atópase no 4º posto da táboa, con 6 puntos no seu haber. Os mesmos que posúe o C.D.Velle, que atópase no 3º posto da clasificación.
Será precisamente o equipo ourensán o próximo rival do conxunto guardesista. Ambas as dúas escuadras disputarán o encontro do vindeiro domingo día 17 de abril, ás 6:00 da tarde no Estadio Municipal A Sangriña, de A Guarda.
A priori, o C.D. Velle ten que tentar dobregar ao Sporting Guardés se quere manterse con opcións de conservar a categoría. Do mesmo xeito, o Sporting Guardés deberá ter á intelixencia e o pundor necesarios para vencer ao conxunto visitante, precisamente para tentar gabear unha posición na táboa e procurar a permanencia na categoría. Son razóns máis que suficientes para pensar que o encontro vai ter alicientes para que ambos os dous equipos ofrezan unha interesante tarde de fútbol.
Ningún comentario:
Publicar un comentario