4 de ago. de 2025

A GUARDA

Logo dun ano agardando por elas

Hoxe comezan as Festas do Monte Sante Trega 

 As máis esperadas pola veciñanza de A Guarda e súa contorna, pois conlevan momentos de reencontro para moitas familias 

 

Cartel das Festas do Monte Santa Trega, 2025
Foto: Arturo Martínez González

Infogauda / A Guarda

 A Guarda xa vive a súa semana grande coas Festas do Monte Santa Trega. Son moitas as persoas que levan un ano agardando estas datas e cuxa espera se intensifica nos días previos cos preparativos dos bombos e caixas, comidas e traxes.  

A súa orixe  

 Estas festas - decradas de Interese Turístico de Galicia - xa pasan os 100 anos e sempre co monte Santa Trega como protagonista. A Sociedad Pro-Monte Santa Tecla creouse en 1912 para revitalizar as celebracións relixiosas da ermita; recuperar o seu bosque e embelecer a contornao, así como construír unha estrada de acceso.   

 Un ano despois, en 1913, a Sociedad Pro-Monte organizou a primeira Festa do Monte, reunindo para comer e desfrutar do folclore en familia. Rapidamente a festa traspasou ás familias membros da sociedade e estendeuse con popularidade entre a veciñanzaos guardesa.   

 Co paso dos anos, perdeuse a parte relixiosa da festa e acercándose ao folclórico con música, bailes, comida campestre, e rituais báquicos con tintos do país.  

Programación de 2025  

 A programación das Festas do Monte Santa Trega 2025 comezaron o pasado sábado coas actividades deportivas. O sábado disputouse o VI Torneo de Petanca, que arrancou as actividades deportivas que se completan co Marcha Cicloturista Popular do martes, e pecharase o xoves co partido de fútbol Sporting Guardés - C. D. Valladares e co XXIV Campionato de exhibición de xadrez do vindeiro xoves, na raza do Reló.  

 Na tarde deste luns, a praza do Reló tamén será testemuña do pregón deste ano co que dará comezo oficial a festa que rematará o próximo luns 11 coa gran tirada de fogos.   

 Durante toda a semana, de luns a venres, diferentes grupos tradicionais locais encherán de música as rúas: 

Luns 4 – Grupo de gaitas Do Lusco ó Fusco. 

Martes 5 – Grupo de gaitas A Boalleira. 

Mércores 6 – Grupo de gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda. 

Xoves 7 – Grupo folclórico Tra-lo Mosteiro, de Oia. 

Venres 8 – Grupo de gaitas A Boalleira e Grupo de gaitas do Cub da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda.  

 Mais durante a noite, a música e a festa continúa coas verbenas na Alameda: 

Luns 4 – Orquestra Pontevedra e Takicardia 

Martes 5 – Orquestra Ritmo Joven e La Travesía 

Mércores 6 – Orquestra Combo Dominicano e Alabama 

Xoves 7 – Orquestra Gran Parada e Solara 

Venres 8 – Orquestra La Nave e Talismán 

Sábado 9 – Orquestra La Década Prodigiosa e M80 

 Ademais, o mércores celébrase o Rock in Fervenza na praza Avelino Vicente que trae a grupos galegos pero tamén de toda España para desfrutar do mellor rock & roll, e garage punk rock. Os grupos que actuarán na edición deste ano son: The Blow Ups, Pladur, Maighnai Children, Eh Mertxe e Los Oddballs.  

Desfile folclórico e das bandas mariñeiras

 E co paso da semana chégase aos momentos máis altos da Festa do Monte coa fin de semana tan especial para toda á veciñanza guardesa. O sábado, ás 11:30h comezará o desfile folclórico e das bandas mariñeiras que levarán aos grupos tradicionais locais, grupos de persoas ataviadas con traxes típicos galegos (de cotío, gala,...), e ás bandas mariñeiras desde a Alameda ata o Porto. Aínda que o son dos bombos xa se escoitará de madrugada, xa que son moitos os que non descansan desde o venres á noite para desfrutar do sábado máis especial do ano.   


Grupo de gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda
Foto: Infogauda

Grupo de mulleres ataviadas con traxes típicos galegos no desfile das Festas do Monte Santa Trega
Foto: Infogauda
Vista
 da Banda Negra, decana das bandas mariñeiras
Foto: Infogauda

 

 As bandas mariñeiras, formadas por familias enteiras e amizades, destacan cada unha cun toque de percusión - bombo, caixa, tambor,... -,  diferente, así como pola súa vestimenta. Son un total de 21 bandas mariñeiras, algunhas delas con 200 ou 300 membros. 

 O desfile organízase por orde de antigüidade das bandas, mais este ano a banda Os da Alba abrirá o paso ao cumprir 25 anos. A continuación, seguiranna: 

Banda Negra 

Mau Mau 

Banda Roxa 

Os Perdidos 

O Ceu Escuro 

A Troulada 

Os Despistados 

A Desfeita 

A Chicadoira 

Os da Corea 

Os do Rancho 

A Carallada 

A Foliada 

Á Beira do Río 

Banda Ribadela 

O Pé do Trega 

Nova Semente 

A Fervenza Tinta 

Do outro lado do Monte 

Ó Amparo do Monte  

Día do Monte

 O domingo 10, Día do Monte, será a subida tradicional ao Monte Santa Trega. As 21 bandas suben ao monte ao son das súas gaitas, bombos e caixas durante a mañá para a comida campestre e a xura con viño.  

Como se vive un Domingo do Monte?  

 O Domingo do Monte é un día moi especial para toda á veciñanza guardesa, pois á cidadanía leva todo o ano agardando por estes días. O Día do Monte supón unha xornada de reencontro para moitas familias, xa que na Guarda hai moitos homes que traballan no mar e que tentan facer coincidir estas datas con o seu descanso.  

 Durante a semana e especialmente durante a xornada anterior e primeiras horas do domingo, as familias preparan a comida campestre que desfrutarán todos xuntos. Moitas veces, os membros máis maiores soben en coche ao Monte Santa Trega para preparar o sitio da comida, ao que horas máis tarde chegarán os máis novos que suben a pé coas caixas ou bombos ás súas costas.   

 Ás 11:00 pecharase o acceso a vehículos para subir ao monte, xa que en breve comezan a subir as bandas mariñeiras encabezadas coas súas bandeiras. Ao seu paso vai deixando aos diferentes membros que van atopando as súas familias para unirse á comida, aínda que a gran maioría chega ata a casa forestal, ao redor da cal se xunta a maior cantidade de xente a comer.  

 A única banda que continúa o seu camiño é a Banda Negra, a máis lonxeva, que é a única que realiza a súa “xura” pola mañá.  

 A comida é unha comuñón laica entre familias e amizades que desfrutan de empanadas, tortillas, bistés, marisco, bocatas,..., e postres típicos como rosca de xema, bica, tarta de Santiago,... 

 Tras recuperar forzas, os membros das bandas suben cada unha delas, ata os respectivos lugares do Monte Santa Trega para realizar as súas “xuras”. A xura realízase con viño tinto da zona en garrafóns, e conleva unha promesa de voltar o ano seguinte a celebrar o Día do Monte.  

 O resto da tarde o balbordo de bombos e caixas e contínuo, sendo impresionante a estampa colectiva, cheo de cor de vitalidade, que ofrecen os integrantes das diversas bandas, concentradas polas súas zonas de xura. 

 Ao final da tarde, as bandas emprenden a súa baixada ata o “Montiño”, ou Parque do Cancelón, un merendeiro situado na aba do Monte Santa Trega, onde cean gran parte das familias.   

 Tras outro merecido descanso, as bandas mariñeiras realizan a súa “Baixada do Monte” cara os seus lugares de orixe con ganas xa de voltar o ano que vén.    

Uns fogos de artificio que reúnen a todo o pobo  

 A tradicional gran tirada de fogos de artificio do luns día 11, ás 24:00 horas, será o momento de despedida da presente edición das Festas do Monte Santa Trega. que quedan atrás. 


A tirada de fogos de lucería é un espectáculo que atrae a moitas persoas
Foto: Infogauda

 Moitas persoas xúntanse no paseo marítimo e no porto para ver este espectáculo de fogos de artificio que dura entre 10-15 minutos. Pero cada vez máis, a xente busca lugares alternativos con vistas tamén espectaculares dos fogos como son o barrio da Cruzada (praza de san Caetano e estrada de Circunvalación), a zona das Loucenzas, ou o propio Monte Santa Trega.  Minutos antes, comeza a emoción da despedida co apagado do alumeado público para desfrutar mellor destes fogos de artificio.  

 Con todo, queda claro que as Festas do Monte Santa Trega son máis que unha festa para os guardeses e guardesas. É todo un sentimento. 

Vivan as Festas do Monte!

Ningún comentario:

Publicar un comentario